As músicas que nacen (IV): O Grove
xullo 29, 2013
O Grove, esa pequena península na comarca do Salnés, ten tanta importancia no panorama musical actual galego que merece mención especial dentro desta serie de reportaxes, pese a non ser unha cidade. E é que desta zona do sur de Galicia saen propostas realmente interesantes e diferentes. Foi no Grove onde o trío de pop Nadadora deron os primeiros pasos co seu álbum “Aventuras dentro de cajas”, un dos traballos que situaron á música galega dentro do panorama de pop independente a nivel estatal (xunto con "El artista adolescente" de Dar Ful Ful e "Todo Sigue Intacto" de Apeiron), “chamando así a atención de que aquí estábanse a realizar cousas interesantes”, segundo apunta Javier Becerra do blog Retroalimentación.
E tanto que así era, xa que estes comezos remóntanse ó 2005, ano no que nacía The Phantom Keys, banda que despois de moitos cambios na súa formación segue a estar en pé, non podendo dicir o mesmo de Nadadora, que veñen de separarse a finais de 2012. The Phantom Keys apostan polo estilo clásico: “un grupo garage con corazón sixtie que se achega ó blues”. Marky, voz principal da banda, sinala o seu público como “minoritario e especializado”, tanto dentro como fóra das fronteiras galegas, “aínda que a escea é suficientemente solvente como para permitirnos saír a tocar por Europa de vez en cando”, afirma. Aínda así, o seu impacto internacional é realmente importante, tendo presenza en recopilatorios e soando nos principais festivais garaxe europeos como o Primitive Fest holandés.
O Grove e o blues
The Phantom Keys están moi relacionados con outra das formacións destacables da zona grovense: The Allnight Workers. Aparte de compartir guitarrista, Roi Fontoira, tamén comparten o seu tributo ó blues, aínda que estes últimos cun son moito máis sofisticado que se inclina hacia o R&B e swing. Son unha das formacións con máis personalidade do panorama actual e a súa carreira pode dar vertiginaxe. Fórmanse en 2010 e ese mesmo ano viaxan a Berlín a grabar o seu primeiro álbum “This Only Happens Once”, un título que “pode” aludir ó momento que estaban a vivir, segundo explica Roi Fontoira.
Pero a relación entre ambas bandas vai máis alá do blues xa que comparten tamén o gusto polas grabacións analóxicas. Esta preferencia vese con frecuencia entre as bandas galegas posto que unha gran parte delas teñen editado os seus discos en vinilo ou teñen empregado métodos de grabación que pretenden rescatar o son analóxico tan pisado polo dixital. Ademais, tanto The Allnight Workers como The Phantom Keys recollen nos seus traballos o son en directo, como apunta Roi
Fontoira, membro de ambas bandas: “Os nosos discos están gravados e mezclados en directo, nunha vella máquina de cinta de 2 pistas”.
¿Escea musical?
En xeral, “todas as bandas da zona teñen unha relación moi estreita”, segundo explica Marky, voz de The Phantom Keys, aínda que iso non chega, evidentemente, para poder falar dunha escea musical no Grove. Para poder denominala así, as formacións deberían compartir rasgos musicais comúns e isto non é a realidade. Aínda así, a tradición musical que existe na zona é un feito e bares musicais como Metropol, ou o extinto Vinilo, ata salas como o Náutico ou Twist&Shout amosan unha actividade moi rica. Sobre este último, as bandas da zona afirman que estase a converter no local de referencia para escoitar a bandas emerxentes galegas e estatais.
Diferentes estilos
Outra das bandas emerxentes nas que a crítica ten postas esperanzas son Telephones Rouges, os cales optan por vías musicais ben diferentes das dos grupos mencionados anteriormente. Definidos como “unha bofetada ó ruído” nos seus comezos, aló polo 2007, Telephones Rouges evolucionan agora hacia un son moito máis traballado no seu último traballo “Disenso”. Se hai que buscarlles un xénero, Rubén Rodríguez, guitarrista e teclados, explica que “moitos dos temas están emparentados co punk e derivados”. Ademais das diferenzas musicais cas anteriores, esta formación conta con outra característica distinta: as letras dos seus temas están en galego.
E isto é un feito pouco extendido entre as novas formacións galegas, posto que na música que se está a facer predomina o castelán e o inglés (quizais en porcentaxes moi similares). Ante isto, Rubén Rodríguez reivindica a creación en galego: “Cantar en galego tería que ser unha cuestión de normalidade lingüística, cousa que nunca se cumpriu polo asedio incesante dos que queren enterrar a nosa lingua dende os despachos e a ignorancia”.