Noticias
The Rapants poñen en marcha 'La máquina del buen rollo'
Xénero:
| 15 / 3 / 2024Os muradáns The Rapants son hoxe en día unha das bandas máis presentes da escena galega do pop, desde que en 2021 gañaron o concurso de bandas emerxentes Sonidos Mans Salas a formación non fixo máis que aumentar a súa presenza e alcance en salas e festivais. Agora presentan o seu terceiro traballo longo, 'La máquina del buen rollo', apenas un ano máis tarde que o anterior 'O Corasón como un after'(2023). Con este novo disco a formación quere amosar unha evolución do seu son e un retrato sonoro o máis fiel posible ao espírito da banda. Nove temas cheos de enerxia para desfogar bailando, ateigado, segundo eles, de chiscadelas á vida muradá e con moitas referencias case universais dentro do mundo do pop. Rock, rap ou country son algúns dos estilos polos que transita este 'La máquina del buen rollo', un traballo que os rapantes gravaron o pasado outono nos estudios de Paco Loco, quen axudou á banda a ultimar os detalles dun disco no que cada tema "ten entidade propia". Cada corte ten características propias, mais todos son parte dun mecanismo que fai que o álbum procure reproducir os directos de The Rapants. The Rapants contrapón letras tristes e escuras (nas que contaron coa colaboración de Sara Faro, de Fillas de Cassandra, para Rue Franklin, e Nuno Pico, de Grande Amore, en Cando Pensa en Min) con ritmos e melodías animadas, feitas para bailar.
A novena xeira de De lugares e órganos activa o patrimonio sonoro de Compostela
Xénero:
| 15 / 3 / 2024Cicno concertos ao vivo compoñen o eixe do programa da novena edición de De lugares e órganos. A iniciativa que pon en valor o patrimonio organístico de Santiago de Compostela desenvólvese entre o 21 e o 31 de marzo a contar cos instrumentos conservados nas igrexas de San Paio de Antealtares, Santa Clara, a capela das Ánimas, a igrexa de San Miguel dos Agros e a igrexa da Universidade.
Milladoiro celebra o 45 aniversario do seu primeiro concerto na Coruña
Xénero:
| 13 / 3 / 2024O 15 de maio de 1979 no teatro do colexio Salesianos da Coruña unha nova formación de música folk subía ao escenario a estrearse ante o público baixo o nome Milladoiro. Co tempo esta formación chegou a acadar grande popularidade alcance así como fitos enormes para a cultura galega. Percorreu escenarios de todo o mundo e recibiu recoñecementos senlleiros como a Medalla de Ouro de Galicia (2012), Medalla Castelao da Xunta de Galicia (2004); o premio Goya á mellor banda sonora orixinal, por "La Mitad del Cielo" en 1986; o premio da Música concedido pola SGAE e AIE ou o Pedrón de Ouro, concedido polo Padroado Rosalía de Castro no ano 1985. Agora, 45 anos despois daquel concerto de presentación organizado polo Ateneo herculino e co gallo de conmemorar esa efeméride, a senlleira banda volve subir ao escenario no Pazo da Cultura da cidade que a viu nacer para ofrecer un evento singular coa súa actual formación na que están Xosé V. Ferreirós, Nando Casal, Moncho García, Harry.c, Manú Conde e Manuel Riveiro. Será o vindeiro 19 de maio cando Milladoiro celebre o seu concerto de 45 aniversario e xa está á venda as entradas para asistir.
Dakidarría presentan o directo da súa conmemoración de vinte anos
Xénero:
| 12 / 3 / 2024Os Dakidarría colléronlle gusto a gravar os seus directos conmemorativos. Se fai agora 8 anos a banda presentaba o disco en directo en formato CD-DVD 'De cuncas e de mar' (2016), co que celebraban os seus 13 anos de traxectoria agora o motivo foi a celebración o pasado ano do seu vinte aniversario que celebraron sobre os escenarios en cun concerto conmemorativo o 9 de setembro no marco do festival Revenidas en Vilaxoán de Arousa. Daquela noite sae agora "XX"( El Garaje Producciones), a gravación do directo onde inmortalizan aquela noite na que contaron coa colaboración de máis de 50 artistas, nun percorrido sonoro de vinta cancións e máis de dúas horas a través dos vinte anos de vida deste grupo do Val Miñor, referente na defensa da cultura popular e contestataria. Entre as colaboradoras deste traballo destacan figuras como Xurxo Souto, Tanxugueiras, Boikot, La Raíz, Mondra, ou High Paw.
Xacarandaina leva o II Premio Opinión Acontecemento Musical do Ano
Xénero:
| 11 / 3 / 2024O vindeiro 2 de abril celébrase no Teatro Rosalía da Coruña a gala dos XXIII Premios Opinión da Música de Raíz. De xeito previo a dar a coñecer os proxectos vencedores desta edición, a organización do encontro presentaba este 9 de marzo as propostas que foron recoñecidas cos premios especiais do certame.
O festival da diáspora EmigraSON celebra segunda edición
Xénero:
| 8 / 3 / 2024A mocidade da diáspora galega en Bruxelas reunirá esta fin de semana na capital belga un elenco de representantes da escena musical galega no que será a segunda edición do festival EmigraSON. Esta iniciativa autoxestionada por un grupo de xente nova emigrada, conta este ano co apoio da Xunta de Galicia, e as empresas Deleite e Rei Zentolo, que súmanse nesta segunda edición aos apoios do Parlamento Europeo e nomeadamente dos eurodeputados Nicolás Casares (PSOE) e Ana Miranda (BNG). Os organizadores buscan "achegar Galicia a súa cidade e crear un lugar de encontro para a mocidade galega no estranxeiro" e con esa finalidade acadaron levar unha representación da puxante escena musical galega actual. O programa ábrese hoxe coa actuación do dúo Aldaolado nas instalacións do Instituto Cervantes, para posteriormente celebrar unha foliada coa formación Alumea no local do Colectivo García Lorca. O cartel do que é propiamente o festival musical a celebrar o sábado inclúe a Ataque Escampe, Catuxa Salom, Grande Amore, Lontreira e The Rapants,, todos eles actuarán desde as 16:30 horas no local La Tricoterie da capital belga. O evento serve tamén de marco á celebración do Iº Foro de Investigadores Galegos no Estranxeiro, organizado pola Rede Galega pola Investigación, InvestiGal, que reúne a ducias de investigadores galegos que traballan en países diversos.
A Real Filharmonía de Galicia estrea hoxe en Vigo unha obra de Jacobo Gaspar
Xénero:
| 7 / 3 / 2024O Teatro Afundación de Vigo acolle hoxe xoves, 7 de marzo ás 20:00 horas, á real Filharmonia de Galicia que inclúe no seu programa a estrea da peza 'De mar a Mar', obra do compositor Jacobo Gaspar (Mos, 1975) encargada pola RFG. O concerto está enmarcado no programa '(EN)FOCO ondas de inspiración' da formación orquestral, unha nova proposta de programas que consiste en concertos comentados dunha hora de duración para axudar a comprender a música clásica a aquelas persoas que se achegan por primeira vez a ela. A RFG estará baixo a dirección de Johanna Malangré e contará coa participación da musicóloga Rosa Fernández. A estrea do compositor galego abre a velada. Nesta peza, segundo a presentación, "latexa a súa constante busca das posibilidades expresivas do son, a través de texturas e referencias poético-musicais". O concerto inclúe a peza 'Danzas concertantes' de Igor Stravinski, estreadas en Los Ángeles en 1942 co compositor como director; a obra contén toda a enerxía rítmica das súas primeiras composicións e a claridade e refinamento melódico das súas obras neoclásicas. Robert Schumann pon fin ao concerto coa segunda das súas catro sinfonías, estreada por Mendelssohn en 1846 con escaso éxito. Esta obra componse nunha época difícil para Schumann, sumido nun desacougo que non se reflicte na obra, escrita cunha linguaxe moi innovadora e cun empuxe orquestral moi vencellado ao Beethoven sinfónico. O concerto repetirase o venres, 8 de marzo, no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela.
Xabier Díaz retorna coas Adufeiras de Salitre en Axúdame a sentir
Xénero:
| 5 / 3 / 2024Desde este 29 de febreiro está dispoñible en tendas e plataformas dixitais Axúdame a sentir, o novo disco de Xabier Días e Adufeiras de Salitre. O álbum de once temas, supón unha renovación nos sons deste proxecto, coa incorporación de baixo ou guitarra eléctrica, novos tons na percursión e unha maior carga de creación propia nas letras, que manteñen as habituais formas de raíz.
Nace en Redondela A Fedora, Conserveira cultural
Xénero:
| 4 / 3 / 2024Este 2 de marzo abría as súas portas en Redondela A Fedora. Co epígrafe Conserveira cultural, este novo espazo recupera para o público unha antiga nave industrial da vila. Da man da Asociación Cultural A Fedora, este espazo propón manter unha programación estable de concertos e artes escénicas.
Unha gala na Coruña conmemora a Luísa Villalta
Xénero:
| 4 / 3 / 2024A coincidir co vixésimo aniversario do falecemento da homenaxeada o Día das Letras Galegas deste 2024, a Federación Galiza Cultura organiza este 6 de mrazo Inaugurar o tempo da xustiza. Celebrando a Luísa Villalta. O Teatro Rosalía de Castro acolle esta gala que mestura música e poesía e que estará presentada por Xosé Manuel Carril.