Noticias
Trece finalistas compiten polos Premios Opinión de música folk
Xénero: | 17 / 2 / 2012
As tres categorías dos Premios Opinión de música folk, mellor tema, mellores artistas e mellor disco, contan este ano con trece aspirantes. Os galardóns inauguran nesta XI Edición unha nova fórmula, pola que os gañadores só se coñeceran no transcurso da gala de entrega que se celebrará o vindeiro mes de maio. Malia a que estaba previsto que houbese catro finalistas por categoría, un empate nas votacións deu en que finalmente haxa cinco candidatos a mellor tema.
Iago Fernández debuta con Agromando
Xénero: | 15 / 2 / 2012
Da man de Freecode Jazzrecords chega ás tendas Agromando, primeiro disco do batería cangués Iago Fernández. O proxecto achega dez cortes de jazz contemporáneo, mesturado con diferentes influencias, dos cales sete son da autoría deste músico e outros tres versións Radiohead ou Djaván. Canda a el, participan no proxecto Demian Caboud, Xan Campos, André Fernandes, Virxilio da Silva, Zé Pedro, João Mortágua e mais Baptiste Techer. A obra gravouse e masterizouse nos Boom Studios de Vila Nova de Gaia o pasado mes de xuño
La Casa de Arriba celebra o seu XIIIº aniversario ofrecendo concertos
Xénero: | 13 / 2 / 2012
Nun momento no que son moitas as salas de concertos e espectáculos que están a pechar chega desde Vigo a boa nova dun local emblemático que celebra o seu décimo terceiro aniversario. A “cervexería pop” La Casa de Arriba (MartinCodax, 23) leva desde o ano 1999 programando música en directo na cidade olívica. Polo local pasaron importantes músicos da escena independente e pop mesmo de nivel internacional e tamén foron moitas as bandas e artistas do país que nos seus inicios levaron alí os seus directos como Eladio y los Seres Queridos, Trem Fantasma, La Familia ou Niño y Pistola, que alí mesmo asinaron o seu primeiro contrato discográfico como informa o webzine independente Desconcierto. Para celebrar o aniversario La Casa de Arriba programou case vinte de actuacións tanto nacionais como internacionais durante os meses de febreiro e marzo repartidos coa Sala Playmobil, do mesmo dono. Un programa difundido cun atípico cartel para un local de pop no que o deseñador gráfico e ilustrador Roberto Argüelles homenaxea a Isaac Díaz Pardo cuns trazos semellantes a Luís Seoane. Argüelles ten no seu haber o Primeiro premio na Bienal de Caricatura de Ourense en 2002, primeiros premios en 2000 e 2002 do Salón do Cómic de Cangas e primeiro premio do Certame de Cómic de Arteixo.
Vilagarcía acollerá a III Mostra Musical do Eixo Atlántico
Xénero: | 10 / 2 / 2012
Coa intención de favorecer o intercambio entre intérpretes musicais de Galicia e Portugal, Vilagarcía asume a organización da III Mostra Musical do Eixo Atlántico. A reponsable de Educación do Concello presentaba onte a nova edición deste evento, que contará coa presenza xa confirmada de músicos de catorce entidades locais desta organización. Na última edición reuníronse arredor de douscentos participantes, e prevese un incremento na participación.
Isi Vaamonde Band lanza o seu primeiro disco
Xénero: | 7 / 2 / 2012
Engadindo un Band ao seu nome, o músico cambadés afincado en Madrid Isi Vaamonde presenta o seu primeiro disco, Live in heartland. A obra gravouse nos estudios Abrigueiro de Guimarei coa banda a tocar ao vivo e foi autoproducido polo galego. Na liña dos seus anteriores EPs, Vaamonde mantén a súa aposta polo folk-rock americano con letras en inglés, e achega 12 temas habituais do seu repertorio, mesturando composicións orixinais con dúas versións de David Bowie (Heroes) e mais Inmaculate Fools (Wish you were here). Canda a Vaamonde, participan no proxecto Jesús Parra, Edu Pulpillo, Gonzalo Peñalosa, Jaime Caro e Volker Ledwig. A obra, autoeditada, está á venda por dez euros.
Aprender e cantar
Xénero: | 7 / 2 / 2012
Nos últimos anos están a se multiplicar as obras de carácter didáctico que se achegan á nosa música tradicional. Dentro desta liña, acaba de saír do prelo Para cantar veño eu. Unha viaxe pola cultura musical galega da man dos Chichisos. Como peculiariades, presenta a aposta por seguir o itinerario dunha asociación como fío condutos e atender a partes pouco difundidas da nosa tradición.
A Sinfónica de Melide celebra os seus 18 anos cunha publicación
Xénero: | 6 / 2 / 2012
Nun municipio con 8.000 habitantes, co único apoio do concello e vencellado a un conservatorio, Fernando Vázquez Arias asumiu o reto de crear a Orquestra Sinfónica de Melide. A formación cumpre neste 2012 a súa maioría de idade. Son 18 anos de traxectoria que recolle unha publicación coa que se pretende documentar a súa evolución. Neste tempo, a formación desenvolveu proxectos como o musical “Gallaecia” ou “Grandes coros de ópera”, entre outras propostas.
Cos ollos nos cantares de cego
Xénero: | 6 / 2 / 2012
Non hai tantos anos a figura do cego a cantar os seus romances e historias de crimes e sucedidos era imprescindible en canta romaría houbese no noso país. Coa mudanza de costumes, perdeuse este oficio, e o singular repertorio vencellado a el quedou restrinxido á memoria popular e a uns poucos proxectos de investigación. Agora, varias iniciativas reivindican e actualizan este legado, ao tempo que a rede achega posibilidades inéditas de se achegar a el.
Cristina Pato coordina un encontro formativo de carácter internacional no ámbito da música
Xénero: | 3 / 2 / 2012
Un equipo de profesorado de luxo (de Chucho Valdés a Guadi Galego, pasando por Wu Tong) coordinado por Cristina Pato. O formato do Galician Connection é de clases prácticas, encontros “cara a cara”, foros e debates participativos e un concerto de clausura no Museo de Galicia. A proposta foi presentada hoxe na Cidade da Cultura, lugar no que se desenvolverá o programa do 11 ao 13.
Quiosco: Sons da Galiza 20
Xénero: | 3 / 2 / 2012
Acaba de subir á rede o número 20 da revista dixital Sons da Galiza. A publicación dedícalle a súa capa á caboverdiana Mayra Andrade, que nos visitou no último Cantos na Maré e mais ao grupo Banda Baile Asalto, que chega desde Pontevedra co seu "folk fresco". Canda a isto, achégase unha mostra da exposición fotográfica Mans de Óscar Martínez, que amosa esa parte da anatomía de diferentes músicos do país en Vigo. Canda a isto, Sergio Lago, director do Culturgal, valora a última edición da da feira, repásanse as últimas novidades discográficas e faise unha panorámica do sector musical do país na forma de noticias breves.


