Ir ao contido directamente.


Noticias

Mounqup e Trifulca representarán á música galega no cartel do BIME City en Bilbao

Xénero: Electrónica | 9 / 10 / 2019

imaxe non dispoñible

Trifulca e Mounqup son os dous nomes galegos finalmente seleccionados pola organización do Bizkaia International Musical Experience (BIME) para o seu programa de showcases a desenvolver en varias salas de Bilbao no marco da sétima edición deste gran evento da industria musical, que terá lugar do 30 de outubro ao 2 de novembro e no que tamén se insire o encontro profesional BIME Pro. Tanto Mounqup, cantautora de orixe francesa radicada en Ourense, como o dúo santiagués Trifulca actuarán o mércores 30 na sala Muelle tras seren elixidos polos organizadores do BIME mediante unha convocatoria pública aberta o pasado mes de agosto. A través dela, BIME garantía a presenza galega neste apartado en colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo. Coa música electrónica como eixo do seu traballo, ambos terán así oportunidade de se presentar diante de programadores de festivais, managers, xornalistas e outros axentes do sector acreditados no BIME Pro. Así mesmo, a través de BIME City, o encontro ábrese de xeito gratuíto ao público xeral. Nesta nova edición, serán 40 os showcases que terán lugar en 11 salas do centro da capital biscaíña. Mounqup ten xa no seu haber un Premio Martín Códax na categoría de música electrónica en 2018 e o Premio Fran Përez Narf do certame homónimo da Deputación da Coruña en 2017.

Agoraphobia non se poñen límites co rebelde 'Unaligned'

Xénero: Rock | 8 / 10 / 2019

unaligned_agoraphobia.jpg

Fai dous anos as Agoraphobia daban un golpe na mesa presentando Incoming Noise (Dotbeat, 2017) ao tempo que facían unha declaración de intencións vital de coller profesionalmente o camiño da música centradas neste proxecto. Dous anos e moitos escenarios despois presentan agora Unaligned (Dotbeat) que é unha exploración sen autolimitacións de todos os paos que están dispostas a tocar na súa expresividade. Dez cancións de rock alternativo para as que unha única etiqueta non chega -talvez de aí o "non aliñamento" do título- xa que as do Barbanza dan saída en composicións conxuntas aos demos internos de cada unha das catro actuais compoñentes oficiais da banda e iso conduce e unha variedade de sons que poden ir desde o stoner ao rock industrial pasando polo nu metal ou o grunge. A enerxía e a potencia mantéñense como bandeira do grupo, contundentes e salvaxes riffs acompañados polo caudal de voz dunha Susana que neste caso ofrécenos aínda máis rexistros en todas as direccións nunha evolución de perfeccionamento que tamén se pode percibir en todas as execucións instrumentais de cada unha das integrantes da formación. Temas como It´s all about you, ou Smokescreen, Remain unchanged ou We own us seguen dando esas puñadas de rabia no peito que son características da banda pero ademais enriquecidas con xiros de clara evolución e madurez.

Najla Shami saca as súas variadas raíces ao sol no seu novo disco-libro

Xénero: Fusión | 4 / 10 / 2019

najla_shami_elasabeasol.jpg

Fai seis anos, no 2013, Editorial galaxia editaba o libro-disco Na lingua que eu falo no que Najla Shami, artista compostelá de pai palestino e nai galega, interpretaba musicalmente poemas de Rosalía ademais de outros temas propios inspirados na poeta. Shami volve agora con Ela sabe a sol tamén da man de Editorial galaxia a presentar un novo traballo no mesmo formato físico de libro con CD. Neste caso son 12 cortes nos que hai sitio para que Najla saque á vista a súa multiculturalidade lingüística e musical. Cancións en galego, castelán e en árabe, lingua que tamén aparece en formato de texto no libro traducindo algunhas das letras e ademais moi presente graficamente nas páxinas, así coma a estética árabe no deseño e nas fotografías que ilustran a publicación, obra de Mara Saiz. A artista dedica este traballo o seu pai e nel vese tamén o impacto da súa primeira visita ás terras palestinas de orixe paterno.

Xulio Lorenzo asina un segundo traballo cheo de ilusión en 'Volver soñar'

Xénero: Folk | 1 / 10 / 2019

XLorenzo_volversonhar.jpg

Dous anos despois do seu primeiro traballo discográfico Cantos da ialma (Autoeditado, 2017) Xulio Lorenzo volveu pasar polo estudio cunha ducia de temas e moita ilusión representada neste novo disco Volver soñar. De novo a composición propia domina o repertorio, o gaiteiro asina dez dos temas do álbum, contando ademais cun tema tradicional e outro de Diego Bea Besada, que ademais participa nos arranxos do resto das cancións e actúa neste caso como produtor musical deixando sitio tamén para achegas eléctricas na composición sonora. Segundo Lorenzo neste novo traballo "viaxaremos aos soños da infancia, soños de ilusións" e nel atoparemos temas alegres e cheos de vida "cada un deles coa súa especial historia". No disco podemos atopar temas dedicados á súa Terra de Mos natal como Terra d´Mos, Mar d´Arousa, Filla da Roseira ou Pasacorredoiras da Torroeira e outros cque nos levan a viaxes xeográficos e temporais como Senhora do Almortâo, no que Lorenzo pon música sobre un dos temas máis emblemáticos da cultura popular da Beira Baixa de Portugal coa colaboración das voces dos pandereteiros Diego Calviño, Iván Blanco e Diego Cabaleiro; a Xota de Caroi, unha peza tradicional con connotacións sefardís. Volver Soñar gravouse nos Estudios Metrópolis de Vigo contando con Fran Álvarez como técnico e para a mestura. Na súa gravación ademais colaboraron de xeito especial nalgún dos temas as Pandereteiras Arume de Guizán ou Belém Tajes. A primeira presentación sobre escenario tivo ligar o pasado 28 de setembro, co gallo do XXV aniversario d´A Cividade de Louredo.

O Festival 17º Ribeira Sacra deixou medio millón de euros na contorna

Xénero: Miscelánea | 24 / 9 / 2019

imaxe non dispoñible

A Axencia Galega das Industrias Culturais, Agadic, presentaba onte o estudo de avaliación do festival Festival 17º Ribeira Sacra, que se celebrou o pasado mes de xullo. Segundo a metodoloxía do Grupo de Investigación en Economía da Cultura da Universidade de Santiago de Compostela, o evento deixou un retorno económico de 490.000 euros en toda a súa zona de influencia, e tivo 3.500 visitas por parte dunhas 1.600 persoas diferentes. Destas, un 21 por centro eran de fóra de Galicia, cun gasto medio por persoa e día estimado en 77 euros. As cifras extráense de 815 enquisas directas a asistentes e mais das cifras facilitadas polo propio festival.

System of A Down, Judas Priest e Korn abren o cartel do vindeiro Resurrection Fest

Xénero: Rock | 23 / 9 / 2019

imaxe non dispoñible

A organización do Resurrection Fest de Viveiro arrincaba con forza os anuncios sobre a vindeira xeira do evento o pasado venres a adiantar a presenza de System of A Down como cabeza de cartel. O festival de Viveiro contará coa única actuación da banda a nivel estatal durante o ano. A este adianto sumábase na mañá deste 23 de setembro o anuncio dunha longa lista de confirmacións que visitarán Viveiro entre os vindeiros 1 e 4 de xullo. Os veteranos Judas Priest, canda a Korn, Meshuggah, Heaven Shall Burn, Sepultura, Madball, Jinjer, Dark Funeral ou Amenra súmanse á proposta de saída como principais nomes internacional. A estes engádense propostas como os españois Hamlet, Blowfuse ou Onza entre moitos outros. As entradas poranse á venda o vindeiro 1 de outubro.

Oito concertos en Ourense presentan a primeira xeira do MUSGO

Xénero: Indie | 23 / 9 / 2019

imaxe non dispoñible

Os Xardíns Calpurnia Abana e a Praza Saco e Arce de Ourense acollerán o vindeiro 14 de outubro os oito concertos da primeira edición do MUSGO. O festival bota a andar baixo o paraugas do programa de axudas O Teu Xacobeo coa intención de vincular a Cidade das Burgas coas peregrinación a Santiago a través da cultura. Segundo explican Adrián Fragueiro e David Pedrouzo, organizadores do evento, este pretende se transformar en "prescriptor de novas bandas, ofrecendo propostas emerxentes e destacadas non só de Galicia, se non tamén a nivel estatal e internacional".

As bandas de música achéganse ao circo e ao teatro no ciclo Viraxes

Xénero: Miscelánea | 17 / 9 / 2019

imaxe non dispoñible

Unha nova proposta arredor das bandas populares de música chega á Cidade da Cultura este sábado 21 de setembro. A primeira xeira do ciclo Viraxes achega ás seis da tarde ao Monte Gaiás unha versión en galego da cantata escénica Carmina Burana, de Carl Orff, da man da Banda de Música Municipal de Valga, o coro Gli Appassionati e tres solistas, cun total de 150 persoas sobre o escenario.

Músicas ao Vivo elixiu a Xiana Lastra como nova presidenta

Xénero: Miscelánea | 17 / 9 / 2019

imaxe non dispoñible

A Asociación Músicas ao Vivo, que organiza cada ano os Premios Galegos da Música Martín Códax, remudou a súa directiva na asemblea que celebrou en Compostela este 15 de setembro. Sonia Lebedynski Diéguez renunciou á presidencia da entidade por motivos "simplemente persoais e familiares que impiden que a miña implicación e dedicación ao cargo sexan as desexadas", segundo explicou a propia presidenta saínte. Na mesma asemblea asumiu o cargo Xiana Lastra, que anunciou a súa intención de "seguir traballando polo colectivo e en clave feminista". Lastra, actual vocalista da Banda da Loba, apuntou que acolle o cargo con tranquilidade xa que "a equipa que temos na directiva é magnífica e faise un traballo descomunal e totalmente en conxunto".

Furious Monkey House confírmanse con Love, scum & dust

Xénero: Rock | 16 / 9 / 2019

Love-Skum-Dust_furiousMh.jpg

A afondar a súa aposta polo rock de guitarras, a banda pontevedresa Furious Monkey House presentaba o pasado venres 13 de setembro Love, scum & dust, o seu segundo álbum de estudio. Cinco anos despois do seu debut con Run, e coa incorporación dun segundo mono furioso, o grupo achega nove temas nos que mantén a súa esencia rockeira cun son máis complexo e achegamentos ao indie-rock británico ou ao rock alternativo estadounidense. Publicado por Universal Music Spain, Esmerarte y Atresmúsica, o álbum gravouse nos Estudios Bonobo e Planta Sónica entre decembro de 2017 e agosto de 2018, e presentouse con dous singles, Echoes e Lluvia, que con No lo ves é o primeiro tema cantado en español do conxunto.

<< Inicio / Anterior . 881 a 890 de 3576 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR