Noticias
Santiago e Vigo presentan os programas de dúas das festas patronais máis importantes de xullo
Xénero: | 11 / 7 / 2007
As Festas do Cristo da Victoria en Vigo e as Festas do Apóstolo en Santiago xa teñen programa oficial e pechado. Os dous concellos fixeron público onte cadanseu programa de festexos e celebracións. A aposta polos grandes concertos está moi presente nos dous casos. En Vigo as estrelas do cartel son os británicos Artic Monkeys, Paulina Rubio, Nacha Pop, Manu Chao, Le Punk e os galegos Deluxe e Fon Román. A cantante Soraya abrirá as festas en Santiago nas que tamén actuará a mexicana Julieta Venegas, os cubanos Orishas, Andrés Calamaro acompañado de Fito & Fitipaldis, Estrella Morente, Susana Seivane e tamén actuarán The Ellas, Brath, Álvaro Costas & Hot Band entre a representación galega. Vigo gastará case 900 mil euros nos seus festexos que chegarán ata o día 12 de agosto, mentres que a capital ten un orzamento superior aos 600 mil euros para a súa programación que remata co mes de xullo.
Máis información no Concello de Vigo
e no Concello de Santiago
Os concertos pechan esta fin de semana a décima edición do “Cultura Quente” de Caldas
Xénero: | 11 / 7 / 2007
Levan case quince días de actividades pero o prato forte do “Cultura Quente” aínda ten lugar esta fin de semana. Será cando a carballeira desta vila pontevedresa se encha de música con grupos como Asian Dub, Fancy, Sex Museum ou Gong Gong. En total uns vinte grupos ofrecerán o mellor do seu repertorio para animar un festival que cumpre este ano dez edicións.
Máis información no sitio web
Jacobo Paz presenta o seu segundo disco “Chico de marca” editado por Wonderland Discos
Xénero: | 10 / 7 / 2007 + VIDEO
O músico coruñés Jacobo Paz presentou ante os medios hoxe na Fnac da cidade herculina o seu novo disco “Chico de marca”, editado polo selo galego Wonderland. No mesmo espazo, este venres ás 20 horas fará un pequeno concerto de mostra dos temas do album. Jacobo Paz, ex compoñente de formacións como Mario Bronx, principiou a súa andaina en solitario a finais da década pasada e debutou discograficamente con “Buscando pistas”. Dende aquela, este roqueiro e autor ten compartido cartel con nomes tan coñecidos como M Clan, Deluxe, Barón Rojo, Burning, Australian Blonde, Los Deltonos, O Funkillo ou Heredeiros da Crus. En “Chico de marca” Jacobo Paz conta coa colaboración musical de Ángel Venancio, guitarrista de Manolo Tena, e do actor Daniel Huarte, habitual na serie “Al salir de clase”, que protagoniza o clip que da nome ao disco.
A convocatoria para A Rede Galega de Música ao Vivo 2008 suprime a selección previa e a distinción en categorías
Xénero: | 9 / 7 / 2007
O prazo de apuntarse á Rede Galega de Música ao Vivo 2008 xa está aberto para as salas e músicos desde o día 5 de xullo ata o 3 de agosto a través da páxina web de Galescena. As bases deste programa do IGAEM destinado a favorecer unha programación de concertos en salas privadas estable e de calidade traen numerosos cambios respecto ao vixente ano. Desaparecen nesta convocatoria dous elementos que suscitaron numerosas controversias anteriormente como foron as dúas categorías nas que se dividía aos artistas e a fase de selección previa por parte dunha comisión designada. A convocatoria do 2008 deixa liberdade para fixar o caché aos artistas, impondo un máximo de 800 euros por actuación e un mínimo de seis concertos para estar na rede, o programa inclúe tamén actuacións no mes de setembro. As salas asumirán o 15 % dos cachés e a recadación que supere a inversión repartirase a partes iguais entre músicos e salas.
Máis información en Galescena
e sobre a RGMV nos nosos arquivos
Ortigueira comeza o seu macro-evento musical agardando máis dun cento de milleiros de asistentes
Xénero: | 5 / 7 / 2007
A partir de hoxe agárdanse en Ortigueira a máis de 100.000 persoas, segundo as cifras estimadas pola organización da vixésimo novena edición do Festival de Ortigueira. A presente edición deste evento que cada ano acada o primeiro posto na lista de citas musicais con máis afluencia de público comeza hoxe cun cartel no que hai sitio para as novas promesas do folk galego e para artistas consagrados tanto do país como internacionais durante os vindeiros catro días. A organización habilitou un espazo na praia de Morouzos para o campamento pudendo acoller máis de 10.000 tendas de campaña. O festival está declarada Festa de Interese Turístico Internacional e conta cun orzamento de 670.000 euros.
Máis información en Festival de Ortigueira
A Escola de Altos Estudos Musicais reune a prestixiosos contrabaixistas nun festival sobre este instrumento
Xénero: | 5 / 7 / 2007
Un total de 23 alumnos galegos e de fóra de Galiza participará a partir de mañá no Festival de Contrabaixo “Ludwig Streicher”, que se desenvolverá até o vindeiro 13 de xullo na sede da Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) en Compostela. Ademais do programa lectivo, o encontro será o marco para a celebración de distintas actividades complementarias, entre as que destaca a escenificación da obra “El contrabajo” de Patrick Süskind, un obradoiro de técnicas teatrais aplicadas á interpretación deste instrumento e distintos concertos abertos, dous deles protagonizados polos alumnos, abertos ao xeral e de entrada libre. Organizado pola EAEM e coordinado polo profesor Carlos Méndez, contrabaixo principal da Real Filharmonía de Galicia, o festival naceu a partir da iniciativa dun grupo de antigos alumnos do desaparecido mestre austríaco Ludwig Streicher na Escuela Superior Reina Sofía de Madrid.
Máis información no IGAEM
O festival itinerante “As nosas músicas” chega á sexta edición programando máis concertos
Xénero: | 3 / 7 / 2007
Naceu en 2001 co compromiso da Fundación Caixa Galicia de achegar o máis destacado da música galego-portuguesa polo noso país. Agora, seis anos despois “As nosas músicas” medra en número de concertos. En total 41 concellos das catro provincias poderán gozar da música de grupos históricos como Treixadura ou Mercedes Peón, proxectos novidosos e afianzados como Marful ou Lamatumbá, e este ano, como novidade, están os barceloneses “The Unfinished Simpathy”.
Máis información no web da Fundación Caixa Galicia e na nosa hemeroteca
Nace un festival de rock como froito da edición do disco “Gallaecian Metal Compilaton”
Xénero: | 2 / 7 / 2007
En febreiro do 2007 saíu ao mercado o duplo disco “Gallaecian Metal Compilation” editado polo selo Falcatruada. O disco reunía unha escolma de temas de 26 grupos galegos de “hard” e “metal” rock. O proxecto foi organizado polos propios grupos coa intención de dar a coñecer a vizosa saúde do “metal” no país e tan boa semella ser esa saúde e tanta unión creou entre os grupos que agora o proxecto segue a funcionar e pasa a converterse no festival “Gallaecian Metal Fest” no que durante dous días dez destes grupos tocarán en directo a súa música. O evento terá lugar os vindeiros días 13 e 14 de xullo na Carballeira da Guía, en Vigo e a entrada será de balde.
Máis información en Gallaecian Metal Fest
e sobre o disco en Gallaecian Metal Compilation
Simone Kermes inaugura o festival de música Vía Stellae
Xénero: | 2 / 7 / 2007
O festival de Música de Compostela abre mañá a súa segunda edición con Simone Kermes. A soprano alemá repite outra vez neste programa que malia nacer como evento de música antiga e barroca, amplía xa a súa variedade incorporando case todos os xéneros. Ata o 26 de xullo, o Auditorio de Galicia, o Teatro Principal, Salón Teatro e as igrexas de Bonaval e da Universidade serán algúns dos escenarios deste festival que se achegará a trinta e tres concellos das oito rutas xacobeas.
Máis información en La Voz de Galicia, no web do Festival e na nosa hemeroteca
Sumrrá gravará tres noites de directo na Sala NASA para o seu vindeiro disco
Xénero: | 29 / 6 / 2007 + VIDEO
O trío formado por LAR Legido, Xacobe Martínez e Manuel Gutiérrez ofrecerá na Sala NASA de Santiago os vindeiros 4, 5 e 6 de xullo tres noites de música en directo que serán gravadas para dar forma a un novo disco. Contando coa loxística da sala e do estudio Soyuz o trío de jazz gravará así ante público o que será o seu terceiro traballo discográfico despois de “Sumrrá” (Madame Mir, 2003) e “2” (2006) e que ademais neste caso tamén levará a gravación audiovisual para un DVD. A idea da gravación do directo xurdiu despois do concerto ofrecido por Sumrrá en xaneiro pasado na NASA. Sumrrá nace no verán do 2001, como consecuencia dunha serie de contactos dos tres implicados en numerosas “jam sessions”. Sumrrá traballa basicamente sobre composicións orixinais.
Máis información na Sala NASA


