Teresa Abuín gaña o Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

A reportaxe emitida na TVG sobre o impacto do cambio climático no nivel das augas convenceu ao xurado da sétima edición

A reportaxe emitida na TVG sobre o impacto do cambio climático no nivel das augas convenceu ao xurado da sétima edición
A reportaxe 'Costa inundable' sobre o cambio climático e o seu impacto na subida de nivel do mar, valeulle á xornalista da Televisión de Galicia Teresa Abuín Tubío (Rianxo, 1970) o Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas 2022, convocado pola Real Academia Galega de Ciencias e a Xunta de Galicia. A peza foi emitida en xaneiro pola CRTVG no programa de actualidade 'Vivir Aquí'. Na súa acta de resolución desta sétima edición do galardón o xurado gaba da reportaxe "a súa boa planificación para abordar desde Galicia un tema global como é o cambio climático e o seu impacto na subida do nivel do mar". Tamén apunta "un tratamento exento de catastrofismo, con ampla riqueza de fontes e dotado dun bo hábitat sonoro que proporciona significado e sentido á narrativa audiovisual".

Licenciada en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid, Teresa Abuín leva 27 anos traballando na TVG, en programas como 'Galicia Enteira', 'Alalá', 'No bico un cantar' e 'Vivir Aquí'. Con anterioridade traballou en Antena 3 Radio en Madrid, na Asociación de Periodistas de Información Económica (APIE), na delegación de Santiago de La Voz de Galicia e na Produtora Olympus Comunicación. O premio ten unha dotación de 3.000 euros e entregarase o vindeiro 15 de xuño no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela. O accésit do certame, foi para unha reportaxe sobre a ameaza de macrogranxas na Limia da xornalista Mar Álvarez (Santiago, 1999), publicada en Nós Diario. O xurado valorou que "é unha peza xornalística que aborda un tema de actualidade que afecta a Galicia, achegando diversidade de fontes e con certo alarde fotográfico e narrativo". A galardoada recibirá unha dotación de 1.000 euros.