Noticias
O Liceo de Ourense acolle a presentación do libro-CD Cantando a Carballo Calero
Xénero: | 18 / 3 / 2021
A Secretaría Xeral de Política Lingüística acaba de presentar a edición en libro CD de Cantando a Carballo Calero. O álbum recolle dezaseis versións musicadas de poemas do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2020, nove das cales xa se fixeran públicas no Portal Galego da Língua durante 2020. José Luís Fernández Carnicero foi o responsable da adaptación e da interpretación das músicas ao piano, con voz de Xico Paradelo na formación Agualevada.
Tito Lesende ponse á fronte da 'Consellería do ritmo' na Radio Galega Música
Xénero: | 17 / 3 / 2021
Un novo formato de programa para recoller o rock e o pop feito en Galicia comezará este vindeiro 21 de marzo na canle pública Radio Galega Música. O novo espazo 'Consellería do ritmo', producido e conducido polo xornalista musical Tito Lesende, emitirase todos os domingos ás 22.00 horas e tamén estará dispoñible en formato podcast a través da web da Radio Galega e das plataformas habituais.
Vinte e seis agrupacións musicais actuarán en 55 concellos de Pontevedra grazas ao programa Musigal
Xénero: | 15 / 3 / 2021
Ata 55 concellos pontevedreses de menos 50.000 habitantes chegará este ano a música de 26 agrupacións musicais galegas de diferentes estilos a través do programa Musigal, impulsado pola Deputación provincial para contribuír á difusión e promoción da música galega e en galego. Andrea Pousa será a encargada de abrir a programación deste ano cun concerto que terá lugar o 9 de abril en Tui, mentres que a última cita será o 18 de decembro na Illa de Arousa, con Leilía.
A Banda da Loba homenaxea a Xela Arias a musicar Intempériome
Xénero: | 8 / 3 / 2021
Intempériome é o título do videoclip que acaba de publicar A Banda da Loba a musicar unha mestura de textos de Xela Arias. A letra combina versos de cinco poemas diferentes da obra do mesmo título da autora e gravouse nos estudios Abrigueiro de Arturo Vaquero. Segundo explica a banda, o tema "fala de deixar atrás o aprendido, os prexuízos e os estereotipos, e avanzar cara o auto-recoñecemento para sermos a persoa que queiramos ser. Os coidados e a liberdade... a base fundamental". O tema contou co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e intégrase nas propostas da Consellería de Cultura para o Día das Letras Galegas dedicado á autora.
AGADIC cambia as bases das axudas a salas de concertos para acadar máis e mellor impacto
Xénero: | 5 / 3 / 2021
A Axencia Galega de Industrias Culturais publica hoxe no Diario Ofiucial de Galicia unha modificación das bases das subvencións convocadas o pasado 1 de febreiro para o desenvolvemento de proxectos de programación musical en salas privadas . As modificacións, aínda que non son moitas, resultan subtanciais para o acceso a esta liña de axudas xa que reducen o requisito de antiguedade na alta no IAE da actividade previa da sala de dous anos previos a só seis meses. Tamén aumenta a capacidade do impacto da propia subvención sobre a proposta de actividade a nivel económico, xa que ainda que a partida orzamentaria a repartir e o máximo a recibir por solicitude -20.000 euros- non varían, a axuda poderá chegar a cubrir o 100% do custe da programación estimado, en troques do 80% como aparecía inicialmente, reducindo a necesidade de achegar liquidez por parte dun sector que leva un ano sen poder traballar dedido ás restricións derivadas da situación sanitaria. A intesificación desas medidas de prevención e o xeito que que afectaron a proxectos culturais e as súas programacións é o motivo que leva a AGADIC a facer estas modificacións. O resto das condicións das bases presentadas o 1 de febreiro non presentan cambios.
Zumaque preséntase por todo o alto Silván
Xénero: | 2 / 3 / 2021
Ter situado o seu primeiro traballo, Silván, como candidato en todas as categorías dos Premios Opinión de Música Folk amosa o potencial da banda compostelá Zumaque. O trío formado pola arpista bretoa Bleuenn Le Friec, o contrabaixista Alfonso Calvo e o clarinetista Pablo Pascual, explora novas sonoridades para os ritmos tradicionais no seu álbum de debut. Instrumentos pouco convencionais como son a harpa, o clarinete baixo e o contrabaixo, achegan toques de jazz ás catorce pezas do disco, que lanzaron no final de 2020 e que están a presentar por todo o país.
Zumaque e mais Xosé Lois Romero e Aliboria acaparan candidaturas nos XX Premios Opinión
Xénero: | 1 / 3 / 2021
O xornal La Opinión daba a coñecer este 28 de febreiro a listaxe de finalistas á XX edición dos Premios Opinión de Música de Raíz. As bandas Zumaque e mais o proxecto Xosé Lois Romero e Aliboria encabezan as candidaturas, ao estar presentes nas catro candidaturas de que constan os galardóns, as de tema orixinal,mellor adaptación dun tema tradicional, mellor disco e mellor artista, no que compiten respectivamente Pablo Pascual e Xosé Lois Romero. Séguenos Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, que optan a tres galardóns ao non ter no seu último traballo temas orixinais.
Mercedes Peón estrea en Madrid Osmose, o seu último espectáculo
Xénero: | 25 / 2 / 2021
Unha "peza escénica atravesada pola obra Nación, de Margarita Ledo", que se desenvolve "en diálogo coa intervención audiovisual de Peque Varela e Laura Iturralde". Así define Mercedes Peón Osmose o novo proxecto que estrea este 26 de febreiro. O Centro de Cultura Contemporánea Conde Duque de Madrid acolle a montaxe, na que propón "un espazo de relación entre o imaxinario de creación colectiva e os imaxinarios atravesados polo capital. Relación entre elementos, sistema que filtra corpos incorporados á produción. Corpos sen xénero distribuídos no binarismo de poder e subalternidade. Osmose é unha pregunta escénica canalizada a través da música e das súas corporalidades".
O Marisquiño deixa Vigo con destino descoñecido
Xénero: | 23 / 2 / 2021
Apenas pasou un mes desde que o festival de cultura urbana O Marisquiño anunciara o seu regreso este ano á axenda do verán vigués cando a empresa fixo onte un novo comunicado no sentido contrario e mesmo anunciando a súa despedida da cidade onde leva celebrándose desde o ano 2001. A empresa promotora do evento, Factor Ulises, tomou a decisión de cancelar definitivamente a edición de 2021 sinalando a imposibilidade de obter apoios institucionais suficientes para manter o evento nas mínimas condiciones de calidade e seguridade admisibles para a organización. A incerteza sobre o apoio financeiro por parte da Xunta, unida ao recorte dun 70% da partida que o Concello de Vigo, dedicaba ao evento, que incluía ademais a achega da Deputación de Pontevedra está detrás desta decisión da organización do evento internacional que tamén apunta as dificultades que tivo que afrontar nos últimos anos para manter a celebración do festival na cidade. Factor Ulises afirma no seu comunicado que os patrocinios privados tamén tiveron unha considerable caída, razón pola cal o apoio institucional era máis necesario que nunca nesta edición.
Néboa afonda na fusión con A realidade enganosa
Xénero: | 22 / 2 / 2021
Logo de o presentar en BandCamp, está a saír do prelo este mes de febreiro a edición en vinilo de A realidade enganosa, primeiro álbum dos catoirenses Néboa. O quinteto formado por Aloia López Ferro, Jacobo García Lafuente, Tomás Porteiro Abuín, Sandra Pérez Míguez e Lucas M. Suárez de Centi afonda na aposta por unha fusión sen límites logo de varios EPs e singles. Indietrónica, música tradicional galega, poesía elíptica, jazz de vodevil, pop alternativo, canción de autor e pop internacionalista son influencias que a banda reivindica na presentación do seu traballo, que conta con dez temas cos que "compoñen un cadro de puro minimalismo pop, con trazas que nos levan ata o pop alternativo máis experimental e sons que repiquetean no máis fondo da canción de autor tradicional".


