Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / O Marisquiño confirma a súa continuidade en Vigo co apoio das institucións
O Marisquiño confirma a súa continuidade en Vigo co apoio das institucións
marzo 1, 2019
A través dun comunicado público o festival de Cultura Urbana e Deportes de Acción O Marisquiño ven de confirmar a continuidade do evento na cidade de Vigo. A 19ª edición terá lugar os días 9, 10 e 11 de agosto no Paseo das Avenidas do Porto de Vigo e durante ela celebraranse competicións puntuables das tres Copas do Mundo de Skate, Dirt Jump e Basket 3x3. O anuncio chega tras unha reunión onte mesmo coa Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia na que a administración autonómica asegurou o seu apoio económico ao evento, tanto de xeito directo como a través da fórmula do patrocinio. Segundo afirman desde a organización é grazas aos resultados positivos das reunións "mantidas durante as últimas semanas coas cinco institucións públicas (Concello de Vigo, Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia, Autoridade Portuaria e Consorcio Zona Franca) e as tres principais marcas privadas que patrocinan o Festival (Super Bock, Red Bull y Nissan)" que se pode garantir a continuidade do evento. No seu comunicado O Marisquiño congratúlase da unión de esforzos das institucións públicas que contribúen así a "superar un dos momentos máis difíciles da historia do Festival" e non deixa de facer un recordo especial aos feridos no accidente do pasado ano e ás súas familias, "unhas vítimas de las que nunca se esqueceu quen é alma e corazón deste festival, o seu creador Carlos Domínguez Pity", que este ano deixou o seu posto de dirección do evento nas mans de Joako Ezpeleta. A organización céntrase agora en comezar a traballar para ofrecer este ano "a mellor das edicións", aseguran.
Outro festival que estivo de actualidade estes días foi a segunda edición de O Son do Camiño, que nunha hora esgotou os seus abonos colocando os 25.000 a través da plataforma electrónica para o evento dos días 13 a 15 de xuño. Como xa fixera o pasado ano a organización do evento decidiu sacar á venda a totalidade deste abonos a diferentes prezos partindo dunha tarifa inicial de 49 euros e pasando sucesivamente por prezos en aumento de 59, 69, 79 e 89 € durante o proceso de liquidación de todo o papel, cantidades todas elas por baixo do habitual en festivais de carteis semellantes. Como xa ocorreu no pasado ano este proceso deixou multitude de protestas de ente que non acadou conseguir abono a pesares de terse conectado en tempo e forma á plataforma de comercio electrónico. Desde a organización gabáronse de volver bater marcas históricas na venda de entradas de festivais en toda España. Proximamente sairán as entradas por días, xunto co cartel repartido por días. Tanto a zona de descanso como o Glamping tamén sairá nas vindeiras semanas.