Noticias
A discográfica Ouvirmos recupera gravacións do principal gaiteiro da emigración galega
Xénero:
| 6 / 6 / 2005Un dos gaiteiros máis destacados da historia da música galega, Manuel Dopazo, desenvolveu toda a súa carreira na emigración a partir dos anos da posguerra. Agora, unha selección de dezaoito temas recuperados de antigos discos comerciais, está a disposición do público grazas á colaboración entre a discográfica Ouvirmos, especializada na recuperación de gravacións antigas, e do Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega. O pasado venres a sede desta institución en Compostela acollía a presentación do CD que permitirá coñecer no noso país a obra deste intérprete.
Máis información en El Correo Gallego e en La voz de Galicia e no web do Consello da Cultura
O Festival Internacional de Ortigueira presenta o programa logo de ser declarada festa de interese turística internacional
Xénero:
| 2 / 6 / 2005O Festival Celta de Ortigueira preséntase máis forte que nunca. Non só porque recupera os catro días de evento, senón porque desde o pasado mes de abril foi declarado Festa de Interese Turístico Internacional. Pero esta edición, a vinte e unha, é especialmente significativa porque renderá unha homenaxe á Galicia exterior, terá como invitada a música mediterránea e será un punto de encontro para todo aquelo que leve a etiqueta celta. As citas: do 7 ao 10 de xullo.
Máis información en La Voz de Galicia enEl Progreso e no seu web
A Real Filharmonía de Galicia prepara o décimo aniversario cun programa de actividades
Xénero:
| 2 / 6 / 2005Aínda non rematou a temporada e a Real Filharmonía de Galicia xa está pensando na seguinte. A temporada 2005-2006 será cando a formación musical cumpra unha década de existencia e vaino celebrar con música. No avance que dos actos do décimo aniversario figuran dúas estreas (unha encargada a Xoán Trillo e outra a unha compositora francesa), a colaboración de Paul Daniel e Franz Brüggen, entre outros. No programa haberá referencias a obras de Schuman, Shostakovich e Bocherini. Pero iso será para a temporada que vén, polo pronto a Filharmonía deberá rematar esta temporada o 17 de xuño e, en agosto participará dentro do Festival Internacional de Piano de La Roque D’Antheron.
Máis información en El Correo Gallego
O Coro Lonxe da Terra do Centro Galego de Barcelona presenta o CD Froita Madura
Xénero:
| 2 / 6 / 2005En activo desde 1934, a formación coral Lonxe da Terra da emigración galega en Cataluña leva con este catro traballos editados, o primeiro deles a banda sonora da película "Niebla al sol" en 1952. Nun acto celebrado o domingo 29 de maio no CGB presentouse esta gravación, "Froita madura", de catorce temas divididos en catro bloques temáticos: Terra, Mar, Ar e Alén. Nestas categorías insírense cinco obras do músico Ángel Barja (Ourense, 1938 - León, 1987); cantigas dos trobadores medievais (obras de Xohán de Requeixo, Don Dionís, Martín codax e Mendinho); unha obra de Roxelio Groba; arranxos corais sobre obras de Lennon/McCartney, James Hudson/Robert Sund, e un espiritual negro; unha peza tradicional raiana de Galicia, León e Asturias; e a popular "brincando no ar". As imaxes do libreto que acompaña ao disco son do pintor noiés Alfonso Costa e mailo fotógrafo Fco. Javier Alonso Peláez. Na presentación interviron Luis Lamas, presidente do CGB, César del Caño, director do coro, Xosé Aviñoa, Catedrático de Musicoloxía da UB, Basilio Losada, Catedrático de Filoloxías Galega e Portuguesa da UB e Alfonso Costa, pintor.
Máis información no Centro Galego de Barcelona
O colectivo Dios Ke Te Crew reúne todas as artes vencelladas ao hip hop nun proxecto único en Galicia
Xénero:
| 1 / 6 / 2005A unión de vinte persoas de disciplinas coma a danza, a música e a pintura nun único grupo non é unha iniciativa que se vexa habitualmente na nosa cultura e ata pode semellar difícil encontrar un nexo que poida xuntalas todas. Un colectivo asi, sen embargo, existe. Leva o nome de Dios Ke Te Crew e atopa no hip hop o cemento que une todas estas artes.
Un volume recompila a música tradicional composta e interpretada polos músicos de A Limia
Xénero:
| 23 / 5 / 2005“Catálogo de músicos da Limia” é o título que recompila a música popular que veciños anónimos e cunha formación autodidacta contribuíron a crear o patrimonio musical. O volume é froito de dez anos de traballos coordinados por Castor Castro no que se pretendeu unha recompilación exhaustiva tanto das partituras, como dos instrumentos como dos músicos que tocaban. É a segunda publicación do Museo de A Limia, dentro do seu obxectivo de recuperar e por en valor a cultura da comarca.
Máis información en La Opinión e en La Región
O grupo lucense Islabikini saca o seu segundo traballo 'Photographs' gravado e producido nos estudos de Arturo Vaquero
Xénero:
| 10 / 5 / 2005O grupo lucense Islabikini presenta este mes o seu novo e segundo disco “Photographs”, un álbum de once temas gravado e producido nos estudos que Arturo Vaquero dirixe en Abrigueiro (Friol). O produtor ven acompañando ao grupo desde os seus comezos e é co-produtor neste traballo editado pola discográfica Falcatruada. Neste álbum a formación pretende transmitir “a secuencia visual e sonora dun día chuvioso, dun día en aparencia triste, pero iluminado por descargas de intensidade e emoción”, Islabikini pretende ofrecer unha manchea de cancións atemporais, cancións sinceras e sen máis pretensións que “capturar a intensidade dunha instantánea, dun momento que non volverá”. O grupo presentará o seu novo disco en varios concertos, os dous primeiros serán o venres 13 de maio na Sala Xoldra (Guitiriz) e o venres 27 de maio na Sala Strass de Lugo.
Máis información no sitio de Islabikini
A subvención da deputación de Pontevedra á Banda de Gaitas volve a enfadar á Asociación de Gaiteiros
Xénero:
| 9 / 5 / 2005O chamado conflicto das gaitas ten un novo capítulo. A Deputación de Pontevedra vén de conceder unha subvención por importe de 90.000 euros para a Banda de Gaitas da Provincia de Pontevedra. Un feito que vén de alimentar o lume entre a entidade e a Asociación de Gaiteiros que acusa de fomentar a penetración da gaita escocesa no noso país. No comunicado remitido polos gaiteiros cuestiónase que esa partida “sexa o camiño axeitado para o ensino da música tradicional”. O novo comunicado chega logo de que os gaiteiros romperan coa tregua pactada hai dúas semanas.
Máis información na edición de hoxe de La Opinión e sobre o conflicto na nosa hemeroteca
Cómprese o Centenario do nacemento do compositor e crítico lucense Jesús Bal y Gay
Xénero:
| 9 / 5 / 2005Se repasaramos a memoria musical do país apreciaremos que Galicia non tivo un Mozart nin un Beethoven, ou un Manuel de Falla. Pero hai moitos nomes que contribuíron a crear a historia musical do país e que teñen certa entidade e relevancia. Entre todos eles destaca o de Jesús Bal y Gay do que se cumpren cen anos do seu nacemento e que foi autor do “Cancioneiro Galego”. A súa é outra das historias que deixou o exilio galego e que cómpre non esquecer.
O proxecto Meniños Cantores recolle nun disco as voces de quiñentos nenos a cantar temas tradicionais das dúas bandas da raia
Xénero:
| 3 / 5 / 2005Encontrar un disco no que participan quiñentos intérpretes non é sinxelo. Se ademais é un proxecto realizado desde centros de ensino de dous países veciños celebrando un patrimonio oral común estamos sen dúbida ante un proxecto único no mundo. Por se fose pouco, este proxecto desenvólvese aquí mesmo, entre o Sur de Galicia e o Norte de Portugal, a partir da iniciativa “Ponte... Nas Ondas”.