Ir ao contido directamente.


Noticias

Os John Deeres volven cun disco conceptual

Xénero: Rock | 30 / 12 / 2024

circulo_formigas_john_deere.jpg

Dous temas, divididos en catro partes cada un , un total de oito cortes musicais que conforman o novo disco dos estradenses Os John Deeres- O primeiro disco longo en sete anos e o cuarto do seu percorrido. 'O círculo das formigas', que así se titula este novo álbum do quinteto, supón unha notable evolución en canto aos conceptos e aos sons que manexaba a banda nos seus anteriores traballos. Preséntase como un disco conceptual, case como dous discos, xa que o álbum divídese en dúas partes, Pulso e Inercia, con catro movementos cada una, que incluso de poderían escoitar como dous traballos distintos, aseguran desde a banda.

Pakolas presenta 'Ecoralia, a lambona ecolóxica'

Xénero: Infantil | 23 / 12 / 2024

imaxe non dispoñible

"Ecoralia, a lambona ecolóxica" é o novo traballo musical de Paco Cerdeira, Pakolas, unha das figuras máis recoñecibles do rock para a cativada da escena musical galega como parte de mama Cabra ou de A Gramola Gominola. Este traballo, que é o seu cuarto álbum en solitario, chega promovido polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) e presentouse o pasado día 13 de decembro no Auditorio Gustavo freire de Lugo ante escolares da cidade. A través dunha historia entretida e fermosa e da súa música rockeira, con Ecoralia como personaxe principal, os máis pequenos coñecerán a importancia de consumir alimentos ecolóxicos certificados, para coidar tanto da nosa propia saúde como da contorna que nos rodea. Este novo álbum musical contén seis novas cancións de Pakolas e tamén un conto, con ilustracións de Laura Romero, e a súa edición en formato libro físico será distribuída gratuitamente nalgunhas das bibliotecas de Galicia e tamén entre colexios. Ademais desta versión no formato editado, está dispoñible para o público xeral de xeito dixital dende a páxina web do Craega, con descarga do Libro en formato PDF, as cancións en formato MP3 e as Unidades didácticas.

Ailá presenta Tradimensional, o seu terceiro álbum

Xénero: Folk | 19 / 12 / 2024

aila_tradimensional_disco.jpg

Un concerto este quince de decembro na compostelá Sala Capitol presentaba ao vivo o terceiro traballo de Ailá. O grupo lanza Tradimensional a manter a súa aposta pola música de raíz bailable e a incorporar por vez primeira letras propias ás pezas tradicionais que conforman o groso do seu repertorio.

O VII Compostela Lírica bate marcas de participación

Xénero: Clásica/Lírica | 5 / 12 / 2024

imaxe non dispoñible

O Auditorio de Galicia, en Santiago, acolle entre os días 6 e 7 de decembro a fase final do VII concurso de canto Compostela Lírica. O certame que organiza a Asociación de Amigos da Ópera da capital galega bateu nesta xeira a súa marca de participación, ao contar con 85 intérpretes inscritos de 24 países diferentes.

Muxía acolle o renacido festival Comarea

Xénero: Miscelánea | 5 / 12 / 2024

imaxe non dispoñible

A ampliar o seu foco a novos estilos, Muxía acolle un renacido festival Comarea, que traslada a súa celebración do verán ao final de outono. Entre o 6 e o 8 de decembro, o camping Lago Mar desta localidade centraliza as actuacións deste encontro, que chega así á sexta edición. O festival que organiza o colectivo Horta Creativa celebrara as súas anteriores xeiras entre 2015 e 2019.

A IX Foliada da Fonsagrada lembra a Herminio Villaverde

Xénero: Folk | 4 / 12 / 2024

imaxe non dispoñible

Este 5 de decembro comeza a novena edición da Foliada da Fonsagrada. Esta cita de música tradicional, considerada unha das máis importantes do país, desenvólvese ata o día 9 neste concello da montaña de Lugo cun nutrido programa de actividades.

Carme López fai unha homenaxe contemporánea ás informantes da música de tradición oral

Xénero: Folk | 3 / 12 / 2024

carmela_vindetodas.jpg

Carmela é o nome do proxecto centrado na música de tradición oral da artista Carme López, baixo o que ven de presentar o disco 'Vinde todas'. Carme, intérprete e docente na ETRAD de Vigo, recibiu neste 2024 o Premio Martín Codax de Música Contemporánea grazas ao seu proxecto 'Quintela' , a primeira obra de música experimental para gaita. En 'Vinde todas' e como Carmela, asenta este proxecto sobre dous piares fundamentais, a perspectiva de xénero e a investigación etnográfica, os cales toman como eixo principal as informantes, aquelas mulleres que achegan músicas e informacións arredor da tradición oral. Cada unha das cancións leva o nome da ou das mulleres de referencia, algunhas xa desaparecidas, no proceso de aprendizaxe das melodías, ademais de iniciar e pechar o disco cadansúa gravación de campo, as que reflicten o propio proceso de investigación etnomusicolóxica. O disco traza unha liña entre o seu primeiro tema e o último que vai das cantareiras informantes xa desaparecidas de Moscoso ás Pandereteiras de Toutón, mantedoras da tradición.

A Fundación Legar abre o seu centro de instrumentos musicais

Xénero: Folk | 27 / 11 / 2024

imaxe non dispoñible

Este 24 de novembro abría as súas portas na aldea da Seara, no Concello de Quiroga, o centro que acolle a colección de instrumentos de Xavier Blanco. Este proxecto da Fundación Legar, creada por Blanco e a súa dona, Martina Ferradás, é o resultado das catro décadas de investigación do músico, especialista nos chamados instrumentos pobres ou primixenios, que contaban con pouca elaboración e aproveitaban os materiais e ferramentas dispoñibles na sociedade tradicional.

Hugo Guezeta presenta o seu disco en solitario

Xénero: Hip-Hop | 22 / 11 / 2024

O-noso-tempo-cover.jpg

O primeiro disco en solitario de Hugo Guezeta, 'O Noso Tempo', comeza desde a loita contra a depresión como unha declaración de intencións dunha rexeneración curadora, para pasar rapidamente o rimador a tomar altura e amosar a súa faceta máis reivindicativa e contestataria, a súa rebeldía indomable lanza frases lapidarias con destinatarios con nomes e apelidos sen pudor e crítica social. Malia non ser un traballo conceptual a escoita continua ofrécese como "unha viaxe ao longo dun día, dende o espertar ao sono da noite, pasando polo mediodía". O álbum preséntase como "un berro a toda unha xeración que vive sumida nun estado de letargo, e á que apela directamente mediante as súas letras para rachar con eses bloqueos que nos impiden avanzar como sociedade e 'espertar'".

Catuxa Salom presenta o seu primeiro traballo longo 'Cāldo'

Xénero: Fusión | 21 / 11 / 2024

Portada Caldo_catuxasalom.jpg

A artista galego-arxentina Catuxa Salom leva varios anos presente na escena musical do país, en festivais e salas de concertos, sacando temas soltos e co seu EP 'Nunha aldea' (2022), hoxe mesmo ven de sacar á luz en plataformas o seu primeiro disco longo 'Cāldo' . O álbum debut da creadora, distribuído por Altafonte, presenta nove temas co son característico da artista, fusionando a música electrónica, os instrumentos de raíz e os elementos da natureza en temas bailables, moitos deles claramente emparentados coa música tradicional galega ou con sonoridades latinoamericanas. O disco supón unha achega ao 'novo trad' desde a fusión multicultural.

<< Inicio / Anterior . 21 a 30 de 3482 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR