Noticias
Karaoke cos contos
Xénero: | 7 / 10 / 2008 + AUDIO
A editorial OQO, en colaboración con Pai Música presentou unha curiosa iniciativa para a campaña de dinamización lingüística que organizaron oito editoras coa secretaría xeral de Política Lingüística. Contos en cantos é un libro disco nos que Almudena Janeiro transforma en cancións doce historias desta editorial. Ademais de escoitarse, o proxecto inclúe a posibilidade de facer karaoke con estes temas, nuns videos que teñen as ilustracións dos contos coma imaxes. A iniciativa percorrerá todo o país ao longo deste outono con diferentes actuación para animar os máis pequenos a cantar e a ler.
Cristina Pato colabora no novo disco do violoncellista Yo-Yo Ma
Xénero: | 6 / 10 / 2008
Autor e intérprete de orixe chinés, Yo-Yo Ma é unha das figuras destacadas da música clásica e gañador de numerosos premios Grammy. Ademais de celebrado intérprete de Bach tamén ten feito música de cine nas bandas sonoras de Tigre e Dragón e Memorias de unha Geisha. O disco de Yo-Yo Ma inclúe entre as súas moitas colaboracións a da ourensá residente en New York Cristina Pato, como intérprete de gaita galega nunha das pezas do disco que fai unha mestura de dúas muiñeiras tradicionais extraídas do cancioneiro de Casto San Pedro. Na peza tamén intervén o acordeonista Víctor Prieto, afincado nos EE.UU. Cristina Pato xa ten actuado xunto a Yo-Yo Ma no Carnegie Hall dentro do proxecto Ruta da Seda de fusión musical entre Oriente e Occidente que o violoncellista impulsa e actuarán o vindeiro 24 de outubro ante a Asemblea das Nacións Unidas co tema deste novo traballo. O disco e DVD “Yo Yo Ma and Friends: Songs of Joy and Peace” sae á venda en EE.UU. o 14 de outubro (Sony BMG Masterworks, Starbucks) e entre os colaboradores están, ademais de Cristina Pato, a soprano Renee Fleming, Paquito d Rivera, Diana Krall, e Dave e Matt Brubeck entre outros.
O jazz e a maxia van da man en Jazzia
Xénero: | 3 / 10 / 2008
O músico Abe Rábade xúntase ao mago Kiko Pastur neste espectáculo que estrean este sábado, 4 de outubro, no Teatro Colón da Coruña e que logo levarán por Ourense (22 de outubro), Pontevedra (28 de outubro) e Lugo (3 de decembro). Jazzia reúne a estes dous talentos nun formato no que a música non actúa de simple acompañamento senón que fai parte da posta en escena e do resultado final, contribuíndo desde ambas artes a crear una atmosfera especial. Rábade achega composicións orixinais que cobren case todos os estilos do jazz contemporáneo. O seu disco máis recente é Open doors, editado este ano por Nuba + Karonte Records, que supón a segunda entrega da serie Ghu! Project iniciada en 2004. No novo disco a formación amplíase a septeto xunto a Perico Sambeat (saxo alto), Chris Kase (trompeta), Jesús Santandreu (saxo tenor), Alan Ferber (trombón), Nelson Cascais (contrabaixo) e Bruno Pedroso (batería). Open doors está concebido como unha obra unitaria en 8 partes. Os temas están enlazados por breves interludios (cada un deles interpretado por un solista diferente).
O Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá o Ciclo de Músicas Prohibidas
Xénero: | 1 / 10 / 2008
Pecados, Ciclo de Músicas Prohibidas, é a nova proposta musical que se desenvolverá en Pontevedra este outono. A proposta do Concello desenvolverase maioritariamente no Pazo da Cultura desta cidade, cos concertos de Tumani Diabaté (12 de outubro), Stereolab (21 de novembro) e The Residents (9 de decembro). Ademais, desde hoxe mesmo e ata mañá, o Dúo Dithyrambe interpretará por diferentes prazas da cidade as súas versións operísticas de temas punk, disco e pop contemporáneos. Para rematar, o ciclo propón para os días 4, 5, 11 e 12 de outubro un punto de intercambio de CDs no que os interesados poderán deixar os seus discos e recibir en troca un compacto que a organización promete "único".
A tradición televisada
Xénero: | 1 / 10 / 2008 + AUDIO
Dez da noite do mércores. Unha de cada cinco persoas que están a ollar a televisión en Galicia observa como canta unha señora entrada en anos ou como uns gaiteiros, tamén coa súa idade, interpretan vellas pezas musicais. Cunhas envexables cifras de audiencia, Alalá está a conseguir achegar a música tradicional aos máis novos e difunde o rico legado da nosa tradición. O director do programa, Senén Bernárdez, explícanos como se xerou este sorprendente éxito cando se celebra o Día Internacional da Música.
Música sacra inaugura na Catedral de Santiago a temporada da Real Filharmonía
Xénero: | 26 / 9 / 2008
A catedral de Santiago abrirá as súas portas esta noite (21:00 horas) para acoller unha das grandes citas da temporada: o concerto de apertura da temporada da Real Filharmonía de Galicia. O acto conta cun programa de música sacra de Mozart (Sinfonía número 33 e Misa en Do maior, kV337) e será dirixida por Antoni Ros Marbá, un especialista na execución das obras do compositor salzsburgués. A temporada conta con numerosas citas relevantes nas que destacan o concerto que compartirá coa Sinfónica de Galicia (30 de outubro) ou a visita do director David Atherton, xun to co pianista Paul Crossley nun monográfico a Igor Stravinsky (16 de outubro).
Luis Soto e Diego García promoven a creación dun repertorio musical galego para frauta e piano
Xénero: | 23 / 9 / 2008
ARTeria Noroeste achegará esta tarde (20:00 horas) un concerto de Luis Soto e Diego García cun programa moi particular: pezas de compositores galegos para piano e frauta. Non é máis que a punta do iceberg dun proxecto que leva o nome de Galicia 21 que pretende crear: primeiro, un repertorio galego para estes dous instrumentos; segundo, formar unha editorial que poida editar esas partituras para que, en terceiro lugar, poidan pasar ao currículo académico dos estudantes de música. Un proxecto ambicioso posto en macha Luis Soto e ao que se uniu Diego García nese afán por arquivar e manter o patrimonio musical galego.
O folk de Vic Chessnutt abre o venres o Outono Sinsal en Vigo
Xénero: | 17 / 9 / 2008
Será a partir deste venres, día no que os norteamericanos Vic Chesnutt e o grupo Elf Power protagonizarán no Centro Cultural Caixanova o primeiro dos concertos do Outono Sinsal, un dos festivais de música contemporánea máis atractivos de Galicia. O post-jazz de The Necks serán o vindeiro concerto, o sábado 25 de outubro, tamén no auditorio do Centro Cultural Caixanova. O festival rematará con dous concertos na pequena sala do Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO), de Pantaleimon e Lightning Bolt, o 24 de novembro.
O compositor Juan Durán explícanos o proceso de creación de O arame
Xénero: | 15 / 9 / 2008 + AUDIO
É a primeira ópera galega do século XXI. Estreouse esta fin de semana ante un público entre os que se atopaban expertos como Alberto Zedda (un dos directores máis coñecidos) ou a soprano Ainhoa Arteta que tiveron palabras eloxiosas para O arame. É a ópera da que Juan Durán fixo a composición musical e a Manuel Lourenzo, o libreto. Producida pola Asociación de Amigos da ópera, a soprano Carmen Durán e o barítono Javier Franco foron os encargados de converterse en Gloraia e Labarta nunha historia de amor e morte.
Galicia estreará stand propio no Womex baixo o selo Galician Tunes
Xénero: | 15 / 9 / 2008
Por primeira vez, a Xunta contará cun espazo propio no Womex, a principal feira do mundo no xénero World Music (música étnica, folk, de raiceira), e que se celebrará entre o 29 de outubro e o 2 de novembro en Sevilla. 16 empresas galegas participarán neste importante evento destinado a programadores, especialistas e empresas musicais e poderán empregar os servizos do stand, como zonas de xuntanzas ou un servizo de tradutores en inglés e francés. A Axencia Galega das Industrias Musicais (AGADIC) tamén organizará outras actividades de promoción, entre as que sobranceará unha noite galega, o sábado 1 de novembro, coas actuaicións de Narf, Mutenrohi e Xosé Manuel Budiño.


