Ir ao contido directamente.


Noticias

A Escola de Altos Estudos Musicais reune a prestixiosos contrabaixistas nun festival sobre este instrumento

Xénero: Clásica/Lírica | 5 / 7 / 2007

imaxe non dispoñible

Un total de 23 alumnos galegos e de fóra de Galiza participará a partir de mañá no Festival de Contrabaixo “Ludwig Streicher”, que se desenvolverá até o vindeiro 13 de xullo na sede da Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) en Compostela. Ademais do programa lectivo, o encontro será o marco para a celebración de distintas actividades complementarias, entre as que destaca a escenificación da obra “El contrabajo” de Patrick Süskind, un obradoiro de técnicas teatrais aplicadas á interpretación deste instrumento e distintos concertos abertos, dous deles protagonizados polos alumnos, abertos ao xeral e de entrada libre. Organizado pola EAEM e coordinado polo profesor Carlos Méndez, contrabaixo principal da Real Filharmonía de Galicia, o festival naceu a partir da iniciativa dun grupo de antigos alumnos do desaparecido mestre austríaco Ludwig Streicher na Escuela Superior Reina Sofía de Madrid.

Máis información no IGAEM

O festival itinerante “As nosas músicas” chega á sexta edición programando máis concertos

Xénero: Miscelánea | 3 / 7 / 2007

not_10270.jpg

Naceu en 2001 co compromiso da Fundación Caixa Galicia de achegar o máis destacado da música galego-portuguesa polo noso país. Agora, seis anos despois “As nosas músicas” medra en número de concertos. En total 41 concellos das catro provincias poderán gozar da música de grupos históricos como Treixadura ou Mercedes Peón, proxectos novidosos e afianzados como Marful ou Lamatumbá, e este ano, como novidade, están os barceloneses “The Unfinished Simpathy”.

Máis información no web da Fundación Caixa Galicia e na nosa hemeroteca

Nace un festival de rock como froito da edición do disco “Gallaecian Metal Compilaton”

Xénero: Rock | 2 / 7 / 2007

not_10267.jpg

En febreiro do 2007 saíu ao mercado o duplo disco “Gallaecian Metal Compilation” editado polo selo Falcatruada. O disco reunía unha escolma de temas de 26 grupos galegos de “hard” e “metal” rock. O proxecto foi organizado polos propios grupos coa intención de dar a coñecer a vizosa saúde do “metal” no país e tan boa semella ser esa saúde e tanta unión creou entre os grupos que agora o proxecto segue a funcionar e pasa a converterse no festival “Gallaecian Metal Fest” no que durante dous días dez destes grupos tocarán en directo a súa música. O evento terá lugar os vindeiros días 13 e 14 de xullo na Carballeira da Guía, en Vigo e a entrada será de balde.

Máis información en Gallaecian Metal Fest
e sobre o disco en Gallaecian Metal Compilation

Simone Kermes inaugura o festival de música Vía Stellae

Xénero: Clásica/Lírica | 2 / 7 / 2007

not_10264.jpg

O festival de Música de Compostela abre mañá a súa segunda edición con Simone Kermes. A soprano alemá repite outra vez neste programa que malia nacer como evento de música antiga e barroca, amplía xa a súa variedade incorporando case todos os xéneros. Ata o 26 de xullo, o Auditorio de Galicia, o Teatro Principal, Salón Teatro e as igrexas de Bonaval e da Universidade serán algúns dos escenarios deste festival que se achegará a trinta e tres concellos das oito rutas xacobeas.

Máis información en La Voz de Galicia, no web do Festival e na nosa hemeroteca

Sumrrá gravará tres noites de directo na Sala NASA para o seu vindeiro disco

Xénero: Jazz/Blues | 29 / 6 / 2007 + VIDEO

not_10248.jpg

O trío formado por LAR Legido, Xacobe Martínez e Manuel Gutiérrez ofrecerá na Sala NASA de Santiago os vindeiros 4, 5 e 6 de xullo tres noites de música en directo que serán gravadas para dar forma a un novo disco. Contando coa loxística da sala e do estudio Soyuz o trío de jazz gravará así ante público o que será o seu terceiro traballo discográfico despois de “Sumrrá” (Madame Mir, 2003) e “2” (2006) e que ademais neste caso tamén levará a gravación audiovisual para un DVD. A idea da gravación do directo xurdiu despois do concerto ofrecido por Sumrrá en xaneiro pasado na NASA. Sumrrá nace no verán do 2001, como consecuencia dunha serie de contactos dos tres implicados en numerosas “jam sessions”. Sumrrá traballa basicamente sobre composicións orixinais.

Máis información na Sala NASA

Ana Belén Monís gaña o concurso de cantantes “Son de estrelas” da TVG

Xénero: Melódica | 28 / 6 / 2007

imaxe non dispoñible

Cunha cota media de pantalla de 16,8 % e 145.seguidores rematou a primeira edición co concurso de cantantes “Son de estrelas” da TVG. A verinense de 25 anos Belén Monís resultou a gañadora deste certame de voces, impoñéndose no reconto de chamadas á outra finalista, María Chenlo, de Caldas. Na gala final Monís, que leva máis de cinco anos actuando con orquestras, interpretou os temas “Voa alto” e Lela. A resolución do concurso estivo marcada por un empate porcentual moi axustado das dúas finalistas que tivo que resolverse co reconto das chamadas gañando Belén Monís por 3.403 fronte ás 3.363 de María Chenlo. A gañadora gravará un disco e leva ademais un coche e unha viaxe ao Caribe.

Máis información en La Voz de Galicia

Quempallou mesturan o folk con hip-hop no seu terceiro traballo discográfico

Xénero: Folk | 27 / 6 / 2007 + IMAXES

not_10229.jpg

O terceiro disco de Quempallou rompe un silencio relativo da banda, xa que aínda que xa van tres anos desde a gravación de “Estremonías”(2004) o grupo non deixou en ningún momento as actuacións en directo. Na gravación de “Polo aire” (Zouma Records) a banda contou con diversos colaboradores. Unha das propostas musicais máis atípica chega da colaboración co colectivo de hip-hop Dios ke te Crew co que asinan o tema “Ninguén”, nunha mestura á que dan en chamar “hip-folk” con letra de reivindicación social. Os dezaoito temas do disco son, maiormente, composicións propias de Guillerme Ignacio e Roi Maceda e abundan os arranxos de corda grazas á integración de Xulio Abal despois de tres anos dentro da banda. O disco tira dunha estética radiofónica incluíndo cortes con eses son característico da radio e introducións dos locutores Xurxo Souto e Emilio Espadañedo da Radio Galega.

Máis información en La Opinión

A banda folk Kérkennai saca o seu segundo traballo con renovación musical e da formación

Xénero: Folk | 26 / 6 / 2007 + IMAXES

not_10225.jpg

Neste segundo traballo da banda nacida na Limia en 1999 volve a integrarse un dos músicos fundadores, o violinista Felipe Rodicio. A formación que presenta “Nas beiras do Lethes” está integrada por Pepe Quintas, ó baixo e guitarra; Sindo Otero, ás guitarras e voz; Pepa Rodríguez ó clarinete e voz; Felipe Rodicio, ó violín e viola; Juan Seara, á gaita, flautas e voz. O disco presenta dez temas e está editado pola discográfica ourensá Zouma Records, igual que o primeiro disco do grupo “Vía nova” (2003). "Nas Beiras de Lethes" conta coas colaboracións de David González Outumuro na batería e percusións e Sabela Dacal ao acordeón.

O Festival da Ópera cumpre 55 anos homenaxeando a Giacomo Puccini

Xénero: Clásica/Lírica | 22 / 6 / 2007

imaxe non dispoñible

NO 2008 cúmprense cento cincuenta anos do nacemento de Giacomo Puccini. Unha efeméride que se está a preparar en todo o mundo. Pero a Asociación de Amigos da Ópera adiantarase á celebración ao programa dentro do Festival anual que organiza na Coruña. Do 25 de agosto ao 28 de setembro representaranse dúas óperas “La Boheme” e “Don Pasquale”, e haberá ópera en familia, dous recitais e varias galas líricas.

Máis información no web da Asociación de Amigos da Ópera e na prensa en La Voz de Galicia e en La Opinión. Sobre edicións anteriores na nosa hemeroteca

Flook, Kroque, Kepa Junkera e Mercedes Peón encabezan o programa do Festival de Ortigueira

Xénero: Folk | 22 / 6 / 2007

imaxe non dispoñible

Aínda que os grupos galegos terán unha importante presenza no Festival de Ortigueira, as cabezas de cartel serán os anglo-irlandeses Flook, os polacos Kroque e mais o vasco Kepa Junkera. Canda a eles, Mercedes Peón, Milladoiro, Daniel Bellón e Diego Maceiras, Os Zarambeques ou Pepe Vahamonde Grupo compartirán escenario con outras formacións internacionais. O espectáculo "Vacuo", do Centro Coreográfico Galego, tamén estará presente no evento.

Máis información en La Voz de Galicia; e no web do Festival, e nos nosos arquivos

<< Inicio / Anterior . 3211 a 3220 de 3538 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR