As editoriais da AGE xa están en Boloña con posto propio

Durante esta feira internacional repartirase o novo catálogo de libros infantís 2018

Durante esta feira internacional repartirase o novo catálogo de libros infantís 2018
Posto da Asociación Galega de Editoras na Feira de Boloña Foto:AGE
A Asociación Galega de Editoras (AGE) participa desde hoxe, por primeira vez, con posto propio na Feira Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña (italia), coa colaboración de CEDRO (Centro Español de Derechos Reprográficos). A 55ª edición da BBF que se celebra ata o 29 de marzo é a feira internacional máis importante en compra e venda de dereitos de autor infantil e xuvenil. Alvarellos Editora, Embora Edicións, Kalandraka Editora, Hércules de Ediciones, Nova Galicia Edicións, Urco Editora, Edicións Xerais de Galicia, Galaxia Editorial e Oqueleo, son as empresas asociadas á AGE que participan no posto colectivo da entidade. Kalandraka Editora e Nova Galicia Edicións contarán tamén, un ano máis, con stand propio na feira.

No propio posto da asociación estará dispoñible tamén o recentemente presentado Catálogo de Libros infantís e xuvenís de Galicia 2018. Cunha tiraxe de 300 exemplares a publicación está editada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en colaboración coa Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, Gálix, e co apoio da Asociación Galega de Editores (AGE). Este catálogo está destinado á presentación comercial do libro galego no exterior e difunde a produción galega máis recente para as lectoras e os lectores novos, con máis de 130 títulos publicados no último ano por 28 editoriais. A edición trilingüe do catálogo, en galego, castelán e inglés, permítelles a escritores, ilustradores e editores contar cun material de presentación para a promoción dos seus libros nos encontros internacionais do sector coma este de Boloña. O catálogo tamén está dispoñible para descarga a través da web de Cultura da Xunta de Galicia.