Noticias
Os coruñeses “Stereotipos” gañan o concurso de grupos noveis Novaxove
Xénero: VIDEO
| 7 / 12 / 2006 +Dos catro grupos finalistas que tocaron na sala Capitol de Santiago de Compostela, foron os coruñeses “Stereotipos” os que conseguiron o acordo unánime do xurado do I Certamen de grupos noveis Novaxove Music, quedando fóra as bandas “Cornelius”, “The Blows” e “Los Marcianos”. No certame organizado polo portal xuvenil de Caixanova participaron un total de 69 grupos das catro provincias dos que 55 presentaron finalmente un traballo propio. As maquetas, que poden escoitarse no devandito portal abarcan un abano de estilos, desde o funk ao pop, pasando polo hip-hop, dance, punk ou folk. A votación das maquetas a través do portal representou o 50% da puntuación final, a outra metade partiu dun xurado composto por: David Quintanilla (Criteria Music), Francisco Gil (NXira), Salva Ronko (40 Principales), Xoel López (Deluxe), Tito Lesende (SGAE), Xavier Valiño (Ultrasónica), Iván Ferreiro (ex-Los Piratas) e Antonio Fernandes (Novaxove). Os gañadores gravarán en breve o seu primeiro disco, para despois embarcarse nunha xira por España.
Máis información en NovaXove
Compostela acolle a segunda edición da Noite de música e palabra solidaria
Xénero:
| 7 / 12 / 2006A ONG Implicadas no Desenvolvemento celebra por segundo ano "Implícate! Noite de música e palabra solidaria". Será o vindeiro dezaseis de decembro, as oito da tarde no compostelán Auditorio de Galicia. Deluxe, Avalon, Rosa Cedrón, María Reimóndez, Carlos blanco, Chévere, Lucía Aldao e Rosa Aneiros entre outros intervirán nun espectáculo que quere unir a expresión artística co apoio a proxectos de desenvolvemento. A gala estará presentada por Yolanda Castaño e Paco Lodeiro.
Máis información en Galicia Hoxe ; e no de Implicadas
A Universidade de Granada lembra a figura de Bal y Gay nas súas Xornadas de Cultura Galega
Xénero:
| 28 / 11 / 2006Jesús Bal y Gay (1905-1993) é un dos músicos desa xeración perdida que truncou a Guerra Civil. Foi compositor, crítico, musicólogo, mestre, impulsor de revistas e editoriais e desenvolveu, tanto no Estado como no seu exilio en México, un labor comprometido coa construcción dunha infraestructura musical inexistente. Sobre a súa figura fálase nesta edición das Xornadas de Cultura Galega que se desenvolven ata o xoves na Universidade de Granada.
Máis información sobre as xornadas no web da Universidade de Granada e sobre Bal y Gay na nosa hemeroteca
As salas de concertos consolidan a súa oferta ao se coordinaren no colectivo Clubtura
Xénero:
| 28 / 11 / 2006Son espazos polo xeral discretos, en ocasións situados en poboacións ben pequenas. Aínda que non o pareza, Galicia está inzada de locais que programan de cando, en cando, concertos. Sen dúbida todos coñecemos algún que nos queda preto. Poida que mesmo teñamos oído dos máis grandes: A Capitol, La Iguana, o Playa Club... Agora, o colectivo de salas quere mudar a situación e darse a coñecer, e para isto acaba de presentar Clubtura, un colectivo que agrupa unhas corenta salas do noso país.
Lume presenta o seu novo disco “Folk Express”
Xénero:
| 27 / 11 / 2006Once temas conforman o novo traballo do quinteto Lume que estes días comezan a presentar en concerto. “Folk express” é o segundo disco da formación e nel aseguran non perder “o sabor orixinal” do seu concepto musical. Cinco músicos curtidos en grupos como Mutenrohi, Quempallou, Cinnamon Gum, Kerkennai ou tocando con Cristina Pato conforman esta banda, eles son: David González Outumuro na percusión; Roi Maceda, acordeonista; Carlos Campo Seijo no Violín; Diego Fortes a cargo de gaita e frauta e Juan Carlos Fernández Fasero na guitarra acústica. A súa discográfica, Zouma Records, tamén está de actualidade xa que ven de renovar o seu sitio web. A compañía ourensá pon na rede gran cantidade de información actualizada sobre os seus artistas, así como música e vídeos cos que poder coñecer máis o seu son e os seus concertos. Os temas do disco “Folk Express” de Lume poden escoitarse xa na rede no sitio do grupo ou no da discográfica.
Máis información en Zouma Records
Un informe asegura que o ensino da música tradicional move un mínimo de tres millóns de euros
Xénero:
| 22 / 11 / 2006Conta con 20.000 estudantes, organizan arredor dunhas 1.350 actividades, ten 640 profesores en 700 centros de ensino espallados por toda Galicia e este ano saen os primeiros titulados superiores da única especialidade que existe no país. Son algunhas das cifras do panorama actual da educación da música tradicional. A súa situación, os problemas e os retos de futuro veñen de pórse de manifesto nun congreso e no primeiro libro branco de educación do sector.
A Consellaría de Cultura proponlle aos concellos un circuítos de concertos organizado en catro eixes
Xénero:
| 8 / 11 / 2006O Auditorio de Galicia, en Compostela, acollerá este sábado a presentación do Circuíto 4x4. Esta iniciativa da Consellaría de Cultura proponlle aos concellos un ciclo de actuacións musicais artelladas en catro eixes: Tradicionais, Canción de Autor, Con-Fusión e Tradición Instrumental, con catro grupos en cada un dos ámbitos. A Xunta asumirá en cada caso o 30% dos custos, correspondendo aos concellos o resto do orzamento. Polo momento non se sabe cantos municipios apostarán polo circuíto, pero un cento de técnicos locais de cultura están convidados á presentación do sábado.
Máis información no web da Consellaría de Cultura; dosier do proxecto en PDF no mesmo web; nova en Galicia Hoxe
O IGAEM anuncia a creación dun circuíto para músicos novos en colaboración con 35 salas privadas
Xénero:
| 30 / 10 / 2006A idea é estabilizar a oferta de música en vivo, que se concentra actualmente nos meses verán. Con este fin, o Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais acaba de anunciar a posta en marcha dun circuíto de concertos para bandas novas. Nesta iniciativa o organismo público colaborará con 35 salas privadas de todo o país, coas que se compartirán custos de contratación. Está previsto que uns setenta grupos dedicados a diferentes xéneros participen no programa. Ao tempo, a Dirección Xeral de Xuventude vai pór en marcha trinta locais de ensaio para grupos por todo o país.
Máis información na edición de hoxe de La Región e no web da Dirección Xeral
O Consorcio para a Promoción da Música nomea a Félix Palomero como novo xerente da Sinfónica de Galicia
Xénero:
| 17 / 10 / 2006A Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) xa ten substituto para Patrick Alfaia. O novo xerente do conxunto é Félix Palomero despois de que a xunta de goberno do Consorcio para a Promoción da Música aprobara onte o seu nomeamento. No curriculum de Félix Palomero (León, 1962) destaca a remodelación artística e administrativa das dúas formacións pertencentes ao Instituto Nacional das Artes Escénicas, a Orquestra e os Coros Nacionais de España, durante os seis anos que estivo como director técnico.
Máis información en La Voz de Galicia e no web da Sinfónica de Galicia
A Filharmonía de Galicia presenta a temporada de abono despois da primeira xira americana
Xénero:
| 16 / 10 / 2006Despois da súa primeira xira sudamericana, a Real Filharmonía presenta este xoves a temporada musical. Das 30 citas que se sucederán ata o vindeiro 14 de xuño no Auditorio de Galicia, destaca a inclusión no seu repertorio de bandas sonoras cinematográficas. Un día despois, o venres 20, comezará en Vigo unha nova edición do “Are more”, un ciclo de música clásica que este ano conta con dúas liñas de traballo: dunha banda programar concertos fóra de Vigo e, da outra, un cartel de calidade pero sen as grandes figuras doutras edicións. Por último, Patricia Barber e Christian McBride serán os principais reclamos do Festival de Jazz de Lugo que terá lugar entre o 13 e o 18 de novembro.
Máis información nos web da Real Filharmonía e no do Festival de Jazz de Lugo
e do Festival Are More