Ir ao contido directamente.


Noticias

A Xunta organiza un congreso para pór en valor a figura do compositor do himno galego

Xénero: Miscelánea | 23 / 2 / 2007

not_9466.jpg

No 2007 cúmprense cen anos da interpretación do que despois se consideraría como Himno galego. Con texto de Eduardo Pondal, o autor musical foi Pascual Veiga (Mondoñedo, 1842- Madrid 1906), que viu como toda a súa produción musical quedaba ensombrecida polo Himno. Para dar a coñecer a súa biografía e o seu traballo a Xunta, a través do IGAEM, acaba de organizar un congreso. A cita será do 1 ao 3 de marzo na sede da Escola de Altos Estudos Musicais en Santiago.

Máis información no web do Congreso e sobre as actividades de celebración no web da Consellaría de Cultura

Nordestin@s faise co premio Opinión de Folk mentres Deluxe anuncia dous discos para este ano

Xénero: Folk | 19 / 2 / 2007

imaxe non dispoñible

Como cada ano, acaban de se coñecer os gañadores dos Premios Opinión de Música Folk, que foi para o trío Nordestin@s polo seu primeiro traballo. Por detrás deles quedaron formacións con tanta sona coma Berrogüetto e Milladoiro, que ocuparon o segundo e terceiro postos respectivamente. E canda á unha nova agardada coma esta, Deluxe achéganos unha sorpresa. O coruñés Xoel López anuncia nada menos que dous discos para este ano, un que editará Virgin e outro que só estará dispoñible a través de Internet, onde o autor publicará unha canción por mes a partir de abril.

Máis información en La Opinión La Voz de Galicia

O Consorcio de Santiago programa oito concertos en templos que acaba de restaurar

Xénero: Antiga | 16 / 2 / 2007

imaxe non dispoñible

Combinar música con patrimonio foi a intención coa que o Consorcio de Santiago inaugurou o ano pasado o programa “Músicas contemplativas”. Despois do éxito daquela edición, este organismo acaba de convocar un novo programa que aumenta o número de concertos. En total oito actuacións servirán para coñecer como foron rehabilitadas as igrexas de San Martiño Pinario, San Fiz, Mercedarias, Ánimas, Orfas ou a da Orde terceira. Os concertos, que serán de balde, terán lugar do 3 ao 7 de abril.

Máis información no web do Consorcio de Santiago, El Correo Gallego e no noso especial sobre a edición do ano pasado

Iván Ferreiro, Lucía Pérez, Cómplices e Berrogüetto son finalistas dos Premios da Música

Xénero: Miscelánea | 16 / 2 / 2007

imaxe non dispoñible

A Academia das Artes e das Ciencias da Música acaba de dar a coñecer os finalistas da IX edición dos Premios da Música. Lucía Pérez coa canción “Amarás Miña Terra”, Cómplices con “Nunca máis” e Berrogüeto con “Xente” son finalistas no apartado de mellor canción en galego. O vigués Iván Ferreiro compite no apartado de mellor álbum de pop alternativo con “As sete e media”. Polo demais, Dover e Alejando Sanz son os favoritos con seis e cinco candidaturas respectivamente.

Consulta os finalistas no web da Academia das Artes e das Ciencias da Música (en pdf), en El Correo Gallego

Cúmprense corenta anos da celebración da Nova Canción Galega, o movemento normalizador da lingua na música

Xénero: Folk | 9 / 2 / 2007

imaxe non dispoñible

“Unha canción á altura do intre histórico, unha canción nacida para desacougar e alumear: unha canción para acadarmos conciencia dos nosos problemas reais”. Estas foron as palabras coas que un 30 de marzo de 1968 se organizou un Concerto na Escola de Peritos Agrícolas de Lugo. Malia a prohibición, foi a primeira vez que o galego subiu a un escenario. Nacía así a “Nova Canción Galega”.

As grandes salas e diferentes grupos atacan o sistema da Rede de Salas de Música ao Vivo

Xénero: Miscelánea | 7 / 2 / 2007

imaxe non dispoñible

As grandes salas galegas de concertos, coma a Mardi Gras (A Coruña), a Capitol (Compostela) ou A Iguana (Vigo) non consideran rendible facer parte da Rede Galega de Música ao Vivo. A obrigatoriedade de programar as formacións que participan no proxecto é, segundo explica "La Voz de Galicia", a principal causa da súa exclusión. O proxecto do Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (IGAEM) está a ser motivo de polémicas tamén entre os grupos. Ademais do sistema de selección, varios dos que quedaron fóra lamentan que esta programación satura as salas de concertos e impide actuar moitos dos conxuntos que non fan parte da rede.

Máis información en La Voz de Galicia, no Foro de Música Independente; o noso tema

Vinte e seis grupos galegos de metal lanzan un dobre CD a amosar os seus traballos

Xénero: Rock | 7 / 2 / 2007

not_9360.jpg

"Lusco" e "Fusco" son os nomes dos dous CDs que forman a "Gallaecian Metal Compilation", unha escolma que reúne temas de 26 grupos galegos deste estilo. O proxecto foi organizado polos propios grupos e editouno Falcatruada. A intención é dar a coñecer a vizosa saúde do metal no país.

Máis información no web do proxecto e en Falcatruada.com

Chega ás tendas o último disco de Milladoiro, baseado en textos de Manuel María

Xénero: Folk | 6 / 2 / 2007

not_9349.jpg

"Unha estrela por guía" é o título do novo disco de Milladoiro, que é ao tempo o primeiro do grupo no que todos os temas contan con voces. Isto débese a que o proxecto musica poemas do falecido poeta chairego, Manuel María, na voz da cantante Laura Amado. Boa parte dos temas xa se puideron escoitar ao longo do pasado ano en diferentes homenaxes ao escritor en todo o país.

Máis información no La Voz de Galicia

Paolo Pinamonti substitúe a Cristina Vázquez na dirección do Festival Mozart

Xénero: Clásica/Lírica | 31 / 1 / 2007

imaxe non dispoñible

Chegado de dirixir o Teatro San Carlos de Lisboa, o italiano Paolo Pinamonti presentábase onte na Coruña como novo responsable do Festival Mozart. O novo director do evento prevé iniciar o vindeiro ano unha etapa que se desenvolverá ata 2010. Polo momento anunciouse que para a vindeira edición non se representará o anunciado "Falstaff" de Verdi e que "O holandés errante" poderá verse posiblemente como concerto. En xeral, a programación, que se coñecerá en abril, incidirá nos 15 anos da Orquestra Sinfónica de Galicia.

Máis información en La Voz de Galicia sobre o novo director; sobre a dimisión de Cristina Vázquez; en El Correo Gallego e nos nosos arquivos

Ouvirmos permitirá a descarga de discos ao teléfono móbil

Xénero: Folk | 31 / 1 / 2007

imaxe non dispoñible

A se adaptar aos novos tempos da industria discográfica, o selo Ouvirmos acaba de anunciar que o seu catálogo estará dispoñible para a descarga en teléfonos móbiles. Por un prezo entre 60 céntimos e 1,20 euros, os interesados poderán ter no seu aparello os temas do selo, cuxo pago se incluirá na factura telefónica habitual.

Máis información en La Voz de Galicia

<< Inicio / Anterior . 3301 a 3310 de 3538 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR