Ir ao contido directamente.


Noticias

O quinteto de Xacobe Martínez Antelo presenta o seu primeiro disco

Xénero: Jazz/Blues | 27 / 12 / 2006

not_9131.jpg

O contrabaixista Xacobe Martínez, un dos membros do trío Sumrrá, presenta estes días na Sala Nasa de Santiago o seu novo traballo “Isto é Jazz!!!” (Free Code Jazz Records). No disco Martínez actúa como líder do quinteto co seu nome á fronte, e achega nove cortes da súa propia composición nos que rende unha homenaxe ao trío de Thelonius Monk , Charles Migus e John Coltrane. Con Xacobe Martínez están no quinteto Pablo Castaño, saxo alto; Toño Otero, saxo tenor; Marcelino Galán, guitarra e Max Gómez na batería. Martínez manterá o quinteto en paralelo á súa actividade con Sumrrá cos que xa ten dous discos.

Máis información no web de Xacobe Martínez

O disco Nordestin@s sitúase entre os cen máis vendidos do Estado

Xénero: Fusión | 20 / 12 / 2006 + VIDEO

not_9099.jpg

Aínda que ben lonxe do éxito de Alejandro Sanz, un grupo galego conseguiu situar o seu disco entre os cen máis vendidos en todo o Estado durante o Nadal. Nordestin@s, o proxecto de Uadi galego, Ugia Pedreira e Abe Rábade entrou nesta prezada lista, segundo informan deste a discográfica Falcatruada. Desde a súa saída o pasado once de decembro e en vinte días, o proxecto conseguiu vender xa máis de dúas mil copias, unha respectable cifra a nivel galego.

Máis información en Falcatruada e en La Voz de Galicia

Escoitar.org é unha iniciativa aberta que pretende recompilar a paisaxe sonora galega. Aprende cómo colaborar.

Xénero: Alternativa | 19 / 12 / 2006

imaxe non dispoñible

Pór en valor os sons ata o punto de que nos permitan recoñecer os lugares. Esta é a aposta que fai escoitar.org, un colectivo que emprega as novas tecnoloxías para ir construíndo aos poucos, coa colaboración dos internautas, o mapa sonoro de Galicia. Aínda que o concepto pode semellar estraño nun primeiro momento, calquera pode participar nesta proposta seguindo unhas pequenas indicacións. Aquí che contamos como facer para engadir paisaxe. Nós xa o fixemos.

Os coruñeses “Stereotipos” gañan o concurso de grupos noveis Novaxove

Xénero: Miscelánea | 7 / 12 / 2006 + VIDEO

not_9023.jpg

Dos catro grupos finalistas que tocaron na sala Capitol de Santiago de Compostela, foron os coruñeses “Stereotipos” os que conseguiron o acordo unánime do xurado do I Certamen de grupos noveis Novaxove Music, quedando fóra as bandas “Cornelius”, “The Blows” e “Los Marcianos”. No certame organizado polo portal xuvenil de Caixanova participaron un total de 69 grupos das catro provincias dos que 55 presentaron finalmente un traballo propio. As maquetas, que poden escoitarse no devandito portal abarcan un abano de estilos, desde o funk ao pop, pasando polo hip-hop, dance, punk ou folk. A votación das maquetas a través do portal representou o 50% da puntuación final, a outra metade partiu dun xurado composto por: David Quintanilla (Criteria Music), Francisco Gil (NXira), Salva Ronko (40 Principales), Xoel López (Deluxe), Tito Lesende (SGAE), Xavier Valiño (Ultrasónica), Iván Ferreiro (ex-Los Piratas) e Antonio Fernandes (Novaxove). Os gañadores gravarán en breve o seu primeiro disco, para despois embarcarse nunha xira por España.

Máis información en NovaXove

Compostela acolle a segunda edición da Noite de música e palabra solidaria

Xénero: Miscelánea | 7 / 12 / 2006

imaxe non dispoñible

A ONG Implicadas no Desenvolvemento celebra por segundo ano "Implícate! Noite de música e palabra solidaria". Será o vindeiro dezaseis de decembro, as oito da tarde no compostelán Auditorio de Galicia. Deluxe, Avalon, Rosa Cedrón, María Reimóndez, Carlos blanco, Chévere, Lucía Aldao e Rosa Aneiros entre outros intervirán nun espectáculo que quere unir a expresión artística co apoio a proxectos de desenvolvemento. A gala estará presentada por Yolanda Castaño e Paco Lodeiro.

Máis información en Galicia Hoxe ; e no de Implicadas

A Universidade de Granada lembra a figura de Bal y Gay nas súas Xornadas de Cultura Galega

Xénero: Folk | 28 / 11 / 2006

not_8964.jpg

Jesús Bal y Gay (1905-1993) é un dos músicos desa xeración perdida que truncou a Guerra Civil. Foi compositor, crítico, musicólogo, mestre, impulsor de revistas e editoriais e desenvolveu, tanto no Estado como no seu exilio en México, un labor comprometido coa construcción dunha infraestructura musical inexistente. Sobre a súa figura fálase nesta edición das Xornadas de Cultura Galega que se desenvolven ata o xoves na Universidade de Granada.

Máis información sobre as xornadas no web da Universidade de Granada e sobre Bal y Gay na nosa hemeroteca

As salas de concertos consolidan a súa oferta ao se coordinaren no colectivo Clubtura

Xénero: Miscelánea | 28 / 11 / 2006

imaxe non dispoñible

Son espazos polo xeral discretos, en ocasións situados en poboacións ben pequenas. Aínda que non o pareza, Galicia está inzada de locais que programan de cando, en cando, concertos. Sen dúbida todos coñecemos algún que nos queda preto. Poida que mesmo teñamos oído dos máis grandes: A Capitol, La Iguana, o Playa Club... Agora, o colectivo de salas quere mudar a situación e darse a coñecer, e para isto acaba de presentar Clubtura, un colectivo que agrupa unhas corenta salas do noso país.

Lume presenta o seu novo disco “Folk Express”

Xénero: Folk | 27 / 11 / 2006

not_8959.jpg

Once temas conforman o novo traballo do quinteto Lume que estes días comezan a presentar en concerto. “Folk express” é o segundo disco da formación e nel aseguran non perder “o sabor orixinal” do seu concepto musical. Cinco músicos curtidos en grupos como Mutenrohi, Quempallou, Cinnamon Gum, Kerkennai ou tocando con Cristina Pato conforman esta banda, eles son: David González Outumuro na percusión; Roi Maceda, acordeonista; Carlos Campo Seijo no Violín; Diego Fortes a cargo de gaita e frauta e Juan Carlos Fernández Fasero na guitarra acústica. A súa discográfica, Zouma Records, tamén está de actualidade xa que ven de renovar o seu sitio web. A compañía ourensá pon na rede gran cantidade de información actualizada sobre os seus artistas, así como música e vídeos cos que poder coñecer máis o seu son e os seus concertos. Os temas do disco “Folk Express” de Lume poden escoitarse xa na rede no sitio do grupo ou no da discográfica.

Máis información en Zouma Records

Un informe asegura que o ensino da música tradicional move un mínimo de tres millóns de euros

Xénero: Folk | 22 / 11 / 2006

imaxe non dispoñible

Conta con 20.000 estudantes, organizan arredor dunhas 1.350 actividades, ten 640 profesores en 700 centros de ensino espallados por toda Galicia e este ano saen os primeiros titulados superiores da única especialidade que existe no país. Son algunhas das cifras do panorama actual da educación da música tradicional. A súa situación, os problemas e os retos de futuro veñen de pórse de manifesto nun congreso e no primeiro libro branco de educación do sector.

A Consellaría de Cultura proponlle aos concellos un circuítos de concertos organizado en catro eixes

Xénero: Miscelánea | 8 / 11 / 2006

not_8836.jpg

O Auditorio de Galicia, en Compostela, acollerá este sábado a presentación do Circuíto 4x4. Esta iniciativa da Consellaría de Cultura proponlle aos concellos un ciclo de actuacións musicais artelladas en catro eixes: Tradicionais, Canción de Autor, Con-Fusión e Tradición Instrumental, con catro grupos en cada un dos ámbitos. A Xunta asumirá en cada caso o 30% dos custos, correspondendo aos concellos o resto do orzamento. Polo momento non se sabe cantos municipios apostarán polo circuíto, pero un cento de técnicos locais de cultura están convidados á presentación do sábado.

Máis información no web da Consellaría de Cultura; dosier do proxecto en PDF no mesmo web; nova en Galicia Hoxe

<< Inicio / Anterior . 3311 a 3320 de 3519 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR