Ir ao contido directamente.


Noticias

Ana Belén Monís gaña o concurso de cantantes “Son de estrelas” da TVG

Xénero: Melódica | 28 / 6 / 2007

imaxe non dispoñible

Cunha cota media de pantalla de 16,8 % e 145.seguidores rematou a primeira edición co concurso de cantantes “Son de estrelas” da TVG. A verinense de 25 anos Belén Monís resultou a gañadora deste certame de voces, impoñéndose no reconto de chamadas á outra finalista, María Chenlo, de Caldas. Na gala final Monís, que leva máis de cinco anos actuando con orquestras, interpretou os temas “Voa alto” e Lela. A resolución do concurso estivo marcada por un empate porcentual moi axustado das dúas finalistas que tivo que resolverse co reconto das chamadas gañando Belén Monís por 3.403 fronte ás 3.363 de María Chenlo. A gañadora gravará un disco e leva ademais un coche e unha viaxe ao Caribe.

Máis información en La Voz de Galicia

Quempallou mesturan o folk con hip-hop no seu terceiro traballo discográfico

Xénero: Folk | 27 / 6 / 2007 + IMAXES

not_10229.jpg

O terceiro disco de Quempallou rompe un silencio relativo da banda, xa que aínda que xa van tres anos desde a gravación de “Estremonías”(2004) o grupo non deixou en ningún momento as actuacións en directo. Na gravación de “Polo aire” (Zouma Records) a banda contou con diversos colaboradores. Unha das propostas musicais máis atípica chega da colaboración co colectivo de hip-hop Dios ke te Crew co que asinan o tema “Ninguén”, nunha mestura á que dan en chamar “hip-folk” con letra de reivindicación social. Os dezaoito temas do disco son, maiormente, composicións propias de Guillerme Ignacio e Roi Maceda e abundan os arranxos de corda grazas á integración de Xulio Abal despois de tres anos dentro da banda. O disco tira dunha estética radiofónica incluíndo cortes con eses son característico da radio e introducións dos locutores Xurxo Souto e Emilio Espadañedo da Radio Galega.

Máis información en La Opinión

A banda folk Kérkennai saca o seu segundo traballo con renovación musical e da formación

Xénero: Folk | 26 / 6 / 2007 + IMAXES

not_10225.jpg

Neste segundo traballo da banda nacida na Limia en 1999 volve a integrarse un dos músicos fundadores, o violinista Felipe Rodicio. A formación que presenta “Nas beiras do Lethes” está integrada por Pepe Quintas, ó baixo e guitarra; Sindo Otero, ás guitarras e voz; Pepa Rodríguez ó clarinete e voz; Felipe Rodicio, ó violín e viola; Juan Seara, á gaita, flautas e voz. O disco presenta dez temas e está editado pola discográfica ourensá Zouma Records, igual que o primeiro disco do grupo “Vía nova” (2003). "Nas Beiras de Lethes" conta coas colaboracións de David González Outumuro na batería e percusións e Sabela Dacal ao acordeón.

O Festival da Ópera cumpre 55 anos homenaxeando a Giacomo Puccini

Xénero: Clásica/Lírica | 22 / 6 / 2007

imaxe non dispoñible

NO 2008 cúmprense cento cincuenta anos do nacemento de Giacomo Puccini. Unha efeméride que se está a preparar en todo o mundo. Pero a Asociación de Amigos da Ópera adiantarase á celebración ao programa dentro do Festival anual que organiza na Coruña. Do 25 de agosto ao 28 de setembro representaranse dúas óperas “La Boheme” e “Don Pasquale”, e haberá ópera en familia, dous recitais e varias galas líricas.

Máis información no web da Asociación de Amigos da Ópera e na prensa en La Voz de Galicia e en La Opinión. Sobre edicións anteriores na nosa hemeroteca

Flook, Kroque, Kepa Junkera e Mercedes Peón encabezan o programa do Festival de Ortigueira

Xénero: Folk | 22 / 6 / 2007

imaxe non dispoñible

Aínda que os grupos galegos terán unha importante presenza no Festival de Ortigueira, as cabezas de cartel serán os anglo-irlandeses Flook, os polacos Kroque e mais o vasco Kepa Junkera. Canda a eles, Mercedes Peón, Milladoiro, Daniel Bellón e Diego Maceiras, Os Zarambeques ou Pepe Vahamonde Grupo compartirán escenario con outras formacións internacionais. O espectáculo "Vacuo", do Centro Coreográfico Galego, tamén estará presente no evento.

Máis información en La Voz de Galicia; e no web do Festival, e nos nosos arquivos

Crema de Gaita presenta o seu primeiro disco no selo VIR de Ouvirmos

Xénero: Folk | 21 / 6 / 2007 + AUDIO + IMAXES

not_10194.jpg

Na mesma semana en que confirmou a súa presenza no Festival de Ortigueira, o grupo vigués Crema de Gaita o seu primeiro disco “TanGalego” (Ouvirmos). Editado no selo VIR, que Ouvirmos reserva para novos creadores, este disco presenta quince temas nos que a formación folk achégase a ritmos latinos e versións de música tradicional, buscando amosar as múltiples posibilidades que ofrece a gaita como instrumento versátil. A formación leva existindo desde 1994 e Ernesto Campos, membro da banda e compositor das pezas ten composto temas para Carlos Núñez, Budiño ou Susana Seivane. O disco conta tamén con colaboracións de outros músicos como Kin García, Marcos Valcárcel, Ioana Pérez e a Banda de Gaitas Xarabal. O CD contén unha pista de datos coas partituras dos temas e un karaoke para voz e gaita.

Comeza a terceira edición do festival Imaxina Sons que presenta doce días de actividades diversas

Xénero: Jazz/Blues | 21 / 6 / 2007

not_10189.jpg

Coa actuación do saxofonista noruegués Jan Garbarek hoxe ás 22 horas, no Centro Cultural Caixanova inaugurarase esta cita co jazz en Vigo. O festival prolongarase ata o vindeiro domingo 1 de xullo, día na que a actuación da Imaxina Jazz Orquestra, dirixida por Nani García, clausurará esta edición. Ao longo destes doce días, o festival celebrará numerosos concertos e actividades paralelas como exposicións, clases maxistrais, pasarrúas, mesas redondas e conferencias e os concertos que se desenvolverán en horario nocturno nos clubs, dentro do ciclo denominado "Jazz na Noite". A Imaxina Jazz Orquestra é unha produción propia do festival e unha clara aposta por reafirmar o valor dos músicos galegos de jazz. Os concertos que ofrecerá o festival son moi variados e inclúen todos os formatos, desde solistas, dúos ou tríos ata formacións de gran dimensión. No festival hai destacada presenza de músicos galegos.

Máis información en Imaxina Sons

Gandarío acollerá un campamento onde os nenos elaborarán partituras

Xénero: BSO | 20 / 6 / 2007

imaxe non dispoñible

A Asociación Cultural Musical Solfa de Fontiñas en Santiago, a Banda da Escola de Música de Rianxo e a Agrupación Músico Cultural de Ribadumia traballan xuntas da man en “Musigalizando”, un curioso campamento de verán onde o protagonista é a música. A actividade está destinada a persoas de entre 8 e 25 anos e a principal actividade será a elaboración de partituras que se interpretarán en dous grandes concertos en Santiago e Pontevedra.

Máis información no web da Xunta

Camerata ad Libitum organiza en Pontevedra un curso de dirección coral e canto

Xénero: Coral | 19 / 6 / 2007

imaxe non dispoñible

O coro de cámara “Camerata ad Libitum” de Pontecesures anuncia a convocatoria da décimo oitava edición do Curso de Verán de Dirección Coral, Canto e Técnica Vocal que vai ter lugar na cidade de Pontevedra do 1 ao 15 de Agosto de 2007. O curso constará de diferentes actividades coma concertos, seminarios, canto común, etc. ademais das clases de Dirección Coral e Técnica Vocal propiamente ditas e un Obradoiro especial ás ordes dos 2 directores convidados. A reserva e solicitude de praza estará aberta desde a semana que ven ata o 30 de xuño. A matrícula farase do 1 ao 10 de xullo. Todos os cursos están destinados a cantores e directores ou futuros directores de coro, profesores o estudantes de canto ou música en xeral e todas as persoas afeccionadas que desexan iniciarse ou profundar no campo do canto coral.

Máis información en Camerata

Sete Saias, Crema de Gaita e Bonovo abrirán o festival de Ortigueira no escenario Runas

Xénero: Folk | 19 / 6 / 2007

imaxe non dispoñible

Un xurado e mais os votos de 19.000 persoas decidiron os grupos que van participar no festival Runas, co que abre o xoves 5 de xullo o festival de Ortigueira. Os galegos Sete Saias, Crema de Gaita e Bonovo canda ao grupo castelán Balbarda e ao andaluz La Jambre foron os escolleitos. Nos días seguintes poderán verse tamén artistas coma Flook, Kepa Junquera ou Milladoiro entre outros.

Máis información no web do Festival, en Diario de Ferrol e nos nosos arquivos

<< Inicio / Anterior . 3251 a 3260 de 3576 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR