Ir ao contido directamente.


Noticias

Emilio Cao gaña o Premio Opinión pola súa traxectoria musical

Xénero: Folk | 7 / 4 / 2008

not_11896.jpg

O músico compostelán Emilio Cao verá recoñecida a súa traxectoria co Premio Opinión a unha Andaina Senlleira na primeira edición desta modalidade dos galardóns da música folk. Tal e como comunica a través do xornal La Opinión Óscar Losada, os trinta anos de carreira musical de Cao e a súa persoal achega ao folk galego convenceron ao xurado conformado polo mesmo Losada, Xosé Manuel Estévez e Xosé Manuel Budiño. Con seis discos editados desde 1977 Emilio Cao leva xa unha década sen presentar novos traballos propios, sendo o último “Simbad en Galicia”.

Cultura programa “Espazos sonoros” un ciclo de concertos en espazos patrimoniais

Xénero: Clásica/Lírica | 4 / 4 / 2008

imaxe non dispoñible

En total son 66 concertos a cargo de vinte e cinco formacións clásicas que se desenvolverán entre o nove de abril e o 14 de xuño en 20 espazos patrimoniais galegos. Cultura anunciaba hoxe o ciclo “Espazos sonoros”, unha iniciativa que percorrerá vilas coma Santiago, Vigo, Pontevedra, A Coruña, Lugo, Ribadavia ou Monforte. Música de órgano, vocal, antiga, de cámara e experimental son os ciclos temáticos que compoñen a programación.

Luar na Lubre gaña nos Premios da Música e Giselle Grau faise co de Excelencia Musical

Xénero: Miscelánea | 4 / 4 / 2008 + VIDEO

not_10778.jpg

A edición deste ano dos Premios da Música tivo a Luar na Lubre como grande gañador entre os galegos. O grupo fíxose co premio de música tradicional por “Camiños da fin da terra”, co que tamén obtivo o de mellor canción en galego. Pola súa banda, Luz Casal levou o premio á mellor canción con “Soy”. A coincidir con este evento, a Coruña acollía onte a entrega dos Premios á Excelencia Musical que convoca a Fundación Paideia e mais a Consellaría de Educación. Giselle Grau, estudante de piano no Conservatorio Superior de Vigo foi a gañadora do primeiro premio.

Pelo Gato 24 preséntase cun grupo de nenos practicando xogos populares

Xénero: Folk | 3 / 4 / 2008 + VIDEO + AUDIO

not_11880.jpg

Malia que o disco se editou a finais do 2007 será este sábado, día 5 de abril, cando se faga a presentación oficial de “Pelo Gato 24” a partires das 12 horas, na recentemente inaugurada Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela (Avda. Xoán XXIII). Impulsado pola Asociación de Gaiteiros Galegos, gravado nos estudios Casa de Tolos e co-editado pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural e PAI-Música, "Pelo Gato 24" consta dun libro, un CD de 13 cantigas e un DVD cun documental sobre os xogos tradicionais , un "como se fixo", ademais de varios videoclips e playbacks das cantigas. Baixo a dirección musical de Paulo Nogueira e Magoia Bodega, conta coas importantes colaboracións de Leilía, Fuxan os Ventos, Xabier Díaz, Sonia Lebedynski, Señora Carmen, Xurxo Souto, Pancho Álvarez e Segundo Grandío, entre outros. A presentación dividirase nunha rolda de prensa encabezada polo Director Xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, Pablo Carpintero da Asociación de Gaiteiros Galegos e mailos responsables da dirección musical; e unha segunda parte cunha mostra en directo de varios xogos populares, feita por un grupo de 25 rapaces dirixidos polo colectivo Brinquedia.

O Festival Cidade de Lugo chega á sua XXXVI Edición

Xénero: Clásica/Lírica | 2 / 4 / 2008

imaxe non dispoñible

Desde o vindeiro doce de abril ata o mes de xuño, a Cidade da Muralla acolle o XXXVI Festival Cidade de Lugo de Música Clásica. Este evento, considerado unha referencia nivel estatal, acollerá nesta ocación dezaoito concertos da man de artistas de renome internacional. A Real Filharmonía de Galicia, Ensemble S21, o tenor Mark Padmore, a vila de Tilmann Kircher ou a soprano Simone Kermes son algúns dos intérpretes que participarán no evento.

Siniestro Total celebra vodas de prata nun disco con toda a súa traxectoria

Xénero: Rock | 2 / 4 / 2008 + VIDEO

not_11861.jpg

Un duplo CD e un DVD recompilan os vintecinco anos de existencia dunha das formacións musicais máis emblemáticas do rock, que ademais segue en activo, aínda que con numerosos cambios. Coa saída hoxe á venda de “Que parezca un accidente”, Siniestro Total ofrece un repaso de toda a súa traxectoria desde que o 27 de decembro de 1981 saltaron a un escenario ata o presente. Con dezaseis discos editados e unha constante presenza na primeira fila musical do país, o grupo de Vigo, reparte agora nestes dous discos 27 cancións que os representan, ademais do engadido DVD co documental “Que parezca un accidente”, dirixido por Mikel Clemente que recolle imaxes de actuacións con son directo, entrevistas, momentos escollidos das xiras, das gravacións dos seus discos en estudio e rodaxes de videoclips. Coincidindo coa saída do disco comezan tamén, en Madrid, cunha xira de concertos.

Sete concertos co jazz máis aperturista no ciclo da Fundación Barrié

Xénero: Jazz/Blues | 31 / 3 / 2008

not_11849.jpg

O vindeiro 5 de abril dará comezo na Coruña a décimo terceira edición do Ciclo de Jazz da Fundación Pedro Barrié de la Maza que distribuirá sete concertos entre A Coruña e Vigo ata o 8 de maio. O programa desta edición está centrado na cualidade aperturista do jazz e ofrece, como é habitual, a actuación de figuras de primeira liña internacional como John Zorn, co seu novo proxecto Carte Blanche, o pianista McCoy Tyner Trio con Joe Lovano ao saxo tenor, Richard Galliano e outros artistas. Ragas xudeas, boggie woogie, soul, flamenco, afro, blues, stride, pop e bossa-nova estarán presentes nos conciertos desta nova edición que pechará en Vigo a actuación de Pepe Habichuela & Dave Holland Sextet. Na Coruña os concertos terán lugar no Palacio da Ópera, e en Vigo no Teatro Salesianos. A entrada a todos será de balde previa retirada de invitacións.

Os compositores Jesús Bal y Gay, Enrique Macías e Manuel Balboa son homenaxeados estes días

Xénero: Clásica/Lírica | 25 / 3 / 2008

imaxe non dispoñible

Jesús Bal y Gay é un dos compositores galegos máis prolíficos pero tamén menos coñecidos. Agora, unha das súas pezas a “Sonata para clarinete e piano” que escribiu en México acaba de ser editada nun disco preparado polos músicos Saúl Canosa e Natalia Méndez. Canda ao compositor lucense, outros dous músicos van ser recoñecidos estes días. Son Enrique Macías e Manuel Balboa que recibirán sendas homenaxes nos seus respectivos concellos de nacemento coa colaboración da Consellaría de Cultura.

O Festival Mozart recupera nesta edición os aspectos máis escénicos da ópera

Xénero: Clásica/Lírica | 18 / 3 / 2008

imaxe non dispoñible

A ópera é un espectáculo por definición: música e teatro en vivo. E esta última dimensión é a que quere recuperar Paolo Piamonti, o novo responsable artístico, para a vindeira edición do Festival Mozart (22 de maio a 28 de xuño). Así o fixo público na presentación da programación desta edición ao asegurar que pretende homenaxear a dous directores de escena xa finados: o italiano Giorgio Strehler e o alemán Herbert Wernicke. Corenta espectáculos, o dobre do que era habitual, máis mesas redondas, proxeccións de cine e concertos gratuítos compoñen o programa desta edición.

Xoel López saca novo disco con dvd en edición limitada

Xénero: Pop | 18 / 3 / 2008

not_11783.jpg

Con “Reconstrucción” Xoel López quere facer un peche de ciclo, axustar contas co seu pasado recente segundo consta na comunicación que presenta o disco. Cinco dos temas foron creados para ser incluídos no anterior disco “Fin de un viaje infinito” pensando nel como álbum dobre, descartada a idea estas cancións distribuíronse na rede e engádenselle outras 9 cancións inéditas ata as 14 que leva o CD actual demais dunha pista extra instrumental. “Reconstrucción” (EMI VIrgin) preséntase desde hoxe en edición especial limitada de 5.000 exemplares de CD + DVD, o DVD inclúe boa parte do concerto na Sala La Riviera de Madrid en novembro de 2007, 4 vídeos del especial Piano Bar Sessions, en branco e negro e os tres últimos clips do disco. A edición para venda dixital terá ademais 15 pistas exclusivas. Versións acústicas, maquetas, as 3 cancións non incluídas no CD oficial e 4 temas en audio do directo de La Riviera. Deluxe inicia xira o 17 de abril en Toledo e chegará aos escenarios galegos o 25 de abril na sala Capitol de Santiago.

<< Inicio / Anterior . 3071 a 3080 de 3576 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR