Ir ao contido directamente.


Noticias

Músicas Galegas Ilustradas presenta unha axenda de concertos

Xénero: Miscelánea | 12 / 2 / 2019

imaxe non dispoñible

O proxecto Músicas Galegas Ilustradas, da ilustradora e baixista Laura Romero, ven de dar un paso máis no seu importante traballo de visibilización das mulleres que fan música no panorama galego. Con máis de 200 mulleres retratadas na web do proxecto agora tamén se inclúe a modo de axenda a información de onde se poden ver a estas mulleres en concerto dentro da xeografía galega. A gora mesmo a web manexa xa a información destes directos do mes de febreiro e marzo ofrecendo máis de trinta eventos. Músicas galegas Ilustradas foi un dos proxectos finalistas nos pasados Premios Martín Códax da Música na categoría de medios de comunicación. Ademais destes contidos o web recolle outroas moitas informacións relevantes de cara a avanzar na igualdade de xénero na música, como as procentaxesde presenza feminina nos carteis de festivais, por exemplo.

O XIIº Festival Pórtico do Paraíso afonda no seu carácter ecléctico

Xénero: Clásica/Lírica | 8 / 2 / 2019

imaxe non dispoñible

Un total de sete concertos a cargo de recoñecidas formacións no ámbito da música culta integran o programa da duodécima edición do Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso, que se celebrará na cidade de Ourense, en Leiro e en Allariz entre os vindeiros días 15 e 24 de marzo. Na presentación do evento o seu director, Juan Enrique Miguens, incidiu que esta edición reforza o carácter ecléctico dun festival que inclúe formacións e repertorios pouco habituais no circuíto da música culta, como obras contemporáneas. A celebración dos recitais en espazos de especial interese arquitectónico e patrimonial é outro dos sinais de identidade do Pórtico do Paraíso, organizado pola asociación Pórtico Musical. Así, a catedral de San Martiño de Ourense acollerá a inauguración do festival o 15 de marzo co grupo vocal italiano Odhecaton como protagonista. O festival esténdese este ano por terceira vez a outros concellos e templos da provincia, como son neste caso a igrexa do mosteiro de San Clodio, en Leiro, onde o grupo instrumental valisoletano Los Músicos de Urueña actuará o sábado 16; e a igrexa de Santa Mariña de Augas Santas, en Allariz, que contará cun concerto de La Reverdie (Italia) o sábado 23. O programa deste ano na capital ourensá inclúe as actuacións de La Lyra e Pino de Vittorio (Suíza-Italia) na igrexa de Santa María Nai, o quinteto Apollo5 (Reino Unido) o venres 22 na igrexa de Santiago de Caldas, o cuarteto de clarinetes Vienna Clarinet Connection (Austria) o día 24 no Teatro Principal e os percusionistas galegos de Mbira-Dúo o mércores 20, de novo en Santa María Nai.

Dardos lanza a Xoana no panorama musical galego

Xénero: Pop | 7 / 2 / 2019

dardos_xoana.jpg

Con só vinte anos Xoana presenta o seu primeiro álbum en solitario. Inquedanzas Sonoras lanza Dardos, un disco con dez temas en galego no que a reivindicación se mestura con ritmos de jazz, funk ou soul e aires pop. Segundo explica a cantante do Porriño o álbum "xurdiu como unha proposta que axude a proporcionarlle á nosa lingua uns aires renovados que demostren a súa capacidade de desenvolverse en calquera eido e de tratar todo tipo de temáticas". As cancións "terman dunha mensaxe social e expresan queixas directas resumidas no título cunha soa palabra, a modo de dardos, pequenos mais precisos". Geneve escorts Violencia de xénero, emigración, a lingua, a amizade ou o amor preséntase como algunhas das temáticas dos cortes.

Oviravai trae novas aventuras cantadas do teixugo Paio no seu segundo traballo

Xénero: Infantil | 5 / 2 / 2019

oviravai_paiopoderdamusica.jpg

A banda de música infantil Oviravai presenta un novo libro disco co teixugo Paio como protagonista e as súas aventuras xunto aos seus amigos como liña argumental en 11 novas cancións. A colección Sonárbore de Galaxia saca Paio e o poder da música con ilustracións de David Ouro. A formación actual de Oviravai, que no seu primeiro traballo As andanzas de Paio presentábase como un grupo de catro membros, son Verónica Santalices e Federico Welicki. Para a gravación nos estudios Son feixón contaron con Suso feixón á batería, Diego Pacheco na guitarra e Carlos Gil Fandiño aos teclados. Ademais nos coros tamén estiveron Erika e Xacob Welicki. Nas súas novas aventuras Paio, xunto a novos amigos como o oso Aurelio ou o armadillo Armando, vai descubrir o poder da música e da amizade. As cancións mandan mensaxes educativas sobre o coidado do planeta, o acoso nas aulas, o trato coa terceira idade, a importancia do estudo e outras moitas mensaxes positivas ademais dunha canción dedicada a Rosalía de Castro, todas elas nun ritmo festivo e dinámico. O vindeiro 17 de febreiro actuarán no centro Comercial As Termas, de Lugo co novo espectáculo saído deste disco.

A Sala Tebras amplía a oferta musical de Lugo

Xénero: Miscelánea | 5 / 2 / 2019

imaxe non dispoñible

Un concerto de Xoel López, dentro do ciclo "Escenarios Vibra Mahou" inaugurará en Lugo a nova Sala Tebras o vindeiro 17 de marzo. O espazo terá unha capacidade de aforo de ata 1.400 persoas cun escenario de 8 metros por 6, completamente equipado para acoller concertos e outro tipo de eventos e con posibilidade de adaptalo para cantidades de público máis reducidas. A Sala Tebras xurde nos locais dos antigos cines Yelmo da cidade, onde convivirá con outros recursos culturais como a sala de cine Códex Cinema, no que é un aproveitamento privado que amplía a oferta cultural da capital provincial pero que aspira a ser un referente na comunidade Galega. O músico Eloi Caldeiro, compoñente do grupo Brath, é un dos promotores desta iniciativa. Aínda non se coñece máis información da axenda de concertos da sala. Xoel López presentará o seu traballo Sueños y Pan nun formato de trío acústico, as entradas xa están á venda.

Tonhito de Poi comparte a súa experiencia amazónica en 'Non hai onde esconderse'

Xénero: Fusión | 4 / 2 / 2019

tonhito_depoi_nonhaionde.jpg

Se a pasada semana falabamos do novo disco en solitario de Javi Maneiro, vocalista de Heredeiros da Crus, coincidindo no tempo ven de presentar o seu novo traballo tamén en solitario Tonhito de Poi, outros dos Heredeiros e alma mater desa banda. Seguindo a estela daquel O Soro da verdade (2012), o de Ribeira volve a sacar a inspiración das súas experiencias amazónicas, da súa viaxe chamánica coas tribos da frondosidade selvática. Non hai onde esconderse é o título do novo traballo de Tonhito de Poi, que ofrece un libro de 60 páxinas con descarga de 16 temas. Varios anos de traballo e investigación musical están detrás deste traballo no que se inclúen gravacións feitas in situ na propia selva, tanto de cantos tribais e instrumentos nativos como de son da propia natureza. En paralelo o músico presenta o seu documental O despertar da Anaconda, que contribúe a explicar a experiencia da que xurde este traballo. Nas melodías Tonhito ofrece multitude de fusións entre músicas máis folclóricas ou étnicas e outras máis roqueiras ou do blues e todo tipo de influenzas, mesmo flamencas. Na súa gravación colaboraron músicos como Cuchús Pimentel, Rubén reinaldo e Lucía Pérez nos coros. O libro está dispoñible para mercar e descargar os temas na páxina do artista. O disco presentouse en Ponteareas en concerto no JJ Cobas, xunto con unha cervexa artesanal do mesmo nome que o artista e elaborada con Acai ecolóxico, e Lúpulo Centennial de colleita propia. O artista está a presentar o álbum en concerto en formato de trío.

Resurrection Fest pon á venda abonos de prezo reducido para a veciñanza de Viveiro

Xénero: Rock | 1 / 2 / 2019

imaxe non dispoñible

O festival Resurrection Fest segue a ser obxecto de atención informativa unha vez máis, neste caso pola súa relación especial coa vila onde se celebra, Viveiro. Desde hoxe mesmo a organización do evento pona á venda un lote de abonos a prezo reducido destinados en exclusiva para a veciñanza da vila. Os empadroados desde fai máis de seis meses en Viveiro poderán achegarse aos Claustros de San Francisco e amosando o seu DNI adquirir estes pases nominativos non transferibles. O prezo é de 70 € para os abonos de 3 días e 140€ para os Pandemonium con acceso a zonas restrinxidas. O prezo será de 70 € para os abonos de 3 días e 140 € para as Pandemonium, un importante desconto tendo en conta que a venda xeral destes mesmo abonos está en 145 € (máis gastos) e 215€ (máis gastos) respectivamente. Ambas ofertas estarán limitadas e só poderán mercarse ata o 30 de maio. Esta iniciativa tan pouco habitual e que xa se ten feito en edición anteriores resulta posible grazas á colaboración do Concello de Viveiro coa organización do Resurrection Fest.

Valentín Caamaño presenta o seu terceiro disco 'The blind wrestler'

Xénero: Jazz/Blues | 31 / 1 / 2019

Caamano_blindwrestler.jpg

O guitarrista e vocalista Valentín Caamaño presenta hoxe en Compostela The Blind Wrestler (TinyMoon Records), o terceiro disco da súa traxectoria profesional tras Green with envy (Free Records, 2017). Malia que o disco xa leva case un ano no mercado ata agora Caamaño non o presentara na súa cidade e o fará cunha formación en cuarteto, ampliada respecto ao disco no que se presenta en trío, con Alfonso Calvo ao contrabaixo e LAR Legido á batería. O saxo tenor de Xosé Miguélez, xa presente en dous dos sete temas de The Blind Wrestler engadirase agora na interpretación da totalidade do repertorio. O disco presenta cinco temas autoría do propio Caamaño, un de Alfonso Calvo e a versión do tema de Irving Berlin How Deep Is The Ocean. Jazz, swing e outros sons cos que Caamaño adoita cociñar as súas composicións están presentes no álbum. O disco gravouse nos estudios Bruar, con Xabier Ferreiro como enxeñeiro de son. A Sala Riquela acolle hoxe ás 21:00 horas este concerto en entrada libre.

Javi Maneiro ao natural co disco 'Acaricia mis arrugas'

Xénero: Rock | 30 / 1 / 2019

imaxe non dispoñible

Desprovisto das súas habituais gafas de sol Javi Maneiro olla para nós desde a capa do seu novo disco en solitario Acaricia mis arrugas ( Dotbeat, 2018). Maneiro amósanos unha mirada segura e sosegada sen artificios, directa e sinxela que traspasa dúas mans que non a poden esconder. Ese é xa un sinal de referencia deste traballo e que dá unha pista do que imos escoitar nos oito temas deste segundo disco en solitario do músico que leva 25 anos sobre os escenario, primeiro (e aínda) con Heredeiros da Crus e posteriormente con Jabón Blue e xa con 13 discos de estudio nas costas. Intérprete, letrista e compositor dos seus temas, neste disco certamente traspasamos a personaxe de "Maneiro" e accedemos a un maduro Javi, que nos ofrece entrada a unha intimidade natural, con letras directas sobre situacións e sentimentos universais e cun son tamén provisto dunha gran naturalidade. Con estes elementos José Puga e Pachi Baldomir estiveron a cargo da gravación nos estudios Nakra na Coruña, mentres que para a masterización Maneiro repite con Robin Schmidt, que traballa con bandas como Placebo ou Mumford & Sons. Como acompañantes contou con Manu Rey na batería, ‘Pony’ ao baixo e ‘Kuervo’ e Cayetano Sánchez ás guitarras.

Doce discos de estilos variados compiten polo Premio MIN a mellor álbum en galego

Xénero: Miscelánea | 29 / 1 / 2019

imaxe non dispoñible

A undécima edición dos Premios Min da música independente española xa abriron a súa fase de votacións populares. Ata o vindeiro 11 de febreiro será posible inscribirse na web de MIN e votar polas nosas preferencias en 18 categorías diferentes. Grupos e artistas de Galicia se presentan en moitas delas e os premios teñen unha categoría propia para o mellor álbum en galego na que se poden votar ata por cinco dos 12 presentados, que ademais representan en si mesmo unha ampal variedade de estilos musicais, dende o folk ata a canción infantil, pasando polo rock, o rap e a electrónica: Cancións clínicas, De Chicharrón; Pólvora e tormenta, de Ezetaerre; O mínimo que o contén todo, de ITH; Déixaas, de Mercedes Peón; Unha illa, de Mielitza; Fíos de ouro no ar, de Rodrígo Romaní Trío; Noite, de Sangre de Muérdago; Tanxugueiras, de Tanxugueiras; Outro que tal baila, de Tiruleque; Noró de Xabier Díaz e Adufeiras do Salitre; A casa do terror,d e Xoán Curiel e Dardos, de Xoana. Estes discos tamén se presentan cada un en outras categorías deste premios xunto a outros moitos nomes da escena musical galega como Abe Rábade Trío, Santi Araújo, Presumido, Los Árboles, B Flecha, Basanta, Fredi Leis ou Triángulo de Amor Bizarro entre outros moitos. Pasada a fase de votacións populares os cinco máis votados de cada grupo se consideran semifinalistas e despois un xurado profesional decidirá de entre eles os finalistas e posteriormente os vencedores desta 11ª edición dos Premios da Música Independiente.

<< Inicio / Anterior . 971 a 980 de 3533 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR