Noticias
Novas homenaxes lembran a Carballo Calero en Ferrol e na Coruña
Xénero:
| 13 / 10 / 2020O outono continúa cargado de homenaxes arredor do Día das Letras dedicado a Ricardo Carballo Calero. Entre os máis próximos, Ferrol acolle este 14 de outubro a evento Ferrol, 1916, un acto organizado polo Consello da Cultura Galega en colaboración co Concello que se desenvolverá no Teatro Jofre. O programa inclúe a presentación da edición facsimilar da obra teatral A farsa das zocas e a estrea ao público da peza Ferrol, 1916. Esta composición de Miguel Brotóns musica o poema homónimo do autor homenaxeado e contará con Alejo Amoedo ao piano e Patricia Rodríguez Rico na voz. O evento incluirá tamén a proxección da vídeo montaxe teatral Farsa das zocas.
Abraham Cupeiro fai un retrato sonoro do planeta coas músicas ancestrais en 'Pangea'
Xénero:
| 9 / 10 / 2020Abraham Cupeiro (Sarria, 1980) é un músico coñecido pola súa faceta coma recuperador de instrumentos e sons ancestrais, practicamente esquecidos, facendo confluír arqueoloxía e musicoloxía a través da súa investigación. O investigador e multiinstrumentista ven de presentar agora un novo disco de alcance universal, Pangea (Warner M;usic, 2020) gravado nos estudos de Abbey Road (Londres) en compañía da Royal Philarmonic Orchestra. Pangea é o segundo disco de Cupeiro tras Os sons esquecidos (Warner Music, 2017) un traballo de recuperación tamén de instrumentos e sons para o que contara coa Real Filarmonía de Galicia. En Pangea Cupeiro ofrece a través de composicións propias del e de María Ruíz unha viaxe polo planeta non só xeográfica senón tamén temporal grazas á recuperación de sons e instrumentos propios de moitas zonas do mundo ao longo da historia. Cupeiro usa dos sons das caracolas para achegarnos a Oceanía, o instrumento chinés Hulusi para subirnos ás montañas dese país, cornas de pastor, gaitas búlgaras, frautas africanas e unha longa listaxe que acaba por facer un percorrido global de melodías nun só disco, que coma o suposto continente orixinario Pangea, reúne todas as terras do planeta nun ente único.
O Poemagosto celebra a poesía en Allariz
Xénero:
| 9 / 10 / 2020Axeitado á actual situación sanitaria e cunha duración reducida, o VII Pomeagosto encherá as rúas de Allariz de Poesía este sábado 10 de outubro. Antón Reixa, Andrea Nunes Brións, Moncho Iglesias, Charo Lopes, Baldo Ramos, a asturiana Sofía Castañón, a portuguesa Raquel Lima e mais o iraquí Abdul Hadi Sadoun compoñen o cartel literario desta xeira. Os seus recitais estarán acompañados da música de Son Trío e mais de Terra Morena, e a xornada finalizará cun concerto de Xosé Luís Rivas Mini e Trilitrate.
A Real Filharmonía de Galicia comeza a temporada cunha estrea mundial
Xénero:
| 8 / 10 / 2020Alén, a obra coa que o compositor ponteareán Eduardo Soutullo obtivo o Premio de Composición AEOS-Fundación BBVA, celebra na tarde desde 8 de outubro a súa estrea mundial. A Real Filharmonía de Galicia bota a andar ás 20:30 horas a súa temporada 2020-2021 con esta peza, que interpretará baixo a dirección de Paul Daniel. O traballo de Soutullo estará acompañado neste recital por dúas obras do compositor finlandés Jean Sibelius (1865-1957) e mais unha selección de Peer Gynt, de Edvard Grieg.
A Xunta apoiara con axudas a celebración de concertos pero non recibe á asociación Clubtura
Xénero:
| 8 / 10 / 2020A Xunta de Galicia ven de comunicar que trasladou a empresarios do ocio nocturno un plan de reactivación do sector que incluirá axudas para o alugueiro, a celebración de concertos e o mantemento do emprego nestes locais. Así, no Plan destinado a discotecas, pubs, cafés-espectáculo e salas de festas, a Xunta inclúe de novo ás salas de concertos a pesares de que nesta reunión, coma nas anteriores, non houbo representación da Asociación Galega de Salas de Música Clubtura. O presidente de Clubtura asegura que non foron convocados a esta reunión e que a súa recente solicitude de ser recibidos polos responsables das consellerías de Interior, Sanidade e Cultura non tivo resposta por parte do goberno autonómico. Segundo a Xunta, a Consellería de Emprego e Igualdade destinará fondos a manter o emprego no sector do ocio nocturno e a Vicepresidencia segunda, a través do Igape, aprobará unha liña específica de créditos, que terá un importe máximo de 500.000 euros. Desde Clubtura seguen a reclamar para as salas de música un tratamento específico que non as equipare ao resto do ocio nocturno polas súas características de actividade cultural propias e agardarán a ver "sobre o papel" este plan do que tiveron noticia indirectamente para pronunciarse sobre a adecuación aos seus problemas.
Un curso en Vigo facilitará o achegamento á improvisación oral tradicional
Xénero:
| 8 / 10 / 2020O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo, a través do Centro de Interpretación da Oralidade, acaba de convocar a edición 2020-2021 do Curso de Improvisación Oral en Verso. Esta proposta formativa desenvolverase ata mes de maio do vindeiro ano e pretende dar a coñecer a poesía oral improvisada en verso, espertar o interese pola técnica, facultar o alumnado para poder improvisar e mellorar as competencias persoais no fomento das actitudes para a improvisación, da actitude creativa ou do desenvolvemento da memoria, entre outros obxectivos. As aulas estarán a cargo de Josinho da Teixeira e a inscrición é de balde.
Asociacións profesionais da cultura denuncian trato discriminatorio fronte a outros sectores
Xénero:
| 7 / 10 / 2020Oito asociacións profesionais do sector cultural de ámbitos como o audiovisual, a música, a xestión ou as artes escénicas acaban de publicar un manifesto conxunto no que denuncian "un trato discriminatorio con respecto a outros sectores produtivos con máis capacidade de presión" ante a problemática derivada da pandemia de Covid-19. Segundo explican estes colectivos no texto, "a falta de claridade da normativa sanitaria aplicada, xunto coas restricións debidas a novos gromos en zonas localizadas, dificulta enormemente a celebración de eventos nos espazos, traslada á cidadanía unha mensaxe errónea de que a cultura non é segura".
Dorothé na vila: Reler o Cancioneiro
Xénero:
| 1 / 10 / 2020A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego acollía o pasado 27 de agosto a estrea de de Dorothé na vila. Alejandro Gándara e Olaia Tubío introducíronse con este documental na difícil realización do Cancioneiro Popular Galego. A relación da súa autora, Dorothé Schubarth, coa obra, o papel dos informantes que achegaron o material para a mesma e mais a complexa recepción do libro entre a comunidade dedicada á música tradicional son aspectos que se poñen de relevo no filme. De fondo, a inevitable reflexión sobre como a nosa sociedade se relaciona con este patrimonio sonoro.
Entre Trastes álzase como triunfador nos XIX Premios Opinión da Música de Raíz
Xénero:
| 30 / 9 / 2020O grupo Entre Trastes conseguiu saír como triunfador da gala dos XIX Premios Opinión da Música de Raíz que se celebrou na noite deste 29 de setembro no teatro Rosalía de Castro da Coruña. A desbancar a Germán Díaz e ás Tanxugueiras, que acumulaban o maior número de candidaturas, a formación conseguiu os galardóns nas dúas categorías ás que aspiraba. O seu Umami obtivo así o premio ao mellor álbum e a canción Candolla impúxose como mellor tema orixinal. Germán Díaz só conseguiu un dos catro galardóns aos que tiña opcións, ao recibir o de Mellor Artista, un premio no que recunca logo de o gañar tamén en 2015.
O certame Musicando Carvalho Calero suma 78 participantes
Xénero:
| 29 / 9 / 2020A canle de Youtube do certame Musicando Carvalho Calero ten xa na rede as 78 cancións que participan desta iniciativa da AGAL e a Radio Galega. O concurso, que convidaba a lle pór música a poemas do autor homenaxeado no Día das Letras deste 2020, conseguiu a participación de nomes da nosa música como MJ Pérez, Acordeireta, Ukestra do Medio, Os Meninos, As Efémeras, A Banda da Loba, Ghaveta, Servando Barreiro ou César Morán entre moitos outros. Agora, fechado xa o prazo de participación, un xurado seleccionará dez temas finalistas sobre os que se elixirá, por votación popular, apeza gañadora.