Noticias
Timparrantela preséntase con Se te quixen foi polos grelos
Xénero:
| 11 / 2 / 2021Desde Ourense chega Timparrantela, unha formación que aposta pola fusión desde a música tradicional cunha perspectiva poética e reivindicativa. Lorena Sotelo (voz), María Blanco (violino), Olalla Rodríguez López (clarinete), Olalla López Rodríguez (saxo), Olga Brañas (piano), Raquel Huete (tuba) e Marta Figueiredo (percusión) presentan o seu primeiro traballo logo de tres anos de actividade.
As IX Xornadas sobre o Entroido de Galiza celébranse en liña
Xénero:
| 10 / 2 / 2021Dez conferencias en liña sobre diferentes aspectos das festas de máscaras tradicionais compoñen as IX Xornadas Sobre o Entroido de Galiza. Entre os días 12 e 21 de febreiro o Facebook da Sociedade Antropolóxica Galega achegará un relatorio diario a cargo de especialistas como Lidia Mariño, Carlos Ares, José Luís Cardeo, Roberto de la Torre, Emi Cagiao ou Rafa Quintiá. Festas como as de Samede, o Courel, Manzaneda e Nergha, ou o carácter simbólico de diferentes animais como vacas e porcos nestas celebracións trataranse nas distintas sesións.
15 grupos e artistas da escena independente reinventan o último disco de TAB
Xénero:
| 3 / 2 / 2021Que Triángulo de Amor Bizarro son unha banda recoñecida e mesmo de culto na escena da música independente española é un feito que xa ninguén pon en dúbida. Aos múltiples premios e á súa constante presenza nas listas destacadas polos medios especializados ven de sumarse agora un disco que se presentará esta vindeira primavera no que ata 15 grupos ou artistas destacados do panorama independente estatal reinterpretan por enteiro o, ata de agora, último traballo discográfico da banda galega. O quinto álbum dos TAB, de nome homónimo á banda dado do revés, oɹɹɐzıqɹoɯɐǝpolnƃuɐıɹʇ (Mushroom Pillow), foi publicado o pasado ano durante o confinamento ven de recibir o Premio Ruido e está na lista de candidatos ao premio Impala ao Disco Europeo do ano da música independente. Os 12 temas do álbum serán obxecto de reinvención, remestura e reinterpretación por artistas e banda coma Sr.Chinarro, Soleá Morente, Carolina Durante, Biznaga, J (LosPlanetas), Boyanka Kostova, Joaquin Pascual, Aries Sonic Boom, Erik Urano, Castro, Las Ligas Menores, Miguel Prado, Menta e Esplendor Geométrico. O vindeiro 19 de febreiro coñecerase o primeiro avance do disco titulado Detrás del espejo. Variaciones y ecos (Mushroom Pillow, 2021) .
Presumido pechan traxectoria por motivos creativos
Xénero:
| 1 / 2 / 2021Tarci Ávila e Nacho Dafonte veñen de poñer punto final ao seu percorrido musical como Presumido. O dúo anunciou por medio dun comunicado a despedida dese singular proxecto profesional merecedor de boas críticas e recoñecemento durante estes pasados desde que en 2016 presentaran como dúo o seu primeiro disco longo Vendetta, malia que Presumido comezou en 2014 co EP Ahora mejor coma un proxecto en solitario de Tarci Ávila, músico inquieto que viña de pasar por bandas como The Blows, Eladio y los Seres Queridos, Igloo e a dirección musical do proxecto Galicia Caníbal. No seu comunicado Dafonte y Ávila atribúen unha motivación ao 100% creativa a esta decisión de fin de Presumido. "Vivimos varios anos como queriamos e agora queremos vivir de outro xeito, explorar outros territorios usando todo o aprendido para seguir crecendo como artistas e seres humanos", afirman na súa despedida. O grupo, con todo, anuncia que atenderá aos concertos que ten comprometidos con festivais adiados do pasado ano -Mad Cool, Gigante, MUWI e SilFest, enbtre outros- que se manteñen inicialmente este 2021, e emprazan aos seus seguidores a eses directos para volver compartir o seu repertorio.
Agadic convoca axudas para programación musical en salas privadas
Xénero:
| 1 / 2 / 2021A Axencia Galega das Industrias Culturais, AGADIC, ven de publicar no Diario Oficial de Galicia as bases da convocatoria de subvencións para o desenvolvemento de proxectos de programación musical en salas privadas dentro da programación do Xacobeo 2021. As axudas que se concederán nun réxime de concorrencia non competitiva contan cun orzamento total de 800.000 euros e mañá abrese o prazo de presentación de solicitudes ata o vindeiro 1 de marzo. Non obstante a premura na presentación de solicitudes é case un requisito xa que, unha vez esgotado o crédito na contía máxima fixada nas bases, non se admitirán novas solicitudes aínda que a publicidade desta circunstancia se produza con posterioridade. Entre os requisitos a cumprir os proxectos financiados deberán incluír unha programación mínima de 15 concertos, cun 70 % mínimo de grupos galegos, e cun orzamento mínimo do proxecto de 20.000 euros e desenvolverse integramente en Galicia nas datas comprendidas entre o 1 de xaneiro de 2021 e o 31 de outubro de 2021.
A Xunta anuncia unha liña de axudas para salas de concertos
Xénero:
| 22 / 1 / 2021O Consello da Xunta de Galicia aprobou na súa xuntanza do 21 de xaneiro as bases dunha nova liña de subvencións coas que o Goberno Galego quere apoiar as salas de concerto do país. Pensada para mitigar os efectos da pandemia de Covid-19 no sector, a vindeira convocatoria achegará un total de 800.000 euros que se distribuirán a razón dun máximo de 20.000 por local, co que a Xunta agarda chegar a 40 destes espazos culturais por todo o país. Segundo recolle o resumo do Consello, estas axudas pretenden "achegar liquidez aos locais de música ao vivo para enfrontar os efectos do seu peche durante estes meses, así como para retomar a súa actividade unha vez se levanten as restricións sanitarias".
Abe Rábade comeza 2021 con Sorte, o seu décimo cuarto álbum
Xénero:
| 22 / 1 / 2021Abe Rábade comeza 2021 cargado de proxectos. O pianista e compositor acaba de presentar, no formato trío, Sorte o décimo cuarto álbum da súa carreira. O disco conta con doce composicións orixinais nas que Rábade se acompaña de Pablo Martín Caminero ao contrabaixo e de Bruno Pedroso á batería. Segundo a presentación da obra "coa suxerente idea-forza da Sorte como `grupo de elementos que emerxeron por medio do azar', cada peza do álbum representa un estado de ánimo ou unha fonte magnética de inspiración". Segundo o autor "o abano estético do material vai desde a música clásica ao blues, pasando pola influencia da música tradicional de Galiza, a experimentación tímbrica de vangarda e, por suposto, os elementos interactivos e espontáneos tan propios do jazz". Publicado por Nuba e Karonte, os doce temas do álbum estrutúranse en tres trípticos, "Sorte mística", "Sorte épica", "Sorte íntima" e "Sorte lúdica".
Triángulo de Amor Bizarro obtén o seu segundo Premio Ruído
Xénero:
| 19 / 1 / 2021O quinto álbum de Triángulo de Amor Bizarro, que o grupo galego lanzou durante o confinamento da pasada primavera, acaba de ser recoñecido como un dos mellores discos do ano. O traballo, que ten o mesmo nome que a banda, alzouse como vencedor do Premio Ruído, que outorga o colectivo Periodistas Asociados Musicales (PAM). É a segunda vez que os de Boiro obteñen este galardón, co que xa foran recoñecidos en 2016 por Salve Discordia. O fallo destaca que o traballo "é unha declaración de principios na que dan renda solta aos sons noise e ritmos post-punk" e no que destacan temas como Vigilantes del Espejo, ASMR para ti ou Fukushima. O álbum competía con outros quince proxectos finalistas de todo o Estado.
Turnes e Casquero apostan polo son ao vivo en Fidelio 85
Xénero:
| 15 / 1 / 2021Javier Turnes, voz e guitarra da Bakin Blues Band e Alejandro Casquero, piano da mesma formación, estréanse como dúo con Fidelio 85. A partir dos seus instrumentos, Turnes e Casquero amplían repertorio e integran, a partir do blues versións de temas de soul, gospel e baladas, nunha aposta que gravaron ao vivo no pub compostelám Borriquita de Belém en decembro de 2019 logo de cinco anos de recitais por salas de todo o país. Unha aposta que xorde "da nudez e da intimidade dun pequeno formato" mais que "propón a potencia do directo dunha banda" para "pór sobre a mesa, sen adornos, aquilo que consideran máis verdadeiro e excitante do blues". O dúo anuncia a súa intención de continuar percorrido a desenvolver un novo álbum de temas propios.
Pablo Sanmamed reinterpreta as Cantigas de Santa María en Ben Vennas Maio
Xénero:
| 12 / 1 / 2021Unha revisión das Cantigas de Santa María que promoveu Afonso X a mesturar as linguaxes do jazz e da música medieval. Esta é a orixinal proposta que desenvolve Pablo Sanmamed en Ben Vennas Maio, o álbum que acaba de publicar aCentral Folque. O volume, que sae en formato vinilo acompañado por fotografías de Eutropio Rodríguez e textos de Alba Cid que dialogan coas letrasorixinais, achega dez temas que se centran nos temas das cantigas, a primavera, o maio e a muller. Begoña Olavide (salterio e voz), Elena Tarrats (voz), Xurxo Varela (viola de gamba), Iago Mourinho (piano), Chus Pazos (batería) e Carlos Castro (percusións) colaboran co contrabaixista e compositor que lidera este proxecto.