Noticias
O retratista da música
Xénero: | 20 / 10 / 2008
Son imaxes que resumen un concerto. A fotografía de músicos en directo é unha especializade complicada, e non conta con moitos seguidores no noso país. No entanto, temos unha firma, Janite Fotografía, que está entre as máis destacadas do Estado. E coa sorte de que, ademais de acudir coma convidado a Benicássim ou de retratar en breve a AC/DC, traballa a miúdo con músicos galegos. Agora, presenta o seu primeiro libro cunha selección do seu traballo na sala viguesa La fábrica de chocolate club.
A expectación marca os concertos cos que Fuxan os ventos voltan ao escenario
Xénero: | 17 / 10 / 2008
Este sábado e domingo o Auditorio de Galicia vivirá un cheo espectacular nos dous concertos que ofrece, logo de vinte anos sen actuacións ao vivo, Fuxan os Ventos. Os nove membros do grupo estarán acompañados por nomes coma Guadi Gallego, Mercedes Peón, Xabier Díaz, Uxía ou Rodrigo Romaní entre outros. Unha selección do repertorio máis coñecido do grupo conforma o espectáculo Terra de Soños. Os membros do grupo xa anunciaron que non descartan facer novas actuacións no futuro.
Nouvelle Cuisine presenta o seu disco De memoria en formato CD ou camiseta con mp3
Xénero: | 14 / 10 / 2008
Despois dos éxitos como banda “maqueteira” no 2006 e da boa acollida do seu primeiro disco Autodictado (2007) a banda coruñesa Nouvelle Cuisine continúa o seu proceso de evolución, co seu segundo largo autoeditado, De memoria (2008). O disco, gravado nos Estudios Treboada, presenta unha ducia de cancións nas que os músicos “amosan todas as súas influenzas e exploran novos sons e entretecen capas de guitarras, voces e sintetizadores que se sosteñen sobre unha sólida base rítmica”. Buscando tamén a innovación no formato físico da obra De memoria preséntase ademais de no clásico formato CD, como “disco- camiseta”: unha camiseta ilustrada co logotipo do grupo que leva incorporado un dispositivo usb que inclúe, ademais do novo disco en formato mp3, o disco anterior e todas as súas maquetas, así como varias sorpresas dentro dunha carpeta de extras. O disco poderá adquirirse nas tendas Gong, Fnac e El Corte Inglés así como a través do sitio web do grupo.
Valladares celebra o XI Certame Internacional de Improvisación Oral
Xénero: | 14 / 10 / 2008
As actividades comezaron xa este domingo cunha sesión centrada na improvisación en formato rap que incluíu desafíos rimados entre participantes. No entanto, o XI Certame Internacional de Improvisación Oral de Valladares continúa aínda dúas fins de semana máis. O vindeiro domingo as xa tradicionais regueifas protagonizan o programa, con obradoiros e a presenza de rimadores galegos e dunha delegación cántabra. Para o día 26 preséntase como novidade a xornada dedicada improvisación poética, que presenta María Lado coa participación de Antía Otero, Xabier Cordal e mais o dúo Accidents Poliétics.
Fuxan os Ventos xa ten esgotadas as localidades para a súa volta ao escenario
Xénero: | 13 / 10 / 2008
A volta aos escenarios do grupo Fuxan os Ventos en dúas funcións únicas conseguiu levantar o entusiasmo entre o público. Proba diso é que a cinco días da primeira función o vindeiro sábado xa están esgotadas as entradas para os dous días, nun espazo con aforo para un milleiro de persoas por función. Segundo ven de comunicar a axencia de servizos culturais nonsí a venda anticipada a través de teléfono e de Internet, cun prezo de 20 euros a entrada xeral, colgou xa o cartaz de “non hai localidades dispoñibles” o que asegura un cheo total e dous milleiros de espectadores para o espectáculo Terra de Soños.
A revista de rock dos Países Cataláns distribuirá un CD de música galega actual
Xénero: | 13 / 10 / 2008
O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, e o Roger Palà, xefe de redacción de Enderrock, revista de rock dos Países Cataláns, presentaron o pasado venres no Centro Galego de Barcelona o disco GZ Pop! encartado no número de outubro desta publicación catalá. Baixo o epígrafe "A nova fornada de pop en galego", o disco reúne a 18 artistas como exemplo da calidade das bandas galegas así como do amplo abano de estilos que interpretan. Os grupos escollidos para esta recompilación son: Loretta Martín, The Homens, Capitán Furilo, Lamatumbá, Víctor Aneiros, Nao, Som do Galpón, Dios Ke Te Crew, Mencer Vermello, Zënzar, Ruxe Ruxe, Galegoz, Safari Orquestra, O Sonoro Maxín, Ataque Escampe, Narf, Projecto Mourente e Fanny + Alexander. A publicación inclúe un suplemento escrito polo xornalista e músico David Vázquez dedicado á nova xeración de músicos galegos, no que se fai unha breve introdución sobre cada un dos grupos escollidos, así como unha evolución do pop-rock en galego dende os anos oitenta á actualidade, rematando na xeración plasmada no disco GZ Pop!
O Mc vigués Pániko sae a tomar as rúas co seu primeiro disco en solitario
Xénero: | 10 / 10 / 2008
Na escena hip-hop do país preséntase estes días o primeiro disco en solitario de Juan Rafael Díez “Pániko” , o Mc de Vigo que xa formara parte a mediados dos noventa do grupo La Familia xunto a outros como El Puto Coke ou El Pillo Astuto. O disco Pániko en las calles é tamén a primeira produción discográfica editada integramente por Renegade Prods, selo do francés afincado en Galicia Alain Mani, “Albendy”. Neste disco que xa pode atoparse nas tendas viguesas e mercarse a través de iTunes e Nimbit, Pániko presenta quince cortes de rimas contundentes e profundas contando coas colaboracións de djs como Dj Anthony, Dj Limbo, ou Dj Jooz e mcs como El Pillo Astuto, Drama, Xoco Suizo, Rass Canelow. O disco do veterano rapeiro comezará a escoitarse en directo este sábado na Sala Universidad de Ponferrada e o día 18 no Fifty Fifty Club de Pontevedra.
A Rede de Música ao Vivo intercambia grupos cun circuíto portugués
Xénero: | 10 / 10 / 2008
Cinco grupos galegos que participan na Rede de Música ao Vivo e seis conxuntos portuguesas do circuíto OuTonalidades cruzarán a raia para ofertar un total de 36 concertos. Un convenio entre a Axencia Galega de Industrias Culturais e a Associação Cultural D´Orfeu permitirá este intercambio musical. Pola banda portugesa achegaranse a Galicia João Gentil e Luis Formiga, Mú, Q. Sofia Ribeiro, Rui Pedro, Toques do Caramulo e Uxu Kalhus, mentres que os galegos que visitarán portugal serán Bukowski Blues Trío, Carlos López Quartet, Moondogs Blues Party, Niño & Pistola e A Tuna Rastafari.
La Fábrica de Chocolate Club presenta a súa primeira memoria visual
Xénero: | 9 / 10 / 2008 + IMAXES
Setenta páxinas de imaxes tomadas por un dos mellores fotógrafos especializados en música, Janite Lafuente, enchen de música a primeira memoria visual de La Fábrica de Chocolate Club que se presenta este venres a medianoite. En só tres anos de vida a sala viguesa xa leva acollido numerosos concertos e polo seu escenario pasaron músicos e grupos dos mais valorados na escena nacional e internacional, xunto coas bandas galegas emerxentes. Artistas como Elliot Murphy, Marky Ramone,Deluxe,Sex Museum,The Posies ou Elodio y los Seres queridos entre outros moitos foron retratados en directo por Janite e agora parecen nas páxinas deste libro que se presentará e agasallará aos asistentes este venres á noite. Janite é o fotógrafo oficial do club e ten presentado numerosas exposicións co seu traballo gráfico arredor do mundo da música, coñecido tamén polas fotografías promocionais de grupos galegos, formou parte da cobertura gráfica do Festival de Benicássim.
Holywater presenta Tranquility ante o seu público
Xénero: | 8 / 10 / 2008
Cun concerto este xoves dentro do programa das Festas de San Froilán a banda Holywater presenta na súa cidade o terceiro disco da súa carreira Tranquility (Astro records) que ven de saír á rúa fai poucos días. Catro anos despois do álbum Sides o cuarteto pop presenta un novo traballo co que xa comezan unha xira española de presentación este mesmo mes. En Tranquility a banda colle a iniciativa da produción musical coa axuda de Pancho Suárez e busca un son que sexa moi aproximado ao seu directo. No tempo transcorrido desde a gravación do disco nos estudios Areamaster de Vigo no 2007 ata a súa saída ao mercado Holywater pasou por un cambio na formación xa que o baixista Diego castro abandonou o grupo en marzo deste ano sendo substituído por Khatru que será o que o defenda nos concertos.


