Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / O proxecto Lonxa Cultural quere revolucionar o noso panorama musical optimizando a distribución dos produtos galegos
O proxecto Lonxa Cultural quere revolucionar o noso panorama musical optimizando a distribución dos produtos galegos
maio 7, 2007
Os novos tempos requiren novas medidas. Coñecido o período de convulsións que vive a industria discográfica, non nos debe sorprender que desde este sector xurdan iniciativas pioneiras para saír adiante. A última proposta chámase Lonxa Cultural, e pretende ser unha distribuidora que, centrada no país, acade darlle visibilidade á nosa música e tirarlle todo o seu potencial comercial.
A creación musical galega está nun momento de auxe e de diversidade. Cada vez son máis e máis variados os grupos que se lanzan á aventura. No entanto, en moitos casos é difícil coñecelos e mesmo encontrar os seus discos. Convencidos de que as cifras de venda poden aumentar cun esforzo de distribución e de promoción, un grupo de profesionais do sector acaba de botar a andar Lonxa Cultural. "Na música precisamos presenza e gañar espazos. O último disco de Marful escóitao calquera e gústalle, o caso é que cheguen a escoitalo. Temos claro que a música galega que se está facendo agora gusta moito, e cando se escoita, vende", explícanos desde esta empresa Óscar Domínguez.
Que se vexan os discos
Un grupo galego pode vender dous mil exemplares do seu disco só dentro do noso país. A cifra, que pode parecer cativa en comparanza coas cifras de grandes éxitos internacionais, non é tan escasa se ollamos para o noso contorno. "Coa pouca promoción que se fai, estas cifras sorprenden en lugares como Bretaña, onde venden moito máis fóra que na súa propia casa", explica Domínguez, que está convencido que o potencial do mercado interior está aínda por explotar. "Estes discos, ben colocados e expostos, poden vender aínda máis, e conseguilo pode supor a revolución da música galega".
A proposta
O proxecto da Lonxa Cultural é realmente ambicioso, e responde en boa medida ás necesidades dun sector que sofre, como moitas industrias culturais galegas, problemas de distribución e de escasa visibilidade nas grandes superficies comerciais. "As empresas e profesionais da música demandaban a existencia dunha distribuidora galega", explica Domínguez, vencellado profesionalmente durante moito tempo á empresa catalá Discmedi. "Os discos galegos están normalmente distribuídos por empresas de Madrid ou de Barcelona ou por pequenas empresas locais. A idea agora é aglutinar toda a produción galega nun só distribuidor". Ademais de empresas coma Ouvirmos, Falcatruada, Zouma, Xingra ou Cartafol, que xa incluíron os seus catálogos na nova empresa, na lonxa atópanse tamén produtos autoeditados. "O momento actual da música pasa en grande medida pola autoprodución, con casos coma `Espido´, Xavier Díaz ou Dios K Te Crew. E esta xente tamén demanda unha canle de distribución coa que poidan ter trato directo", completa Domínguez.
Puntos pequenos
O reto da distribución e visibilización da música galega batállase para a Lonxa en dous grandes campos. "Queremos chegar a puntos de venda pequenos e artellar en Galicia unha rede de venda que chegue a poboacións coma Sarria, Carballo ou Sada. As grandes compañías só se dedican ás grandes cidades". Conscientes da progresiva desaparición das tendas especializadas, na Lonxa teñen clara a necesidade de buscar novos espazos para chegar ao público, como poden ser as tendas de recordos turísticos. "En Santiago cubrimos varias xa, e o propio tendeiro reclama ese produto. Ademais estamos tamén en librarías comprometidas co libro e coa cultura galega, e temos aí un bo catálogo de clientes. Logo tamén pensamos nas tendas de camisetas con motivos galegos", explica. Detrás deste esforzo por buscar novos espazos está unha filosofía clara: "A música debe atopar a xente, que non teña que ir a propósito á única tenda que hai na cidade. Estes locais deben ser un escaparate da cultura galega e vender música, camisetas ou libros".
Grandes superficies
O outro grande campo no que a nova empresa considera prioritario presentar batalla é a distribución a través das grandes superficies, uns puntos de venda que cada vez acada máis importancia. "Queremos chegar ás centrais de vendas estatais, tanto a FNAC coma o Corte Inglés ou Discos Gong. Ata o de agora nós tiñamos que lles explicar a alguén de Madrid ou Barcelona quen era Nordestin@s, por exemplo, para que el á súa vez llo explicase aos responsables da central de compras. Iso é, como mínimo, pouco eficaz". Ao tempo, e a partir da súa propia experiencia con distribuidoras estatais, Domínguez explica o problema de que "novidades coma `Espido´ mesturábanse con outras vinte ou trinta, e ao levalas a unha central de compras, podía non estar nas prioridades da distribuidora e non explicar o produto.Por exemplo a Nordestin@s non se lle deu prioridade nas campaña de Nadal nestas centrais, nun momento en que se estaba a vender moi ben en tendas".
Exterior
A proposta, alén do noso propio mercado, quere visibilizar a nivel foráneo a produción musical galega de xeito unitario. "A nosa aspiración é poder presentarnos cun catálogo galego en Madrid en Barcelona, en Cannes ou onde faga falla", completa este traballador da música. E é que desde Lonxa Cultural crearon tamén unha marca Galician Sounds, coa que aspiran representar a produción galega no exterior. Ante a iniciativa da Xunta de difundir a música galega neste ámbito co lema Galician Tunes, "paramos un pouco todo isto, aínda non sabemos ben onde vai parar. Pero o tema é que se pode chamar como sexa, pero a idea é aglutinar toda a música galega". Canda a isto, a empresa traballa xa na venda ao exterior mediante canles especializadas, que levan o disco galego a mercados tan afastados coma Xapón, Alemaña, Grecia ou o Reino Unido.
Rede de vendas
Como non podía ser doutro xeito, un proxecto coma este conta tamén coas novas tecnoloxías para o seu desenvolvemento e aborda dentro dos seus obxectivos a distribución de música directamente por Internet. "Os contratos que asinamos abranguen, ademais da distribución física, a distribución virtual", unha proposta que conta no noso país con poucos antecedentes, como as propostas de Ouvirmos e de Falcatrauda. Para isto contan cun distribuidor internacional, The Orchard, que achega ás tendas virtuais os mesmos contidos galegos. "Nese sentido, a rede dá sorpresas. Cousas que pensas que poderían ter poucas descargas, como a tuna ou as bandas de músicas, ás veces son as que máis se baixan". En xeral, segundo asegura, hai un público na rede interesado en buscar e mercar música galega. Desde a Lonxa agardan ademais empregar Internet coma canle de vendas para todo tipo de produtos culturais do país.