Noticias
Lamatumbá saca o disco “Paraugas universal”
Xénero: | 18 / 4 / 2008 + IMAXES + AUDIO + VIDEO
Desde hoxe xa está nas tendas “Paraugas universal” (PAI – Música) o novo disco da multitudinaria banda Lamatumbá. Esta saída marca discográficamente a nova etapa do grupo despois dos cambios na formación e polo cambio de editora, malia que os actuais integrantes xa levan un ano subindo aos escenarios e mesmo formaron parte da embaixada musical galega na feira Popkomm de Berlín no pasado ano. Se con “Lume!” (Falcatruada, 2005) chegaron a vender máis de tres milleiros de discos con “Paraugas universal” a festeira banda agarda repetir o éxito. O disco, que inclúe un DVD con cinco pezas audiovisuais entre as que hai videoclips e outros documentos, conta con colaboracións de luxo como as de Guadi Galego, Paulo Borges ou Uxía Senlle. Lamatumbá están negociando xa futuras actuacións en escenarios tan importantes como a Expo de Zaragoza, o Festival de Ortigueira, o Parque de Castrelos de Vigo ou o San Froilán de Lugo. Quince temas propios co habitual son de Lamatumbá conforman o disco gravado e mesturado por Segundo Grandío en Casa de Tolos.
A Sinfónica de Galicia gravará a zarzuela de Chueca no centenario da súa morte
Xénero: | 17 / 4 / 2008
“Cádiz” é a zarzuela na que o madrileño Federico Chueca transmitiu o espírito que se respiraba cando os españois se levantaron contra os franceses. Unha composición singular que a Sinfónica de Galicia editará en CD cando se cumpren cen anos da morte do autor. Ademais, o director da Sinfónica, Víctor Pablo, presentou os tres cedés que a formación coruñesa rexistrou nos últimos meses. Son a ópera “Il Disoluto Punito, ossia Don Giovanni Tenorio”, que editou a Fundación Autor; o “Concerto de Aranjuez” que presenta Decca, e “Iberia” de Isaac Albéniz no selo Glossa.
Ophiusa saca ao mercado o seu primeiro disco
Xénero: | 16 / 4 / 2008 + VIDEO
Máis de dúas décadas despois do seu nacemento o grupo compostelán Ophiusa presenta esta semana o que é o seu primeiro disco “Paos” editado baixo o selo independente Leilear. Un concerto no Centro Sociocultural do Ensanche de Santiago este venres 18 de abril marcará o punto de saída do álbum ao mercado. Ophiusa está formado por Ramón Feáns, Paco Nogueiras, Antonio Presedo e Paulo Gacio. O grupo naceu a mediados do ano 1986,e durante case dez anos amosou o seu traballo en escenarios diversos e mesmo realizaron dúas xiras polas Illas Británicas nos anos 1988 e 1990. No ano 1995 o grupo fixo unha paréntese que durou dez anos volvendo a xuntarse a finais do ano 2005 renovándose coas experiencias acumuladas por cada un deles nas diversas bandas e formacións musicais polas que pasaron nestes anos.
Os selos independentes únense nunha plataforma estatal que fomente e promova os seus contidos
Xénero: | 15 / 4 / 2008
A Asociación Galega de Productoras Fonográficas, AGAPHONO, participa na recente Plataforma Independiente por la Música creada por selos independentes de todo o Estado ante os problemas de concentración e de acceso ao mercado que as PEMES do sector teñen ante as grandes multinacionais. En AGAPHONO están representadas as compañías Atlantia, Audia Records, Clave Records, Edicións Do Cumio, Kamikaze Producións, Lonxa Cultural, Ouvirmos, Sons Galiza, Zouma e Falcatruada. Esta última está representada por partida doble ao formar parte tamén da UFi, Asociación Nacional de Productores Fonográficos independentes, outra das asociacións que xunto con AFOCAM, asociación Fonográfica de la Comunidad de Madrid e APECAT, Associacó de productors – editoras fonogràfics i videogràfics catalans, conforman esta nova plataforma de oitenta selos independentes para traballar unidos co fin común de fomentar e promover os seus contidos e ter una voz única ante entidades públicas e empresas.
Artistas internacionais pechan a temporada de concertos para o verán
Xénero: | 11 / 4 / 2008
Lenny Kravitz abrirá en Vigo (29 de maio) a súa nova xira europea estreando o seu novo traballo “It is Time For A Love Revolution”. Con el ábrese o listado de artistas de carácter internacional que teñen programado un concerto para este verán. Juanes (Santiago, 20 de xuño), Bob Dylan (Vigo, 27 de xuño), o fundador de Supertramp, Roger Hodgson (Vigo, 23 de xullo) ou The Chemical Brothers (Vigo, 2-3 de agosto) son algúns dos concertos anunciados ata o momento, mais as citas clásicas “Festival do Norte” ou o “Festival Folk de Ortigueira”.
Comeza na Coruña a terceira edición do ciclo Rock Mariño
Xénero: | 10 / 4 / 2008
Dende este xoves, 10 de abril, e ata o mes de novembro, 26 grupos musicais da cidade herculina realizarán outros tantos concertos en 5 locais da Coruña dentro da programación do "Rock Mariño 08". O calendario de actuacións foi presentado onte no Pazo de María Pita pola concelleira de Cultura, María Xosé Bravo, o coordinador do Intituto Municipal de Cultura e Espectáculos, Agustín Lorenzo, Gandy e unha pequena representación dos grupos que actuarán ao longo destes meses. O grupo Black Bum, banda coruñesa de fusión multicultural, abrirá hoxe o programa as 22 horas, no Forum Celticum. Os concertos realizaranse fundamentalmente os xoves ou venres, e a entrada será de balde. A concellaría inviste 100.000 euros no proxecto.
Un congreso reúne en Ortigueira bandas de música de todo o mundo
Xénero: | 10 / 4 / 2008
É unha manifestación cultural estendida por todo o planeta. As bandas de música protagonizan entre mañá e o vindeiro domingo un congreso internacional que quere analizar a situación destas formacións. O encontro contará con músicos e especialistas neste campo chegados de Estados Unidos, Eslovenia, Arxentina, Venezuela ou Holanda, entre outros países. Ademais do debate, o encontro achegará concertos de diferentes formacións deste tipo.
O IGAEM saca a revista da Rede Galega de Música ao Vivo
Xénero: | 10 / 4 / 2008
A Rede Galega de Música ao Vivo (RGMV) conta con dúas novas canles para a difusión da súa actividade a través da revista “Ao vivo música” e da web www.musicaovivo.info, que en ambos casos ofrecen información sobre a axenda de concertos mailos grupos que configuran a programación deste circuíto de distribución musical promovido polo IGAEM en colaboración con Clubtura, Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo. A revista “Ao vivo música”, de periodicidade semestral, pode descargarse da devandita web e os seus 9.000 exemplares impresos se distribúen de xeito gratuíto nas salas da RGMV. A formación viguesa The Blows ocupa a portada do primeiro número da publicación, dando paso a máis de 30 páxinas nas que aparecen, entre outros contidos, reportaxes e entrevistas.
Ruxe-ruxe reivindícanse como banda de rock and roll con Xigantes
Xénero: | 10 / 4 / 2008 + AUDIO + VIDEO + IMAXES
Unha ducia de cancións enchen “Xigantes”, sexto disco da carreira da banda compostelá, e do que se amosan máis satisfeitos do son conseguido. Acompañado por membros da banda, Jose Patiño da discográfica PAI Música presentou en Santiago o novo disco dos Ruxe-ruxe e reivindicou para eles a categoría clara de banda de rock and roll por riba de outras etiquetas. Segundo o vocalista Vituco Neira “Xigantes” é un disco de rock cun son achegado aos clásicos dos sesenta e setenta que ten “moito respecto pola música tradicional”, da que seguen collendo músicas prestadas. O disco, que inclúe una pista co videoclip da canción “Xigantes”, foi gravado en Casa de Tolos e producido por Segundo Grandío e pola propia banda. Con doce anos de traxectoria os Ruxe-ruxe entenden que gravar un disco entra dentro do proceso normal do seu estilo de vida que consiste na satisfacción de “facer música”. Co disco novo baixo o brazo o grupo iniciará una xira por todo o Estado, o seu primeiro concerto de presentación será ás 22:30 horas deste sábado 12 na Sala Capitol de Santiago onde, cos dez euros da entrada, incluirán o disco.
Mutenrohi xirará co seu sétimo disco por Francia e Reino Unido
Xénero: | 8 / 4 / 2008 + VIDEO + AUDIO
A discográfica ourensá Zouma Records ven de presentar no seu catálogo de novidades o máis recente traballo do grupo Mutenrohi: Sete. Como o seu nome indica este é o sétimo disco da formación cando xa leva trece anos en activo en el presentan 11 novas cancións e dous temas gravados en directo nos que seguen a mesturar a tradición coa modernidade. Na gravación de Sete, nos estudios Desfase Sound, Mutenrohi puido contar coas colaboracións achegadas polo violinista de Wolfstone, Duncan Chisholm, a gaita de Cristina Pato, as voces de Eva Carreras e Laura Moure, a Banda de Gaitas de Cea, a frauta de Diego Fortes e Mcarballo na guitarra. A banda liderada por Xoan Carlos Fasero ten por diante un ano cheo de traballo no que estarán tocando no festival de Lorient, no Festival Celta de Isgneis e iniciarán xira polo Reino Unido. O disco preséntase este xoves, 10 de abril ás 11 horas na Livraría Torga (Rúa Paz) de Ourense.


