Noticias
O programa Outra + Outra facilitará a gravación de dezaoito discos
Xénero: | 6 / 5 / 2008
Un total de 18 propostas musicais, xa sexa de formacións como de solistas pertencentes en todo caso á Rede Cultural da Deputación da Coruña, poderán acceder ás axudas para gravación do programa Outra+Outra impulsado pola Deputación e a Fundación Paidea. O convenio que pon en marcha esta edición foi asinado onte polo presidente da institución provincial, Salvador fernández Moreda, e a súa homóloga da fundación, Rosalía Mera. Un xurado de especialistas escollerá os 18 beneficiarios deste programa entre todas as solicitudes enviadas ante do 16 de maio. Cada un dos seleccionados gravará o disco no Centro Mans e disporá despois de un milleiro de copias do mesmo. A Deputación destina a este obxectivo un total de 34.800 euros que cubrirán o 50% do custe da gravación e edición, a outra metade correrá a cargo dos artistas.
O Xacobeo levará a organización artística do festival de Ortigueira
Xénero: | 6 / 5 / 2008
Aínda que xa participara en outras edicións como patrocinador do Festival Internacional do Mundo Celta a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo entrará este ano directamente na organización do evento. O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, asinou hoxe un convenio asumindo a contratación e produción dos espectáculos e actividades paralelas, así como o deseño da publicidade e imaxe corporativa a cargo do Xacobeo. A parte da organización artística do prestixioso festival quedará así enteiramente nas mans do Xacobeo. O alcalde de Ortigueira, Rafael José Girón, tamén asinou o convenio polo que o Concello comprométese en cuestións loxísticas, de vixilancia, limpeza, transporte, servizos sanitarios, licencias e autorizacións, etc.
O Vía Stellae incorpora a música dos creadores galegos contemporáneos
Xénero: | 6 / 5 / 2008
A Xunta está a preparar o camiño para o vindeiro 2010. Ademais dos programas para mellorar a oferta hostaleira ou o patrimonio das rutas de peregrinación, o Festival de música de Compostela e os seus Camiños reforza a calidade nesta edición. En primeiro lugar, na nómina de artistas que, ao listado de directores como Mac Minkowski ou Rinaldo Alessandrini presentes xa na segunda edición, se lle engaden outros como Martin Gester, Daniel Harding ou Federico María Sardellini. En segundo lugar, porque os selos discográficos Naïve e Decca gravarán algúns dos concertos programados. E en terceiro lugar, porque se crea o ciclo “Vía Stellae 20/21” que achega a música destes dous séculos e incorpora creadores contemporáneos galegos. En total 85 concertos, dos que o 90% serán de balde (previa retirada de invitación) sucederanse entre o 4 e o 23 de xullo por toda Galicia. Sen embargo, o barroco e en especial a música de Bach seguirán sendo os fíos conductores deste certame.
Michel Camilo e Eddi Palmieri son os principais reclamos do Festival de jazz de Ourense
Xénero: | 6 / 5 / 2008
O final deste mes de maio terá como banda sonora o jazz. Se esta fin de semana coñecíamos o programa dunha nova xeira do Imaxina Sons, onte deuse a coñecer o cartel da duodécima edición do Festival Jazz de Primavera de Ourense que comeza o xoves. Unha cita que contará coa presenza de Michel Camilo e Eddie Palmieri, que suman entre os dous unha ducia de Grammys e son os principais reclamos. Pero non son os únicos, Jorge Pardo, o cuarteto Arguy ou o trompetista Randy Brecker estarán por Ourense neste certame que se prolonga ata o 28 de maio.
O festival de Vigo Imaxinasons abrirase cun concerto de Clunia Jazz
Xénero: | 5 / 5 / 2008 + DOCUMENTO
A celebración do 25 aniversario da formación coruñesa Clunia Jazz é un dos pratos fortes que este ano presenta o Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons na súa cuarta edición. O festival estará presente en diferentes espazos da cidade e desenvolverá diversas actividades paralelas durante once días entre o 26 de xuño e o 6 de xullo. Este festival é unha iniciativa do Concello de Vigo que naceu co obxectivo de dar cabida ao jazz realizado en Europa, á marxe de condicionantes comerciais, apoiando especialmente aos músicos que realizan á súa actividade no ámbito galego asemade. De aí que ademais da extensa lista de artistas estranxeiros como Wayne Shorter, entre outros, tamén estean os de formacións de artistas do país como Clunia Jazz, Terela Gradín, Lucía Martínez ou Paco Charlín. Vinte actuacións, un ciclo de cine, conferencias, clases maxistrais e unha exposición fotográfica conforman o programa presentado o pasado mércores, 23 de abril.
Víctor Pablo seguirá como director da Orquestra Sinfónica de Galicia
Xénero: | 2 / 5 / 2008
Catro anos máis. Este é o tempo polo que Víctor Pablo Pérez, actual director da Orquestra Sinfónica de Galicia, asinou recentemente a súa ampliación de contrato. Deste xeito, o director burgalés achegarase ás dúas décadas desempeñando este posto. Precisamente nesta temporada, a programación prevista outórgalle máis actuacións e diminúe a presenza de directores convidados a só oito concertos no ciclo de abono.
Sesenta e oito grupos subirán ao Castro a tocar nos Castroconcertos deste ano
Xénero: | 30 / 4 / 2008
O vindeiro venres 2 de maio, ás 23 horas no parque de O Castro en Vigo, dará comezo a sexta edición dos Castroconcertos, evento que forma parte do programa de ocio alternativo xuvenil da Concellería de Xuventude, "Súbete ao Castro". Nesta edición, serán 68 as agrupacións musicais participantes, que ofrecerán un total de 34 concertos con entrada de balde entre os meses de maio e setembro. A meirande parte dos grupos musicais que participan neste programa son usuarios dos locais de ensaio do Concello de Vigo. O programa quere servir de plataforma de lanzamento da creación musical da mocidade viguesa, ofrecéndolles un espazo onde presentar as súas creacións. No primeiro concerto desta temporada actuará Track Asedio, Duke Sam, Sikeity, Dr. Valda, Dj B-neil, Dj Fabio e Antuán. Nas últimas cinco edicións deste evento, realizáronse unha media de 16 concertos por edición, e de 31 grupos participantes, cunha asistencia total de 5.719 persoas.
Berrogüetto e Malvela exportan concertos para os dous hemisferios de América
Xénero: | 24 / 4 / 2008
As cantareiras Malvela inician este días a súa primeira xira transoceánica partindo o sábado cara Arxentina onde actuarán presentando as cancións do seu disco “Da miña xanela á túa “ (PAI, 2007). As cantoras de Sanguiñeda, con idades entre os 26 e os 82 anos, actuarán no Coñexio Santiago Apostol, no Centro de Residentes de Mos e no Teatro bambalinas de Buenos Aires. Na súa xira estarán acompañadas pola cantante Uxía. E entrando polo Norte do continente tamén inician xira internacional os Berrogüetto coa súa renovada formación. En México actuará nun dos teatros con máis solera do país: o Teatro Degollado na cidade de Guadalajara; será o 1 de maio. A continuación participará durante dous días na Feira de San Marcos, en Aguascalientes, o día 3 de maio no Teatro del Pueblo e o día 4 no Pabellón de España ubicado na citada feira. A seguinte parada neste periplo será Irlanda, país ó que acudirá para presentar o seu traballo en dúas cidades: Ennis, no Glòr Music Center o día 9 de maio, e Baltimore, dentro do Baltimore Fiddle Festival o 10 do mesmo mes.
Blu Sens creara un selo para distribuír música nos seus reprodutores portátiles
Xénero: | 21 / 4 / 2008
A empresa compostelá Blu:Sens, fabricante de tecnoloxía audiovisual de consumo e referente no mercado dos reprodutores portátiles mp3 e mp4, anunciou recentemente a creación dun selo musical propio, Blusens Music, que operará exclusivamente no soporte dixital a través da rede e nos reprodutores da empresa. Blusens Music pretende centrarse no lanzamento de artistas noveis e comercializará as súas cancións a través destas canles buscando potenciar a interactividade cos seguidores a través do punto de encontro virtual Blu Generation.
Premio de investigación para un estudo sobre a música en Pontevedra
Xénero: | 18 / 4 / 2008
Un traballo sobre a situación da música pop e rock na provincia de Pontevedra pasada a época da “movida” foi o gañador do premio á investigación convocado pola Deputación de Pontevedra. O xurado reunido onte achou a Susana Rodríguez Barcia e Rubén Suárez Sousa merecedores do máximo galardón da convocatoria polo estudio da evolución da cultura musical na provincia no período comprendido entre 1997 e 2007. O galardón está dotado con 6.000 euros.


