Noticias
Let the Old Times Roll marca o retorno de Miki Nervio & The Bluesmakers
Xénero: | 2 / 8 / 2013
Dezaseis temas de autores clásicos como Muddy Water, Ray Charles, Bo Carter ou mesmo Bob Dylan, cando algún da tradición sureña compoñen o quinto disco de Miki Nervio & The Bluesmakers. Let the Old Times Roll está xa á venda e amosa o interese da banda por afondar no blues acústico máis puro. Harmónicas, táboas de lavar, contrabaixo, batería kazoo e guitarras mestúranse conseguindo recrear o son do Mississipi.
O Festival de Pardiñas homenaxea a Díaz Castro
Xénero: | 1 / 8 / 2013
Os Minhotos, Susana Seivane, Coanhadeira ou Dios ke te Crew son algúns dos grupo que compoñen o cartel da 34 edición do Festival de Pardiñas, que arrinca mañá nesta localidade de Guitiriz. O clásico encontro adquire esta xeira un especial significado pola dedicatoria a Xosé María Díaz Castro co Día das Letras Galegas de 2014. Así, a asociación Xermolos, que organiza a cita, lembrará a figura deste poeta, ademais de artellar unha homenaxe a Xosé Seivane, pregoeiro da primeira mostra de artesanía que se celebrou no seo o Festival. Como novidade, o vindeiro sábado celebrarase por vez primeira en Guitiriz un encontro de Cantos de Taberna, que se suma a propostas habituais como a mostra de instrumentos de música tradicional, a de artesanía ou a carreira popular.
Najla Shami canta a Rosalía
Xénero: | 1 / 8 / 2013
A feira do libro da Coruña acolle o vindeiro mércores 7 de agosto a presentación de Na lingua que eu falo. A editorial Galaxia acaba de publicar este libro-disco con fotografías de Ainoa Calvo no que Najla Shami interpretapoemas da poeta que complementa con temas propios de ar rosaliano. En total son sete textos musicados pola música, dúas cancións novas a e unha revisión de Negra sombra. O proxecto conta con colaboracións de Pedro Pascual, Sérgio Tannus, Narci Rodríguez e Héctor Lorenzo e mais Xurxo Nóvoa Martins nas letras.
As músicas que nacen (IV): O Grove
Xénero: | 29 / 7 / 2013
O Grove, esa pequena península na comarca do Salnés, ten tanta importancia no panorama musical actual galego que merece mención especial dentro desta serie de reportaxes, pese a non ser unha cidade. E é que desta zona do sur de Galicia saen propostas realmente interesantes e diferentes. Foi no Grove onde o trío de pop Nadadora deron os primeiros pasos co seu álbum “Aventuras dentro de cajas”, un dos traballos que situaron á música galega dentro do panorama de pop independente a nivel estatal (xunto con "El artista adolescente" de Dar Ful Ful e "Todo Sigue Intacto" de Apeiron), “chamando así a atención de que aquí estábanse a realizar cousas interesantes”, segundo apunta Javier Becerra do blog Retroalimentación.
Esquíos publica para libre descarga Porcocan
Xénero: | 24 / 7 / 2013
O grupo de punk-rock Esquíos acaba de publicar no seu web unha ligazón para descargar de balde Porcocán, o seu último traballo. Con esta acción, o conxunto pretende homenaxear a Miguel Ángel Castro, o seu vocalista, que faleceu a finais do pasado mes de xuño en plena xira de promoción deste traballo. Segundo explican no web, aínda que non tiñan pensado pór o volume en libre descarga "o que máis queremos é que o traballazo que fixo Moro no mesmo chegue a máxima xente posible".
Astarot celebra os seus 30 anos con Séptimo pecado
Xénero: | 22 / 7 / 2013
Once composicións de Carlos Gandón e mais catro versións de temas galegos como Xirarei, O tren ou Adeus ríos, adeus fontes compoñen o novo disco de Astarot. O grupo do Morrazo celebra os seus trinta anos con Séptimo pecado un volume no que alterna galego e castelán e onde os temas propios collen protagonismo. Gravado nos Estudios Musitrón de Madrid, o álbum conta coas colaboracións de Rosa Cedrón e Joaquín Padilla. O grupo está a desenvolver este verán a xira de presentación, que os levará a Ribeira (24 de xullo), Cesantes (26), Poio (27) ou Sada (14 de agosto) entre outras datas.
As músicas que nacen (III): Pontevedra
Xénero: | 22 / 7 / 2013
A provincia de Pontevedra alberga unha gran cantidade de artistas censados nas súas terras, mais a propia capital é berce dalgunha das formacións máis pintorescas da comunidade. Para Tito Lesende, coordinador da SGAE en Galicia, Pontevedra é un dos focos de actividade musical en Galicia, “tanto para concertos de gran formato como para eventos máis pequenos en salas”, sendo a Sala Karma a máis referenciada.
Nouvelle Cuisine lanza a segunda parte de Mientras tanto
Xénero: | 19 / 7 / 2013
Tal e como prometeran, Nouvelle Cuisine acaba de sacar a luz a segunda parte do seu disco Mientras tanto. Co epígrafe Colección primavera/verano, o grupo coruñés lanza seis novos temas que completan os que presentara en Mientras tanto (Colección otoño/invierno) o pasado inverno. O álbum foi gravado nos en ad hoc e masterizado nos estudios Nexo 101. O grupo aproveitou o Festival Microscópico da Coruña para dar a coñecer os temas do novo traballo o pasado doce de xullo e continúa agora a xira de presentación.
Chega Chotokoeu
Xénero: | 18 / 7 / 2013
Logo de cinco anos de levar a súa festa por escenarios de todo o país, Chotokoeu entrou no estudio para facer o seu primeiro álbum, que o grupo bautiza co seu propio nome. Chotokoeu achega unha mestura de estilos en dezaseis temas en galego e castelán que inclúen rumba, reggae, ska, drum&dass ou dubstep. O lanzamento do disco foi posible grazas a unha exitosa campaña de crowdfunding que permitiu reunir máis de 3.300 euros para o lanzamento. O disco está dispoñible íntegro en SoundCloud para a súa escoita.
Os profesionais da cultura denuncian por contratacións
Xénero: | 16 / 7 / 2013
A Asociación Galega de Empresas Musicais acaba de emitir un comunicado denunciando a contratación de artistas foráneos. En concreto é a contratación de Melendi por segunda vez en cinco meses para actuar as festas de Vigo a situación que denuncia este colectivo. Segundo sinalan desde AGEM "non resulta comprensible que nun momento de escaseza de recursos económicos das distintas administracións e da sociedade en xeral, ó Concello aposte pola repetición con recursos públicos dun mesmo espectáculo", e lembra a importancia de Vigo como motor da música galega.


