Ir ao contido directamente.


Noticias

O vinte de maio o público e un xurado escollerán o Primeiro disco pop do ano de solistas galegos

Xénero: Pop | 27 / 4 / 2005

imaxe non dispoñible

¿Imaxinan un disco galego do ano? Pois moi pronto será unha realidade. Unha empresa, un compositor musical e nove mozos que acaban de editar o seu primeiro disco veñen de embarcarse nesta aventura. Unha iniciativa na que o público vota cal será o disco do ano. O resultado saberémolo o vindeiro día 20 de maio no transcurso dunha gala en Santa Cristina.

A metamorfose de Doa en Cantigalia inclúe a Rosa Cedron no proxecto musical

Xénero: Folk | 20 / 4 / 2005

not_6130.jpg

A incertidume sobre o futuro da ex-Luar na lubre, Rosa Cedrón, xa rematou coa última nova que a sitúa como parte dun novo grupo de nome Cantigalia xunto aos membros de Doa. Cedrón deixou en xaneiro Luar na lubre despois de nove anos nesa formación para “facer algo diferente”. Cantigalia supón unha aposta pola música folk medieval na que a cantante traballará xunto aos membros de Doa, un grupo que se creou nos anos setenta e que aínda seguía en activo. Os veteranos músicos Xoán Piñón, Bernardo Martínez e Xaquín Blanco fornecen a formación coa voz e o violonchelo de Cedrón buscando a interpretación anovadora da música popular e medieval.

Máis información en El Ideal Gallego

A Asociación de Gaiteiros Galegos oponse ao ensino do modelo escocés nas novas escolas de gaitas da Deputación de Pontevedra

Xénero: Folk | 20 / 4 / 2005

imaxe non dispoñible

A Asociación de Gaiteiros Galegos mobilízase para evitar que as escolas de gaitas financiadas pola Deputación de Pontevedra sigan o modelo “escocés” da Banda de gaitas de Ourense. Os colectivos agrupados nesta asociación afirman que o convenio de creación de cinco escolas asinado pola Deputación coa Asociación Banda de gaitas provincia de Pontevedra por unha contía de noventa mil euros deixa de lado a outras asociacións culturais, institucións e escolas municipais que levan moitos anos traballando no ensino musical tradicional. O presidente da Deputación, Rafael Louzán xa negou que a intención destas escolas fose a de seguir o estilo escocés pero desde a Asociación de Gaiteiros Galegos manteñen as súas sospeitas e convocan para o sábado unha Asemblea multitudinaria no Teatro Principal de Pontevedra para expor o seu punto de vista.

Máis información en Galicia Hoxe
e no sitio da AGG

Lugo entra nos circuítos de música clásica cun programa ecléctico e con personalidades destacadas

Xénero: Clásica/Lírica | 19 / 4 / 2005

imaxe non dispoñible

A Coruña, Santiago e Vigo teñen un rival nas citas imprescindibles de música clásica. Trátase de Lugo, a cidade que hoxe inaugura a unha nova edición do Festival de Música clásica. Un programa modesto e variado que ofrece, entre outros atractivos, a estrea no noso país dunha das mezzo máis importantes do panorama lírico actual. Coa actuación de Vivica Genaux, Lugo descentraliza o eixe Coruña-Vigo que ata o de agora marcaba a batuta.

Presentado o Festival Internacional e o Concurso Nacional de Piano Vigo 2005

Xénero: Clásica/Lírica | 15 / 4 / 2005

imaxe non dispoñible

O Festival Internacional de Piano Vigo 2005, presentado hoxe, traerá a Vigo desde o 19 da abril algúns dos máis destacados intérpretes deste instrumento a nivel internacional como o cubano Leonel Morales e os recoñecidos pianistas Antonio Di Cristofano, Francesco Monopoli, Pierluigi Camicia, Enrique Bátiz, Giovanni Humberto Battel e Evgueni Starodoubtsev. Comeza este ano e con vocación de continuidade o Concurso Nacional de Piano "Compositores de España" do 26 de maio ao 1 de xuño. O concurso está aberto tamén a pianistas portugueses e comprende tres categorías: infantil (ata os 12 anos), xuvenil (dos 13 aos 18 anos), e novo concertista (de 19 a 33 anos).Cada ano o concurso dedicarase a un compositor español. Na presente edición homenaxéase a Antón García Abril, interpretándose as súas diferentes obras escritas para piano.

Máis información en Xornal de Vigo

O músico Pablo Carpintero cédelle ao Arquivo Sonoro de Galicia a principal colección de música instrumental tradicional do país

Xénero: Folk | 14 / 4 / 2005

not_6088.jpg

Trescentas vinte e cinco horas de gravacións sonoras de gaiteiros e de cantos de reis, maioritariamente instrumentais. Esta é a extensión da colección que o músico Pablo Carpentero cedía onte ao Arquivo Sonoro de Galicia nun acto no que tamén estiveron presentes o coordinador deste organismo, Rodrigo Romaní e o xerente do Consello da Cultura Galega, Antonio Montero. Esta colección, produto dun longo traballo de recolleita por toda a xeografía do país, está considerada como a máis importantes de música instrumental de raíz, e foi xa catalogada polo propio músico. O Arquivo Sonoro iniciará agora os traballos de dixitalización deste material, que se agarda estean rematados no prazo dun ano.

Máis información no web do Consello da Cultura

A discográfica Ouvirmos editará un álbum con gravacións inéditas do compositor Andrés Gaos

Xénero: Clásica/Lírica | 11 / 4 / 2005

not_6060.jpg

A visita que Andrés Gaos fillo realizou a Galicia o pasado mes de febreiro para participar nos encontros “O Son da Memoria” que organiza o Arquivo Sonoro de Galicia está a dar os seus froitos. O pasado mes de febreiro, o fillo dun dos maiores compositores galegos de todos os tempos reclamaba a necesidade de recuperar o legado do seu pai. Agora sabemos que, naquela visita, tamén aproveitou para lles ofertar aos responsables da discográfica Ouvirmos, especializada na recuperación de gravacións históricas da nosa música, a posibilidade de editaren varias pezas que o propio autor executou ao piano e que estaban ata o de agora inéditas. Desde Ouvirmos están a traballar na restauración deste material de cara á súa futura edición.

Máis información en La Opinión e nos nosos arquivos

Lamatumbá presenta o xoves en Compostela “Lume” o seu último traballo

Xénero: Folk | 30 / 3 / 2005

imaxe non dispoñible

Lamatumbá é unha banda que naceu hai oito anos co afán de combinar os sons da batería, coa gaita, o baixo e acordeón para mover os pés e actualizar a verbena popular, facéndoa máis funcional e moderna. Logo dun primeiro disco máis experimental, acaban de atopar a súa esencia con “Lume”, un traballo que sona a Lamatumbá en esencia pura. ¿Queredes Lume?

O Club de Jazz Dado Dada cumpre vinte e cinco anos convertido nun nome de referencia no panorama musical galego

Xénero: Jazz/Blues | 22 / 3 / 2005

imaxe non dispoñible

Durante moitos anos o Jazz en Galicia tivo un nome principal. O Dado-Dadá. Detrás deste curioso topónimo escondíase un local no ensanche Compostelán que se converteu en punto de encontro ineludible para os amantes deste estilo musical. Este ano o local celebra os seus vintecinco anos nun panorama no que, se ben existen novos espazos para este ritmo, o Dado continúa a ser un referente para saber o que se coce nestas notas.

A proposta musical de Lali Puna abre o festival de inverno Sinsal

Xénero: Electrónica | 14 / 3 / 2005

imaxe non dispoñible

Lali Puna é unha formación alemá que ofrece unha proposta que combina música electrónica e pop. O seu nome sona con forza nos circuitos independentes e alternativos pero pronto ocupará portadas de revista e arrasará nas radios. Con eles hoxe abre as súas portas o festival Sinsal de Inverno. Unha proposta fresca, innovadora e independente que pretende conseguir que non pare a música.

<< Inicio / Anterior . 3381 a 3390 de 3454 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR