Ir ao contido directamente.


Noticias

O Centrad organiza unha xornada sobre chirimía e sacabuche

Xénero: Antiga | 28 / 2 / 2024

imaxe non dispoñible

O Centrad, Centro de Artesanía e Deseño da Vicepresidencia da Deputación de Lugo organiza esta fin de semana a Iª Xornada de chirimía e sacabuche. Trátase dun obradoiro teórico práctico no que os participantes coñecerán o funcionamento de instrumentos renacentistas de vento entre os que están destacados a chirimía e o sacabuche, considerado o antepasado do trombón. A formación estará impartida polo grupo almeriense Anónimo IV Ensemble de Música Renacentista e Medieval e comezarán o venres pola tarde e o domingo rematarán ao mediodía. O programa durante as tres xornadas inclúe palestras sobre instrumentos de palleta dupla na península Ibérica dende o Islam ata o século XV ou de instrumentos de vento nas catedrais galegas. Tamén se levarán a cabo clases grupais sobre o temperamento mesotónico e a relación coas tonalidades, características acústicas das chirimías, o papel do sacabuche nas transposicións ou a interpretación de obras en conxunto. As persoas interesadas poden inscribirse a través do correo electrónico chirimiasgalegas@gmail.com ou no teléfono 629 421 544. O Centrad de Lugo custodia unha colección de instrumentos musicais e obxectos sonoros e programa obradoiros e mostras para achegarse a eles.

Corenta artistas de Galicia piden apoio para os Premios MIN

Xénero: Miscelánea | 23 / 2 / 2024

imaxe non dispoñible

Ata corenta artistas da escena musical galega forman parte das candidaturas desta fase dos Premios MIN da música independente estatal, case a metade deles compiten, entre outras categorías, na de Mellor álbum en galego do 2023. Estes premios organizados pola Unión Fonográfica Independiente (UfI), que van pola súa XVIª edición, contemplan ata 21 categorías de galardóns diferentes, xa sexa por xénero, formato, técnicos ou por linguas, ademais dun premio honorífico. Actualmente o proceso da convocatoria actual vai pola súa cuarta fase, o que implica a votación pública a través da plataforma en liña ata o 8 de marzo, tras diso será o momento dun xurado designado pola organización para definir os finalistas.

Fillas de Cassandra presentan hoxe o seu espectáculo 'Últimas dionisíacas'

Xénero: Fusión | 16 / 2 / 2024

imaxe non dispoñible

Na actual conxuntura da industria musical, para un artista ou unha formación a presentación dun espectáculo e unha xira pode chegar nalgúns casos a ser o equivalente ao que tradicionalmente foi presentar un traballo discográfico. A elaboración dun espectáculo, os arranxos musicais e posta en escena poden resultar tan diferentes respecto ao que sería a escoita da música gravada que resulta un produto singular en si mesmo, é algo que grandes artistas internacionais veñen facendo desde hai tempo e que agora xa está á orde do día en circuítos máis achegados. Este é o caso das Fillas de Cassandra, que hoxe mesmo comezan a xira 'Últimas Dionisíacas' na súa cidade natal, Vigo. Tras esgotar, en menos de 10 días, os 1.400 billetes dispoñibles para a cita no Auditorio Mar de Vigo, o dúo conformado por María SOA e Sara Faro estreará no hall do recinto o seu novo directo. Logo da estrea viguesa, Fillas de Cassandra levará as Últimas Dionisíacas á cidade da Coruña o vindeiro 22 de febreiro, nunha cita enmarcada na celebración do Día dos Medios en Galego (que terá lugar na sala INN e para a que tampouco quedan billetes dispoñibles)

Eduardo Soutullo gaña o XV Premio Gaos de composición

Xénero: Clásica/Lírica | 16 / 2 / 2024

imaxe non dispoñible

O compositor Eduardo Soutullo é o gañador do XV Premio Andrés Gaos de composición musical da Deputación coa súa obra Avnios. Así se anunciou onte á noite no Museo Domus, tralo concerto de Arxis Esemble e o encontro do público co xurado e co comisario do certame e director artístico de Arxis Esemble, Hugo Gómez-Chao Porta, no que tamén participaron José Trigueros e Andrés Lacasa, director e xerente da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG). Un xurado composto pola catedrática de música e investigadora, Rosa María Fernández García e pola compositora e compositores Raquel García, Jacobo Gaspar, Miguel Matamoro e Wladimir Rosinskij; presidido pola deputada de cultura, Natividade González e coa xefa da área, Mercedes Fernández Albalat como secretaria, escolleu como gañadora a obra de Eduardo Soutullo entre as 9 presentadas ao concurso de composición musical convocado pola Deputación. O gañador recibirá como premio 6.500€ ademais da posibilidade, por parte da entidade provincial, da produción e estrea da obra.

Brais Moran abre a pista de baile con 'Revolución Chic'

Xénero: Pop | 15 / 2 / 2024

braismoran_revolucionchic.jpg

Seis anos tardou Brais Morán en presentar este novo traballo discográfico que é o terceiro do seu percorrido en solitario, aínda que neste caso asina acompañado da formación Nasaufunk. 'Revolución Chic" (2024) é unha nova mostra da actitude musical vitalista e aberta deste artista, alegre e buscando mover os corpos ao baile, neste caso entrando nas sonoridades da música 'disco' dos anos 70 nas súas formas mais 'negras' . Son dez temas e un remix do que dá título ao álbum e en todos eles podemos notar ecos coñecidos pero ao mesmo tempo baixo unha produción actualizada na que se nota a man de Arturo Vaquero (Abrigueiro Estudios). Non deixamos de ter na mente ao escoitalo a enerxía daquel mítico programa americano da primeira música disco 'Soul train' pero ao tempo notamos influenzas moito máis modernas que van empapando o son en cada recuncho e mesmo hai momentos do funk tropicalista que xa estaba en anteriores traballos de Morán. A sala Garufa da Coruña acollerá o vindeiro 1 de marzo o concerto de inicio da xira de presentación deste traballo no que Morán estará acompañando da formación Nasaufunk (Xabier Cid, Fran Castro, Manu Seoane e Antón Torroncho) que tanto achegan en cada tema.

Rosa Sánchez e Pablo Carpintero farán soar as gaitas máis antigas que se conservan

Xénero: Folk | 15 / 2 / 2024

imaxe non dispoñible

Un percorrido pola historia das gaitas a través de instrumentos que pasaron de man en man en diferentes familias ou que se conservan no Museo de Pontevedra. Esta é a proposta que desenvolven Rosa Sánchez e Pablo Carpintero este 16 de febreiro a partir 19 horas no Edificio Castelao do centro pontevedrés.

Sinsal publica as gravacións en cilindro fonográfico de artistas da pasada edición do festival

Xénero: Miscelánea | 9 / 2 / 2024

imaxe non dispoñible

Xa están dispoñibles en aberto as primeiras Sesións San Simón, as gravacións en cilindro fonográfico realizadas durante a pasada edición do festival Sinsal SON Estrella Galicia polo experto Aleks Kolkowski. Os primeiros audios pódense escoitar a través da páxina web da promotora do evento, Sinsalaudio. Ademais do rexistro da canción, Sinsal recolle tamén esta gravación en vídeo da man do cineasta vigués Álex Cancelo. Están dispoñibles as sesións nas que participaron Hatis Noit, Fillas de Cassandra, Ana Lua Caiano, Duo Ruut, Dal:um, Leenalchi ou AGD7. As Sesións San Simón forman parte das actividades paralelas do Sinsal, que cada verán se celebra na illa de San Simón. Nelas participan de xeito activo as bandas e solistas que conforman o cartel secreto do festival, e consisten no rexistro dunha canción, de dous minutos, nun cilindro de cera. As sesións, realizadas en distintos espazos do arquipélago, son abertas para o público asistente.

Abraham Cupeiro presenta 'Mythos' con xira en Galicia

Xénero: Nova era | 7 / 2 / 2024

mythos_capa.jpg

Hoxe sae á luz nas plataformas dixitais o novo traballo discográfico de Abraham Cupeiro, 'Mythos' (Loira records). No disco o músico, investigador e multiinstrumentista de Sarria (1980) presenta oito novas composicións propias baseadas, como o seu título indica en mitos e lendas das culturas de Grecia, Roma ou a India, o que supón neste caso unha nova viaxe musical a través da historia da humanidade. Este é o terceiro traballo discográfico de Cupeiro tras aquel revelador 'Os sons Esquecidos' (Warner, 2017) e o globalista 'Pangea' (Warner, 2020) e de novo o compositor volve facer equipa con formacións sinfónicas de alto nivel para ofrecer as súas composicións ou interpretacións nas que incorpora sons ancestrais a través mesmo da recuperacións de instrumentos antigos. Neste caso o disco gravouse nuns estudios que tampouco están desprovisto de carga mística, como son os de Abbey Road en Londres, e o lugués acompañouse da Royal Philarmonic Orchestra para a gravación, ao igual que xa fixera co seu segundo traballo.

A AGPXC e a AGEM reclaman ás administracións que paguen en prazo

Xénero: Miscelánea | 24 / 1 / 2024

imaxe non dispoñible

Nun comunicado conxunto emitido este 24 de xaneiro, a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) e AGEM, Asociación Galega de Empresas Musicais, reclámanlle ás administracións que cumpran os prazos legais para o pago de facturas e de subvencións. Segundo os colectivos, estas demoras poñen en risco a viabilidade e a calidade do traballo de moitas entidades do sector e obrigan a un endebedamento difícil de sustentar.

As II Residencias Artísticas Mariñán acollerán oito proxectos creativos

Xénero: Miscelánea | 24 / 1 / 2024

imaxe non dispoñible

Catro proxectos do ámbito musical e outros catro centrados na literatura e no pensamento participarán da segunda convocatoria das Residencias Artísticas Mariñán. A Deputación da Coruña presentaba estes 23 de xaneiro esta nova edición, que se desenvolverá entre o 15 e o 26 de abril. Durante estes días o pazo de Mariñán acollerá as persoas responsables dos proxectos escolleitos, que terán estadías de seis días no caso das propostas musicais e de doce nas literarias e de pensamento.

<< Inicio / Anterior . 61 a 70 de 3425 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR