Noticias
O Museo do Mar dálle voz ao talento musical olívico no festival Vigo Emerxe
Xénero: | 16 / 9 / 2019
A tomar o relevo do ciclo Solpores no Museo, a Consellaría de Cultura presentaba o pasado venres Vigo Emerxe, un concerto colectivo dedicado á música viguesa. O Museo do Mar acollerá esta proposta na que se alternarán en dous escenarios as actuacións de propostas actuais da cidade como son The Soul Jacket, Maryland, Basanta, BFlecha, r.e.a.l., Kaixo, Laura Iturralde, Juanma Lodo, BabyKatze e Santi Araújo cos históricos Pablo Novoa e Nicolás Pastoriza. O encontro, que se desenvolverá o vindeiro 28 de setembro comezará ás seis da tarde e prolongarase ata a unha da madrugada, con entrada de balde ata completar aforo.
A Orquesta Clásica de Vigo busca novos compositores co certame CreaClásica
Xénero: | 13 / 9 / 2019
A Orquesta Clásica de Vigo en colaboración coa Fundación SGAE Galicia veñen de presentar CreaClásica, primeira convocatoria para compositores de música sinfónica. O certame nace como un panel de lectura que ten o obxectivo de incentivar a creación dentro do campo da música sinfónica e co que a OCV quere apoiar o traballo creativo de novos talentos na composición, así como favorecer á súa difusión mediante a incorporación das obras gañadoras á programación anual da orquestra. CreaClasica ofrece tres premios que están dotados con 500, 300 e 200 euros e ademais a Orquesta Clásica de Vigo interpretará e gravará nos concertos as distintas obras seleccionadas, que estarán integradas na programación de 2020. Non hai condicionantes de idade para presentarse nin é preciso que a partitura sexa inédita pero os participantes deberán estar asociados ás SGAE e censados en Galicia e ter a titulación superior de composición obtida entre os anos 2015 e 2019, ambos inclusive. Cada candidato poderá concorrer cunha única obra de entre 5 e 15 minutos de duración na súa execución. O prazo de presentación está aberto ata o día 29 de outubro ás 14:00 horas.
Outono Códax presenta o seu cartel máis "branco" e seis actuacións inéditas en Galicia
Xénero: | 10 / 9 / 2019
A novena edición do Outono Códax Festival de Santiago deu a coñecer hoxe o seu programa que nesta ocasión dará comezó o 15 de outubro e finalizará o 1 de decembro. Cinco xornadas diferentes, algunha con máis dunha convocatoria, para dar un paseo por un variado menú de ofertas rhythm&blues, soul e rockabilly. As estadounidenses Kim Lenz (19 de outubro), recoñecida mundialmente como a raíña do rockabilly, e Nikki Lane (1 de decembro), a nova dama da denominada música americana, serán as encargadas de abrir e pechar, respectivamente, os concertos grandes do Outono Códax Festival 2019. O outro do grandes nomes é o do bluesman The Reverend Shawn Amos (9 de novembro). Dada a ausencia de músicos de raza negra a excepción de Shawn Amos, o cartel desta novena edición poida que sexa o máis "branco" da historia do festival de música negra e tal vez o máis orientado cara o rock dos anos 50 e o rockabilly, pero non lle falta representación de ningunha das tonalidades da música americana que pretende traer a Galicia cada ano con representantes complicados de ver ou, como este ano, inéditos en terras galegas. Ese é o caso de todos os artistas deste 2019 agás a representación da escena galega, que sempre atopa tamén oco no Outono Códax. Será unha destas formacións da nosa terra, Helen & Shana, a que abrirá o calendario o martes 15 de outubro incorporando ademais ao café restaurante Flamingo como novo espazo Outono Códax. A súa será unha das citas de acceso de balde do festival xunto co concerto que o americano Andrew Combs (Dallas, 1986) dará o 29 de novembro no Riquela Club. Para as tres citas duplas que haberá na Sala Capitol xa están á venda entradas e abono. Nelas xunto aos cabezas de cartel mencionados.estarán a banda franco belga de swing rock The Rhum Runners (19 de outubro); os barceloneses Los Torontos (9 de novembro) co seu surf rock anos 50 . Na xornada de peche, o 1 de decembro, completarán o programa os galegos The Fabulous Resaca Brothers que quentarán a Sala Capitol co seu blues eléctrico.
O místico 'Colorama' de Basanta Premio POP-Eye a Mellor disco de rock 2019
Xénero: | 5 / 9 / 2019
O primeiro disco de debut da banda viguesa Basanta, Colorama, ven de ser recoñecido como Mellor disco de rock nacional nos premios POP-Eye da Música e a Creación Independente organizados desde a Asociación Cultural Bon Vivant, de Estremadura e vencellados aos Premios Nacionais da Música e das Artes que este ano celebran a súa 14ª edición. A criterio do xurado Colorama é un primeiro disco que "deixa entrever a esixencia dunha intencionalidade que intenta apuntar á intimidade ou, máis ben, rodeala e descubrir de que trata". Para eles o disco dos vigueses "aposta por recoñecer e explotar a sombra, o lado escuro. o translúcido". Colorama xa conseguira comezar a destacar o pasado ano tras a súa publicación aparecendo nalgunha das listas nacionais das revistas especializadas a finais de ano. O premio entregarase en Plasencia os vindeiros días 8 e 9 de novembro no marco Premios Nacionais da Música e das Artes. O xurado dos premios Pop-Eye xa recoñecera en 2016 o traballo de Novedades Carminha.dándolles o premio a mellor disco do ano por Campeones del mundo (Ernie Records, 2016).
O Sinsal no Museo do mar une a música co patrimonio marítimo
Xénero: | 4 / 9 / 2019
O Festival Sinsal SON Estrella Galicia Museo do Mar volve os días 7 e 8 de setembro na que será a segunda edición deste evento no que a música e o patrimonio marítimo van da man. Se no mes de xullo, Sinsal SON Estrella Galicia converte a illa de San Simón nun espazo no que vivir a música en directo de maneira relaxada na boca da Ría de Vigo, en setembro a marca continúa ligada ao patrimonio do mar no Museo do Mar de Galicia na parroquia viguesa de Alcabre. Diferentes concertos nas súas instalacións, actividades e oferta gastronómica, aproveitando o xardín e a zona exterior desta localización privilexiada serán a proposta coa da promotora Sinsalaudio para esta cita. As persoas que adquiran entrada para Sinsal SON Estrella Galicia Museo do Mar poderán acceder a unha prevenda exclusiva en 2020 para Sinsal SON Estrella Galicia en San Simón, Redondela.
O Ateneo de Santiago impulsa un novo festival de música antiga e barroca
Xénero: | 3 / 9 / 2019
Impulsado polo Ateneo de Santiago e co apoio das institucións públicas local, provincial e autonómica, ademais da Universidade de Santiago ven de ser presentada hoxe a que será a primeira edición do festival de música antiga e barroca Ateneo Barroco. O festival preséntase como sucesor doutras iniciativas locais anteriores das que ocupa un oco deixado para unha parte da cidadanía habitual en citas como o festival Vía Stellae ou o Festival de Músicas Contemplativas, ambos suprimidos en 2016 polo anterior consistorio local. O evento ofrecerá entre o 1 e o 12 de outubro cinco concertos, unha conferencia e a exhibición de tres documentais. O festival é unha das iniciativas que foron amparadas para este ano 2019 polo programa O teu xacobeo da Xunta de Galicia. Os composteláns Manuel Vilas e Resonet (Mercedes Hernández e Fernando Reyes), a mezzosoprano Marta Infante, Massimo Spadano e Fernando López Pan, Amandine Beyer e Gli Incogniti, Fahmi Alqhai e Accademia del Piacere, son os protagonistas dos cinco concertos desta primeira edición do festival, que terá lugar en enclaves do patrimonio artístico da cidade, en teatros, igrexas e espazos singulares como o Teatro Principal ou a Igrexa e o Paraninfo da Universidade de Santiago, segundo presentou hoxe o seu director artístico José Victor Carou, acompañado de directivos do Ateneo e representantes do Concello e do Xacobeo.
Cantos na Maré multiplícase na súa XV edición
Xénero: | 2 / 9 / 2019
Con moitos máis concertos e a ampliar o seu ámbito de acción á narración oral ou o audiovisual, chega a Pontevedra a décimo quinta edición do Festival da Ilusofonía. Coa caboverdiana Mayra Andrade como cabeza de cartel, no programa destacan as propostas Enredadas, que reúne a Martirio, Uxía, Carmen Pares e Ugia Pedreira, o dúo de Maria João e Pablo Lapidusas e mais a actuación da catalá Clara Peya. Para alén destas actuacións, previstas para o Pazo da Cultura e o Teatro Principal, o evento amplía a súa presenza na cidade con actuacións na Praza da Pedreira orientadas para un público máis novo. Bia Ferreira (Brasil), Vivi Pozzebón (Argentina), Brasil Dub, Napalma (Brasil/Mozambique), Assa Matusse (Mozambique), Laura Lamontagne (Galicia), DJ Mil e Mohammed Yahya (Mozambique), o Coro da Marinha, As Cantigas de Elena ou Zeltia Irevire, ocuparán este recinto
O festival Miudo fest de música para cativos presenta o seu cartel
Xénero: | 28 / 8 / 2019
Malia que son algúns os festivais de música que engaden actividades para cativos, só existe un en todo o país que está pensado exclusivamente para esa xente estatura media e gustos propios, ese é o Miudo Fest, en Mos (Pontevedra). A cuarta edición deste festival xa ten cartel e terá lugar os vindeiros 14 e 15 de setembro (sábado e domingo) na Sala Rebullón do no Territorio Cultural As Pedriñas en Tameiga. Alí reuniranse algunhas das mellores ofertas musicais para cativos que a escena galega ten, e que demostran ademais a vitalidade desta opción musical no país. A Gramola Gominola é cabeza de cartel na tarde do sábado, compartindo escenario con A Banda dos Insectos, Antón Ke (ukelele de batea ) e o reggae de Elephants Yard. O domingo estarán o mago Marco e Cé Orquestra Pantasma.
A Estrada abre o Obradoiro de Música Moderna Carlos Barruso
Xénero: | 21 / 8 / 2019
A Fundación Cultural da Estrada, do Concello pontevedrés, acollerá de xeito inmediato o Obradoiro de Música Moderna Carlos Barruso, mantendo así o legado de ensino do saxofonista, multiinstrumentista e mestre Carlos Barruso, premio Honorífico Músicas ao Vivo na gala deste ano dos Martín Códax. Barruso, enfermo dun cancro en fase terminal, presentou onte no Estrada este proxecto xunto co edil de Cultura, Juan Constenla, esperanzado ante o feito de que non se perda así o que foi o seu traballo de ensino durante máis dunha década. O obradoiro, que xa está aberto á matriculación, ofrecerá dúas horas semanas e está enfocado na especialización en jazz, blues ou rock en complementariedade coas escolas de música ou conservatorio municipal, máis enfocadas cara o clásico ou popular, o obradoiro inclúe tamén o canto alén do instrumental. Un dos obxectivos de futuro deste Obradoiro de Música Moderna (OMM) na Fundación Cultural da Estrada é o de cumprir un dos desexos de Barruso e chegar a montar unha "Big Band" a medio ou longo prazo, para o cal desde a fundación se ofrecen intencións de continuidade do proxecto. Rubén Servide será o encargado principal de impartir as clases neste curso baixo a supervisión do aínda activo Carlos Barruso.


