Ir ao contido directamente.


Noticias

O Marisquiño confirma a súa continuidade en Vigo co apoio das institucións

Xénero: Miscelánea | 1 / 3 / 2019

imaxe non dispoñible

A través dun comunicado público o festival de Cultura Urbana e Deportes de Acción O Marisquiño ven de confirmar a continuidade do evento na cidade de Vigo. A 19ª edición terá lugar os días 9, 10 e 11 de agosto no Paseo das Avenidas do Porto de Vigo e durante ela celebraranse competicións puntuables das tres Copas do Mundo de Skate, Dirt Jump e Basket 3x3. O anuncio chega tras unha reunión onte mesmo coa Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia na que a administración autonómica asegurou o seu apoio económico ao evento, tanto de xeito directo como a través da fórmula do patrocinio. Segundo afirman desde a organización é grazas aos resultados positivos das reunións "mantidas durante as últimas semanas coas cinco institucións públicas (Concello de Vigo, Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia, Autoridade Portuaria e Consorcio Zona Franca) e as tres principais marcas privadas que patrocinan o Festival (Super Bock, Red Bull y Nissan)" que se pode garantir a continuidade do evento. No seu comunicado O Marisquiño congratúlase da unión de esforzos das institucións públicas que contribúen así a "superar un dos momentos máis difíciles da historia do Festival" e non deixa de facer un recordo especial aos feridos no accidente do pasado ano e ás súas familias, "unhas vítimas de las que nunca se esqueceu quen é alma e corazón deste festival, o seu creador Carlos Domínguez Pity", que este ano deixou o seu posto de dirección do evento nas mans de Joako Ezpeleta. A organización céntrase agora en comezar a traballar para ofrecer este ano "a mellor das edicións", aseguran.

A VIª edición dos Premios Martín Códax da Música nace con ambición de visibilidade

Xénero: Miscelánea | 28 / 2 / 2019

imaxe non dispoñible

A VIª edición dos Premios Martín Códax da Música deu hoxe o pistoletazo de saída presumindo de estabilidade e coa estrea na organización dunha nova directiva da asociación Músicas ao Vivo (MAV) presentada na gala do pasado ano. Hoxe tivo lugar un acto de presentación na Sala Riquela de Santiago no que tomaron parte María Garrido, directora de Marketing de Bodegas Martín Códax; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC); Carme Fouces, responsable de Cultura do Concello de Pontevedra; e Xosé Leal, deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra; xunto con Xabier Mera, voceiro de MAV. Mañá abrirase o prazo para as inscricións de proxectos como candidatos nas 15 categorías musicais e as tres Organistrum para o cal se habilitou un novo sitio web do evento que recibirá propostas ata o vindeiro 17 de marzo . Esta nova plataforma dixital é unha das principais novidades desta edición xa que facilita a inclusión de candidaturas e ademais servirá de catálogo virtual da música galega como contedor de todas as propostas que foron candidatas nas pasadas e vindeiras edicións do premio. Con esta nova ferramenta búscase incidir nun dos puntos chave deste premios, como coincidiron hoxe todos os presentes no acto, que é o de facer visible a variedade, cantidade e calidade da creación musical de Galicia e da potencia musical do país.

Dez artistas galegos mantéñense como finalistas dos Premios MIN

Xénero: Miscelánea | 28 / 2 / 2019

imaxe non dispoñible

Tras da votación popular, un xurado profesional ven de seleccionar aos finalistas que optarán aos Premios MIN 2019 da música independente de España e as opcións da representación da escena musical reducíronse pero non desaparecen. Os que aínda quedan, tras a decisión do xurado son Novedades Carminha, optando ao Premio a Mellor Artista do ano; HARD GZ, na categoría de mellor disco de hip-hop e músicas urbanas por Versus; Triángulo de Amor Bizarro, optando ao mellor directo de 2018 e na categoría de premios ao mellor disco de jazz aínda compiten Abe Rábade, con Doravante e Baldo Martínez con Cuarteto Europa, os dous editados por Karonte, entre os cinco finalistas da categoría. Ademais diso, categoría propia de Mellor Álbum en Galego o xurado tamén fixo a súa criba finalista, elixindo cinco de entre os doce que optaban ao premio e dos que un o levará: Cancións clínicas, de Chicharrón; Pólvora e tormenta, de Ezetaerre; Déixaas, de Mercedes Peón, Tanxugueiras de Tanxugueiras e Dardos, de Xoana. Os premios MIN están organizados pola Unión Fonográfica Independiente (UFi) e entregaránse o vindeiro 13 de marzo no Teatro Circo Price de Madrid.

O Son do Camiño consegue sorprender co cartel da súa segunda edición

Xénero: Miscelánea | 25 / 2 / 2019

imaxe non dispoñible

Tras dos máis recentes anuncios compre actualizar a información que manexamos sobre os festivais musicais para o verán. Unha das meirandes citas deste tipo, o Festival O Son de Camiño do Monte do Gozo ven de presentar o pasado venres o seu cartel completo para súa segunda edición, de xeito idéntico a como fixera o pasado ano e practicamente nas mesmas datas. Malia moitas especulacións sobre a composición artística para este 2019 o resultado final sorprendeu, sobre todo na parte das apostas meirandes, decepción para algúns e sorpresa para outros. Tres eventos que serven tamén como ferramentas de coñecemento da cultura vinícola, patrimonial e gastronómica, como son o Festival Ribeiro Son do Viño e 17ºs Ribeira Sacra confirmaron datas e xa deron nomes para este ano. E o mesmo fixo o SilFest de Valdeorras para a súa vindeira convocatoria a primeiros de xullo. Para todos eles xa están á venda os abonos.

Rebeliom do Inframundo presenta o seu terceiro disco 'Ilegal'

Xénero: Hip-Hop | 21 / 2 / 2019

ilegal_rebeliominframundo.jpg

Ilegal (Autoeditado) é o nome do terceiro álbum da banda Rebeliom do Inframundo, unha formación de rap conformada por Nervo (voz), Frank (voz/produción), Malvares de Moscoso (voz), Movementss (produción) e o seu Ichi (dj). O disco está autoeditado por Galunk Producions a través de Rock CD Records. Tra-lo seu traballo Lume e Rebeliom (2016) os das Rías Baixas dan un paso máis na súa particular visión do Hip Hop neste novo disco, onde a crítica social convive con líricas máis íntimas. En Ilegal incorporan ademais a colaboración das valencianas MAFALDA. Dúas das catorce cancións deste novo traballo que xa foron presentadas en vídeo nos dous anos pasados tras o anterior traballo: Non imos polo regho e Plantaron lume ao monte. O 27 de febreiro lanzarase o novo traballo en tódalas plataformas dixitais e xa no mes de marzo, comezarán unha xira por salas que os levará a Madrid, Toledo ou Barcelona e tamén por primeira vez incluirán varias datas internacionais na súa xira por Portugal; onde actuarán nas cidades de Braga e Oporto, antes do comezo da tempada de verán. As primeiras datas en terras galegas serán o 16 de Marzo en Vigo, na Sala Masterclub, xunto a MP Crew (Catalunya) e o dúo vigués conformado por Frank Huxley & 2PAS0S, e o 12 de Abril en Santiago de Compostela, na Sala Malatesta, xunto á galega High Paw.

Chega o álbum máis 'Ultralixeiro' de Novedades Carminha

Xénero: Pop | 18 / 2 / 2019

novedades_ultraligero.jpg

Se do anterior traballo de Novedades Carminha (Campeones del mundo, 2016) xa se podía falar dunha aposta pola lixeireza e a música bailable, a banda compostelá afonda agora nesta liña festeira e xa vai de fronte co nome do seu quinto disco: Ultraligero (Ernie Records, 2019). Atrás quedaron aquelas posturas punk dos seus dous primeiros discos editados co selo Lixo Urbano e agora Novedades abraza o pop de xeito desprexuizado e aberto. Melodías bailables que certamente lles abriron a porta dos festivais e lles proporcionan cheos en moitos dos seus concertos, mesmo en recintos de aforo considerable así como recoñecemento por parte da crítica independente, grazas tamén ás súas letras sempre ácidas ("blandito por dentro y chulito por fuera", cantan), iso segue a ser marca da casa. Ultraligero preséntase cos seus once temas como "un devocionario pop" e unha recompilación de “hits” na que podemos escoitar cancións que o grupo xa foi incorporando aos seus concertos e ten presentado en xeito de videoclip nos pasados dous anos, como Te quiero igual coa colaboración nas voces de Alba Galocha, Verbena, Ya no te veo con Dellafuente, ou a versión de A Santiago voy, para a que contaron con Esteban & Manuel.

Os festivais de música aceleran a confirmación de artistas

Xénero: Miscelánea | 15 / 2 / 2019

imaxe non dispoñible

Poñémonos ao día das máis recentes actualizacións da oferta de festivais galegos, que esta pasada semana estivo xa moi movida animando ao público a apurar a compra de abonos e entradas. FaCeLa Fest, Atlantic Fest, SonRías Baixas e Vive Nigrán presentan novidades no cartel. O primeiro en chegar será o impresionante FaCeLa Fest de Lugo, que terá lugar os días 17 e 18 de maio. O evento lucense xa presentou unha ducia de actuación encabezadas polo asturiano Nacho Vegas, que estará presentando o seu aclamado último disco Violética(2018). Ademais del estarán o dúo de synth-pop Presumido, co seu proxecto Cuatro estaciones e suponse que coincidindo coa saída do segundo cos catro Eps que prevén presentar este ano. Tamén acudirán ao FaCeLa os leoneses Cooper, Tulsa, os franceses Michel Cloup Duo, os estadounidenses The Essex Green, as madrileñas Cariño dando o seu primeiro concerto en Galicia. A escena galega, ademais de contar con Presumido no programa, estará tamén representada por Boyanka Kostova, Rayotaser e as bandas lucenses Fábrica de Espejos (Chantada), Magical Colors (Chantada) e Trinitá (Lugo).

Fredi Leis e Xoana semifinalistas en seis premios MIN encabezan a representación galega

Xénero: Miscelánea | 14 / 2 / 2019

imaxe non dispoñible

A terceira fase dos Premios MIN da música independente ven de iniciarse dando paso ás votacións do xurado profesional sobre os semifinalistas decididos na meirande parte das categorías polo votos populares. A escena musical está representada en moitas categorías entre os semifinalistas. Ata 22 artistas ou formacións galegas entran nesta fase de votacións pasando o corte entre as 30 candidaturas máis votadas polo público. Nese sentido dous artistas galegos demostraron a maior capacidade de mobilización do voto popular: Fredi Leis e Xoana. Tanto o cantautor compostelán co seu álbum Neón, como a porriñesa Xoana con Dardos, acadan cada un ata seis postos semifinalistas noutras tantas categorías, competindo en case todas elas entre si. Ademais deles dous, tamén conseguiron acadar un importante apoio popular as dúas propostas galegas vencelladas ao Hip Hop e as músicas urbanas: HardGZ e Ezetaerre. Os catro compiten entre si ao premio ao mellor videoclip cos seus respectivos sinxelos de lanzamento dos seus traballos do 2018.

Marcos Teira alcanza as súas metas musicais de doce anos con 'NÓs'

Xénero: Fusión | 13 / 2 / 2019

NOs_teira.jpg

Coa presentación de NÓs (Autoedición, 2019) acaba para Marcos Teira un ciclo que deu comezo hai 12 anos, cando gravou Alí(2008), e que consistía na procura dunha linguaxe musical que tiña que ver coa guitarra flamenca e as outras músicas como o jazz que se podían traer aos paos do flamenco tradicional. O guitarrista da Pobra do Caramiñal, un referente do flamenco e a fusión en Galicia, así o afirmou hoxe na presentación aos medios deste proxecto colectivo en quinteto e o seu primeiro disco homónimo. Xunto a Teira defenden este proxecto o contrabaixista Alfonso Calvo, o pianista cubano Alejandor Vargas, o percusionista Moisés Fernández e no taconeo e palmas o bailaor Isaías Salazar. Nesta compañía Teira asegurou sentirse plenamente satisfeito do resultado colectivo. "O que tiña gañas de facer de verdade era isto", afirmou referíndose tanto á propia música como a conformación deste combo singular no que hai galegos paios e xitanos e un cubano. O nome "NÓs" comprende ao colectivo pero tamén serve para facer relación aos lazos que se establecen musicalmente neste traballo e entre eles. Sete versións alleas e outra canción na que o propio Teira se versiona a si mesmo conforman este disco que se estreará en concerto o vindeiro venres no Teatro Principal de Santiago e que polo de agora só se poderá adquirir fisicamente e nos propios concertos dos artistas. Temas de Django Reinhardt, Jaco Pastorius, Bach ou The Beatles son revisados baixo a linguaxe propia de NÓs neste disco producido polo propio Teira para o que ademais se contou con outras colaboracións na gravación como Irene Gabarrón, José Manuel Díaz ou Ruven Ruppik entre outros. O vindeiro 4 de maio a formación estará no Cine Elma da vila natal de Marcos, a Pobra do Caramiñal.

As '13 cancións bonitas' de Germán Díaz & Benxamín Otero son 14

Xénero: Miscelánea | 12 / 2 / 2019

13_cancions_bonitas.jpg

Entre finais do século XIX e principios do XX existiu un especial interese na compilación do cancioneiro popular español de tradición oral. O zanfonista Germán Díaz, gran coñecedor e divulgador deste legado musical presenta, xunto a Benxamín Otero, unha selección de melodías evocadoras, transfiguradas nun das linguaxes máis creativas da escena contemporánea galega. Un dúo de óboe e instrumentos mecánicos dá vida neste proxecto a ródalas castelás, cantos galegos ou ao tradicional Romance de Santa Catalina. Compositores como Schubert, Satie, Galliano ou Clastrier, cancioneiros como o de Inzenga ou o de Federico Olmeda, e melodías propias conforman este singular proxecto. Presentado inicialmente como espectáculo en varios escenarios singulares do país agora esta selección 13 cancións bonitas dá o paso ao formato gravado, co selo de Producciones Efímeras e tras pasar polo estudio as trece cancións quedan en 14. Gravado en novembro de 2018, nos estudios Casabranca, por Germán Díaz; mesturado e masterizado por José Trincado "Triqui" en Saviksound Studios. O disco está dispoñible tamén en plataformas dixitais.

<< Inicio / Anterior . 961 a 970 de 3533 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR