Noticias
A banda folk Kérkennai saca o seu segundo traballo con renovación musical e da formación
Xénero: IMAXES
| 26 / 6 / 2007 +Neste segundo traballo da banda nacida na Limia en 1999 volve a integrarse un dos músicos fundadores, o violinista Felipe Rodicio. A formación que presenta “Nas beiras do Lethes” está integrada por Pepe Quintas, ó baixo e guitarra; Sindo Otero, ás guitarras e voz; Pepa Rodríguez ó clarinete e voz; Felipe Rodicio, ó violín e viola; Juan Seara, á gaita, flautas e voz. O disco presenta dez temas e está editado pola discográfica ourensá Zouma Records, igual que o primeiro disco do grupo “Vía nova” (2003). "Nas Beiras de Lethes" conta coas colaboracións de David González Outumuro na batería e percusións e Sabela Dacal ao acordeón.
O Festival da Ópera cumpre 55 anos homenaxeando a Giacomo Puccini
Xénero:
| 22 / 6 / 2007NO 2008 cúmprense cento cincuenta anos do nacemento de Giacomo Puccini. Unha efeméride que se está a preparar en todo o mundo. Pero a Asociación de Amigos da Ópera adiantarase á celebración ao programa dentro do Festival anual que organiza na Coruña. Do 25 de agosto ao 28 de setembro representaranse dúas óperas “La Boheme” e “Don Pasquale”, e haberá ópera en familia, dous recitais e varias galas líricas.
Máis información no web da Asociación de Amigos da Ópera e na prensa en La Voz de Galicia e en La Opinión. Sobre edicións anteriores na nosa hemeroteca
Flook, Kroque, Kepa Junkera e Mercedes Peón encabezan o programa do Festival de Ortigueira
Xénero:
| 22 / 6 / 2007Aínda que os grupos galegos terán unha importante presenza no Festival de Ortigueira, as cabezas de cartel serán os anglo-irlandeses Flook, os polacos Kroque e mais o vasco Kepa Junkera. Canda a eles, Mercedes Peón, Milladoiro, Daniel Bellón e Diego Maceiras, Os Zarambeques ou Pepe Vahamonde Grupo compartirán escenario con outras formacións internacionais. O espectáculo "Vacuo", do Centro Coreográfico Galego, tamén estará presente no evento.
Máis información en La Voz de Galicia; e no web do Festival, e nos nosos arquivos
Crema de Gaita presenta o seu primeiro disco no selo VIR de Ouvirmos
Xénero: AUDIO + IMAXES
| 21 / 6 / 2007 +Na mesma semana en que confirmou a súa presenza no Festival de Ortigueira, o grupo vigués Crema de Gaita o seu primeiro disco “TanGalego” (Ouvirmos). Editado no selo VIR, que Ouvirmos reserva para novos creadores, este disco presenta quince temas nos que a formación folk achégase a ritmos latinos e versións de música tradicional, buscando amosar as múltiples posibilidades que ofrece a gaita como instrumento versátil. A formación leva existindo desde 1994 e Ernesto Campos, membro da banda e compositor das pezas ten composto temas para Carlos Núñez, Budiño ou Susana Seivane. O disco conta tamén con colaboracións de outros músicos como Kin García, Marcos Valcárcel, Ioana Pérez e a Banda de Gaitas Xarabal. O CD contén unha pista de datos coas partituras dos temas e un karaoke para voz e gaita.
Comeza a terceira edición do festival Imaxina Sons que presenta doce días de actividades diversas
Xénero:
| 21 / 6 / 2007Coa actuación do saxofonista noruegués Jan Garbarek hoxe ás 22 horas, no Centro Cultural Caixanova inaugurarase esta cita co jazz en Vigo. O festival prolongarase ata o vindeiro domingo 1 de xullo, día na que a actuación da Imaxina Jazz Orquestra, dirixida por Nani García, clausurará esta edición. Ao longo destes doce días, o festival celebrará numerosos concertos e actividades paralelas como exposicións, clases maxistrais, pasarrúas, mesas redondas e conferencias e os concertos que se desenvolverán en horario nocturno nos clubs, dentro do ciclo denominado "Jazz na Noite". A Imaxina Jazz Orquestra é unha produción propia do festival e unha clara aposta por reafirmar o valor dos músicos galegos de jazz. Os concertos que ofrecerá o festival son moi variados e inclúen todos os formatos, desde solistas, dúos ou tríos ata formacións de gran dimensión. No festival hai destacada presenza de músicos galegos.
Máis información en Imaxina Sons
Gandarío acollerá un campamento onde os nenos elaborarán partituras
Xénero:
| 20 / 6 / 2007A Asociación Cultural Musical Solfa de Fontiñas en Santiago, a Banda da Escola de Música de Rianxo e a Agrupación Músico Cultural de Ribadumia traballan xuntas da man en “Musigalizando”, un curioso campamento de verán onde o protagonista é a música. A actividade está destinada a persoas de entre 8 e 25 anos e a principal actividade será a elaboración de partituras que se interpretarán en dous grandes concertos en Santiago e Pontevedra.
Máis información no web da Xunta
Camerata ad Libitum organiza en Pontevedra un curso de dirección coral e canto
Xénero:
| 19 / 6 / 2007O coro de cámara “Camerata ad Libitum” de Pontecesures anuncia a convocatoria da décimo oitava edición do Curso de Verán de Dirección Coral, Canto e Técnica Vocal que vai ter lugar na cidade de Pontevedra do 1 ao 15 de Agosto de 2007. O curso constará de diferentes actividades coma concertos, seminarios, canto común, etc. ademais das clases de Dirección Coral e Técnica Vocal propiamente ditas e un Obradoiro especial ás ordes dos 2 directores convidados. A reserva e solicitude de praza estará aberta desde a semana que ven ata o 30 de xuño. A matrícula farase do 1 ao 10 de xullo. Todos os cursos están destinados a cantores e directores ou futuros directores de coro, profesores o estudantes de canto ou música en xeral e todas as persoas afeccionadas que desexan iniciarse ou profundar no campo do canto coral.
Máis información en Camerata
Sete Saias, Crema de Gaita e Bonovo abrirán o festival de Ortigueira no escenario Runas
Xénero:
| 19 / 6 / 2007Un xurado e mais os votos de 19.000 persoas decidiron os grupos que van participar no festival Runas, co que abre o xoves 5 de xullo o festival de Ortigueira. Os galegos Sete Saias, Crema de Gaita e Bonovo canda ao grupo castelán Balbarda e ao andaluz La Jambre foron os escolleitos. Nos días seguintes poderán verse tamén artistas coma Flook, Kepa Junquera ou Milladoiro entre outros.
Máis información no web do Festival, en Diario de Ferrol e nos nosos arquivos
Festivais coma o Son na rúa, Imaxina Sons e Novas Músicas anuncian a chegada do verán
Xénero:
| 18 / 6 / 2007Aínda que o tempo non o anuncia, o verán está xa á volta da esquina, e para confirmalo chegan os primeiros festivais de música da temporada. En Compostela o Sons na rúa achega ao Campus sur, o vindeiro xoves grupos coma Blasted Mechanism ou Balk Bum. Ao tempo, en Vigo comezará o Imaxina Sons de Jazz, con Jan Garbarek, ao que seguirán Chano Domínguez ou a Imaxina Jazz Orchestra. Seguindo con este xénero, para agosto anuncian en Monforte o festival Novas Músicas, que contará tamén con seis grupos de jazz.
Máis información sobre Sons na rúa no web de Nordesía; sobre Imaxina Sons no web do Festival, e no web de Novas Música
A orquestra folk Sondeseu presenta en Vigo o seu segundo traballo discográfico
Xénero: IMAXES
| 14 / 6 / 2007 +"Trastempo" está producido e editado pola Fundación Sondeseu e ofrece doce pezas interpretadas pola orquestra Sondeseu no seu conxunto, mantendo espazos nos que cada sección convértese en protagonista nalgún momento. “Trastempo”, sae á rúa cunha tirada de 3.500 exemplares para a venda. Xunto con temas tradicionais e arranxos contemporáneos o disco achega dúas pezas orixinais concibidas para a formación e tamén un DVD con actuacións da orquestra en vivo. O disco foi gravado entre xullo de 2006 e marzo de 2007 no estudio Casa de Tolos de Gondomar. A Orquestra Sondeseu é a primeira orquestra de música folk de España, naceu hai seis anos e publicaba no ano 2003 o seu primeiro CD, "Mar de Vigo". O Salón de actos da da escola de Artes e Oficios acolle este venres ás 19 horas a presentación deste novo disco.