Noticias
Os profesores de Música Tradicional analizarán a presenza desta materia no ensino
Xénero: | 28 / 10 / 2008
A presenza da música tradicional no ensino obrigatorio é un dos eixes do III Congreso de Ensinantes de Música Tradicional, que comeza o vindeiro venres 31 de outubro no Auditorio de Galicia. Segundo explicaba esta mañá na presentación do evento Olimpio Xiráldez, da Asociación de Gaiteiros Galegos "esta materia non se toca no esnino regrado, é unha eiva grande". Canda a esta cuestión, o evento analizará a presenza da nosa tradición sonora nos conservatorios e iniciativas coma as escolas de música tradicional. Segundo adiantou a Asociación de Gaiteiros, que organiza o congreso, hai apuntadas ao mesmo 280 persoas e unha lista de agarda que supera tamén os 200 interesados. A respecto de anteriores edicións, incrementouse o número de obradoiros para ensinantes, que teñen un grande éxito segundo os organizadores.
A Sinfónica de Galicia escolle un programa variado para o Festiclass
Xénero: | 28 / 10 / 2008
Comezou o ano pasado coa intención de rachar cos tópicos habituais da música clásica (que non se entende, que é cara, e as dificultades para poder asistir aos concertos). O resultado foi Festiclass, un programa que ofrece cinco concertos a prezos de entre catro e doce euros, con explicacións e descargas no sitio web e con transporte para os que vivan na área metropolitana da Coruña. Se o ano pasado se apostara por interpretar a Beethoven con gran éxito de público, este ano a Sinfónica de Galicia repite iniciativa con algún pequeno cambio. Cambia o monográfico por un programa variado con pezas de Sibelius, Mahler, Falla, Mendelssohn e Joaquín Rodrigo. A venda de abonos producirase do 5 ao 22 de novembro, mentres que as entradas comezarán a venderse de xeito individual a partir do 25 de novembro.
A Orquesta Olympus superará os seus límites nun espectáculo de máis de vinte e catro horas
Xénero: | 28 / 10 / 2008
A Orquesta Olympus volverá a subirse ao escenario por segundo ano consecutivo coa intención de superar a marca Guinness mundial que eles mesmos estableceron o pasado ano de vinte e catro horas de actuación musical ininterrompida. Milleiros de persoas volverán encher ás rúas da localidade para animar aos artistas, o cal precisou una serie de preparativos por parte da organización con zona de acampada, carpas, servizos, aparcamento, plan de tráfico e seguridade, etc. O espectáculo Un millón de fiestas contará con máis de 65.000 vatios de son e catro pantallas xigantes de vídeo e está prevista a actuación de artistas convidados como Cómplices, Astarot, Toñito de Poi e Rasa Loba, Sabela, Eva Carreras e Sito Mariño entre outros. Na media noite do día 31 de outubro, venres, comezará a soar a música que xa non parará ata superar as 24 horas da anterior marca. A hostalaría da vila tamén terá horarios excepcionais de 25 horas durante esta fin de semana.
Preséntase o programa do festival de cultura urbana Microfest
Xénero: | 27 / 10 / 2008
NACH e Morodo desde España, os galegos Os Trasnos de Moscoso e Sucias Ratas, Djs, sesións de graffiti e baile e exhibicións de monopatíns ou bicicletas son algunhas das propostas que fai o VI Microfest. Este festival de cultura urbana celebrarase no Pabillón Multiusos do Sar, en Compostela o 22 de novembro. No mesmo evento celebrarase a final do certame de graffiti GZ Crea.
O Museo de Lugo acolle unha actuación de música experimental
Xénero: | 23 / 10 / 2008
Leucochloridium é un grupo de música experimental lugués que, segundo explican, queren "infectar o cerebro" do espectador "para chegar ao seu subconsciente". Esta tarde e mañá, ás oito e media da tarde, o Museo Provincial de Lugo acolle a actuación Doenza II - Acción sonora na que este colectivo, formado por Fabio Lucas, Ricardo Cuadrado e o Mestre Rulos amosará o seu traballo en directo. A actuación gravarase para unha posterior edición en DVD.
A OSG dedicará o 2009 a lembrar a obra do compositor Andrés Gaos
Xénero: | 22 / 10 / 2008
A obra do compositor e violinista coruñés Andrés Gaos (1874-1959) soará máis que nunca durante o 2009 na programación da Orquestra Sinfónica de Galicia. Pola efeméride do cincuentenario do falecemento do compositor o ano que ven será o “ano Gaos” e a OSG programará obras sinfónicas, camerísticas e mesmo una ópera inédita, Amor vedado, composta na etapa arxentina do músico en 1915. O director da OSG, Víctor Pablo Pérez, fixo este anuncio ao confirmar a renovación do seu contrato para seguir ao fronte da orquestra durante outros tres anos. As sopranos Laura Alonso e Teresa Novoa actuarán na versión de concerto da ópera A Valquiria, de Richard Wagner, coa que o sábado 25 de outubro, ás 19 horas, dará comezo a nova tempada de abono.
Importa Santiago D.C. quere situar a cidade no panorama da música independente
Xénero: | 21 / 10 / 2008
A Sala Capitol quere facerse un oco no panorama da música independente. Para iso, co apoio do Concello de Santiago presenta dous concertos que concentran a filosofía a seguir: grupos de renome no panorama independente e unha programación estable. Deus (23 de outubro) e Gogol Bordello(11 de decembro) son un anticipo de Importa Santiago D.C., o ciclo que se estreará no 2009 e que pretende converterse nunha referencia para a música independente con concertos de pequeno formato. O apoio do Concello de Santiago permitirá, ademais de custear parte do elevado caché destas formacións, abaratar o prezo das entradas.
Dezasete empresas e os festivais galegos representarán a nosa música no Womex
Xénero: | 20 / 10 / 2008
Galicia contará cunha presenza especial na vindeira edición do festival Womex, que se celebra en Sevilla entre o 29 de outubro e o 2 de novembro en Sevilla, logo de ser designado País Focus pola organización. A Consellaría de Cultura presentaba esta mañá a delegación que acudirá a este encontro, centrado nas músicas do mundo e de raíz. Dezasete empresas do sector discográfico galego coma Abada, Edicións do Cumio, Ouvirmos ou La Fábrica de Chocolate participarán baixo o selo Galician Tunes. Ademais, A Consellaría presentará a publicación Galicia festivals na que recolle as principais citas de música ao vivo que existen no noso país coma Ortigueira, Cantos na Maré, o Festival Mozart ou Via Stellae entre moitas outras.
O retratista da música
Xénero: | 20 / 10 / 2008
Son imaxes que resumen un concerto. A fotografía de músicos en directo é unha especializade complicada, e non conta con moitos seguidores no noso país. No entanto, temos unha firma, Janite Fotografía, que está entre as máis destacadas do Estado. E coa sorte de que, ademais de acudir coma convidado a Benicássim ou de retratar en breve a AC/DC, traballa a miúdo con músicos galegos. Agora, presenta o seu primeiro libro cunha selección do seu traballo na sala viguesa La fábrica de chocolate club.
A expectación marca os concertos cos que Fuxan os ventos voltan ao escenario
Xénero: | 17 / 10 / 2008
Este sábado e domingo o Auditorio de Galicia vivirá un cheo espectacular nos dous concertos que ofrece, logo de vinte anos sen actuacións ao vivo, Fuxan os Ventos. Os nove membros do grupo estarán acompañados por nomes coma Guadi Gallego, Mercedes Peón, Xabier Díaz, Uxía ou Rodrigo Romaní entre outros. Unha selección do repertorio máis coñecido do grupo conforma o espectáculo Terra de Soños. Os membros do grupo xa anunciaron que non descartan facer novas actuacións no futuro.


