A edición galega reforza a súa proxección internacional na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña da man da Asociación Galega de Editoras (AGE), do 13 ao 16 de abril, onde contará cun espazo propio dentro do posto da Federación de Gremios de Editores de España. BBF, de carácter exclusivamente profesional, está considerada como a feira internacional máis importante para a industria editorial en compra e venda de dereitos de literatura infantil e xuvenil.
Embora Edicións, Kalandraka, Triqueta Verde, Patas de Peixe, Edicións do Cumio, Tambre-Edelvives e Laiovento son as 7 empresas asociadas á AGE que participarán presencialmente no espazo colectivo da Asociación Galega de Editoras ata o 16 de abril. Patas de peixe e Laiovento asisten á feira como visitantes mentres que Tambre-Edelvives e Kalandraka contarán tamén con espazo propio. As editoriais desprazadas do gremio galego manterán xuntanzas de traballo con representantes do sector internacional, cunha axenda pechada meses antes da celebración da Feira, ademais de realizar presentacións de libros, no propio stand e nas librarías da cidade de Boloña, como é o caso de Kalandraka Editora. Desde o espazo da Asociación Galega de Editoras na BBF, daranse a coñecer as novidades das editoras galegas desprazadas e difundirase un novo catálogo de dereitos cunha selección de case 40 títulos baixo o lema Galician books. Bologna 2026 que xa se pode consultar en liña. A presenza da AGE en Boloña conta co apoio de CEDRO (Centro Español de Derechos Reprográficos)


