Ir ao contido directamente.


Noticias

Cultura no Camiño levará actividades culturais a 98 concellos

Xénero: Miscelánea | 17 / 4 / 2017

imaxe non dispoñible

Este sábado 15 de abril botaba a andar a quinta edición de Cultura no Camiño, o programa co que a Axencia Galega das Industrias Culturais leva iniciativas escénicas e musicais a concellos polos que transcorren as vías de peregrinación. Nesta nova xeira, a proposta inclúe un total de 371 actuacións de teatro, música, danza, maxia e novo circo a cargo de 189 formacións do país. As actividades desenvolveranse ata o vindeiro 30 de setembro en 98 concellos, un menos do que na anterior edición. Fan parte do programa actividades para todas as ideades, desde o teatro e a música para o público máis cativo con formacións como Caramuxo Teatro ou Paco Nogueiras e o seu Brinca Vai!, ata propostas máis adultas como Perplexo de Ilmaquinario Teatro ou a música de formacións como Agoraphobia. Os Sete Magníficos+1, Elefante Elegante, o Mago Teto, Viravolta Títeres, Fantoches Baj, Gelria, O sonoro maxín, Faltriqueira, A Banda da Balbina ou Xosé A. Touriñán son outros nomes que fan parte do programa e que actuarán en teatros, centros culturais e rúas de todo o país.

PortAmérica engade nove nomes máis ao seu cartel

Xénero: Miscelánea | 10 / 4 / 2017

imaxe non dispoñible

A través dun vídeo realizado pola produtora Zinquin, o festival PortAmérica ven de presentar nove incorporacións ao seu cartel desta edición a xeito de xogo ante os seguidores do evento. Camuflados entre roupas, etiquetas e elementos varios deste vídeo de título El valor de las personas, poden atoparse os 28 nomes que xa están confirmados para o festival que este ano comeza a súa andaina en Caldas do 13 ao 15 de xullo. Ás actuacións xa previamente coñecidas hai que engadir agora nove nomes: Asian Dub Foundation, Instituto Mexicano del sonido, Igloo, Aterciopelados, Zuco 103, Leiva, Yall, The Horrors e Carlos Jean. Desde a organización non dan por rematadas todas as novidades e aínda engadirán algunha outra novidade proximamente. Os nomes dos chefs que participarán tamén da súa oferta gastronómica, un estandarte deste festival, non están confirmados aínda.

Tractor Troy convida a Muy Postre

Xénero: Rock | 10 / 4 / 2017

muy_postre_tractor_troy.jpg

Tres anos despois do seu Perromandril, os pontevedreses Tractor Roy acaban de saír do estudio con Muy Postre baixo o brazo. A banda presenta dez novos temas cheos de guitarras de aires rockabilly con toques de electrónica para convidar ao baile. Cancións con letras irreverentes e desenfadadas con interpretacións intensas conforman un son complexo e inquietante que Jota Gutiérrez e Fernando Mejuto se encargaron de rexistrar en La Cortina Roja Estudio. Gonzalo Maceira, coñecido polo seu traballo en Furious Monkey House, Roberto Fernández, Rafa Barrosa, Andrés Barros e Tino Álvarez conforman a aliñación do conxunto. Logo de visitar O Con do Moucho e a sala Karma, o grupo anuncia novas citas o vindeiro 5 de maio en O Encontro de Ribadumjia, o 6 en La Fábrica de Chocolate Club de Vigo e o 26 na Sala Son de Cangas.

O Manifest anima Moaña esta Semana Santa

Xénero: Rock | 7 / 4 / 2017

imaxe non dispoñible

Moaña vai ter unha Semana Santa movida este ano. A primeira edición do Manifest, os vindeiros 14 e 15 de abril, promenten ritmo e decibelios desde a praia da Xunqueira. Riot Propaganda na primeira xornada e Soziedad Alkohólika na segunda encabezan un cartel de oito grupos que conta tamén con Ezetaerre, Aphonnic, Arrhytmia, Golpe Radikal e Cachas e Cousins, a chegar unha mestura de rap e rock que agarda congregar unha boa cantidade de persoas na vila. Os asistentes con bono contarán con zona de acampada de balde. De xeito paralelo, con anterioridade aos concertos proxectaranse os documentais NOLA?, de Fermín Muguruza sobre Nova Orleans e Camilo: O último guerrilleiro.

Rafael Quintía e João Bieites presentan A Pedra do Fundamento

Xénero: Folk | 7 / 4 / 2017

pedra_do_fundamento_quintia_bieites.jpg

Unha escolma de dez anos de traballos musicais compoñen A Pedra do Fundamento, o álbum que acaban de presentar o antropólogo Rafa Quintía e o músico João Bieites. En total son vinte e nove temas inspirados na mitoloxía galega nos que se combinan pezas compostas para documentais con traballos inéditos. O proxecto, audoeditado, mestura sons folk e tradicionais e contou con colaboracións como as de Francisco Sutil, Antonio Vázquez, Alexandre Leiro, Xosé Feijoo, Rosalía Rodríguez ou César Martínez. Guitarras e outros instrumentos de corda mestúranse con gaitas, teclados e diferentes percusións no álbum, cuxos temas fan referencias a lugares como A cruz do Seixo ou A fonte da prata e a elementos e lendas como Labirintos, O Alicornio ou O demo asubiador, que fan parte da nosa cultura tradicional.

A final sonora

Xénero: Miscelánea | 7 / 4 / 2017

imaxe non dispoñible

Como xa é habitual, unha festa nas Bodegas Martín Códax de Cambados deu a coñecer na noite de onte os proxectos finalistas da edición deste ano dos Premios Martín Códax da Música. Un total de 57 proxectos votados polos propios membros da asociación Músicos ao Vivo amosan as preferencias destes profesionais dentro do seu propio sector. Nomes consolidados combínanse con traballos de debut nunha lista chea de proxecto interesantes.

O Festival da Luz presenta a súa sexta edición e confirma 27 actuacións

Xénero: Miscelánea | 6 / 4 / 2017

imaxe non dispoñible

A localidade coruñesa de Boimorto volverá acoller por sexto ano consecutivo o Festival da Luz, evento musical e solidario que esta mañá presentou na Fundación Paideia Galiza da Coruña os primeiros 27 grupos e artistas dun cartel que, como nas anteriores edicións, se caracteriza pola súa gran variedade de estilos e procedencias. Luz Casal, impulsora do evento, e Farruco Castromán, da produtora Zircozine, confirmaron as actuacións do grupo británico Dr. Feelgood, os españois Mago de Oz, Jarabe de Palo, Rulo y La Contrabanda, León Benavente, Guadalupe Plata, Diana Navarro, Depedro, No Me Pises que Llevo Chanclas, Chimo Bayo, Los Vinagres, Rufus T. Firefly, La Fuga, Morgan e Aries, e os galegos Treixadura, Os Amigos dos Músicos, Eladio y Los Seres Queridos, Terbutalina, Riff Raff, Familia Caamagno, Santiaguiños de Boimorto, Xoán Curiel, The Funkles, Tanxugueiras, Primordiais e Andhrea & The Black Cats. Nos vindeiros meses haberá máis confirmacións. A asociación Oncomet será a beneficiaria da entrada solidaria do Festival, que se destinará ao proxecto de financiamento da investigación da Biopsia Líquida. O evento terá lugar entre os días 8 e 10 de setembro.

A Gramola Gominola volve con Cancións para desafinar

Xénero: Infantil | 6 / 4 / 2017

cancions_para_desafinar_gramola_gominola.jpg

Xusto cando se fan dous anos do seu primeiro álbum, A Gramola Gominola presentaba cun concerto no Salón do Libro de Pontevedra o pasado 1 de abril o seu segundo lanzamento. Cancións para desafinar achega trece novos temas nos que a banda máis rockeira para o público familiar explora diferentes estilos, desta volta arredor do rock. Surf-rock, punk, rock, gospel, hard-rock, funk, latin-rock ou rockabilly atópanse en temas como Canción para desafinar, a A Fábrica de Carmela, Pita Récords ou A Avoa Fina e o seus "tres ferrados de forza". Iago Romero corre coas ilustracións do libro-CD que publicar Galaxia dentro da súa colección Sonárbore. A Casa da Cultura do Milladoiro (Ames) acolle o 5 de maio o vindeiro concerto do grupo, que continuará xira por Ourense o día 21 do mesmo mes.

As empresas musicais renovan a José Manuel Blanco como presidente da súa asociación

Xénero: Miscelánea | 5 / 4 / 2017

imaxe non dispoñible

A Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) ven de renovar a súa xunta directiva con poucos cambios respecto á anterior e asumindo unha continuidade do proxecto e dos seus retos como colectivo. José Manuel Blanco, de Nalgures Producións, segue no cargo de Presidente desta asociación que está integrada actualmente por once empresas cuxas actividades profesionais son de promoción, produción, representación artística ou axentes de contratación de espectáculos musicais. O principal cambio na Xunta Directiva ven pola entrada como Secretario de Francisco Javier Alonso, de Maruxa eventos, substituíndo a Kin Martínez de Esmerarte. O Vicepresidente , Xosé Manuel Aldea, de Ouvrimos, segue no cargo tamén e asume o cargo de Tesoureiro que antes levaba Belén Bermejo, de Sirgo Torcendo. Aínda que a nova Xunta está a elaborar o plan de traballo e de actuación de cara ó exercicio 2017, así como os obxectivos da Asociación a medio prazo, José Manuel Blanco pon como retos da nova etapa en AGEM algúns que xa veñen de atrás como é "estruturar a profesionalización do sector" e "loitar porque definitivamente se estableza unha normativa e se desenvolva a Lei do espectáculo para que poidamos ter unha normativa clara e definida porque agora mesmo hai normativas varias e dispersas" que cumpriría reunir arredor dun só texto que puidese dar seguridade ás empresas do sector da música en directo. Desde AGEM tamén queren avanzar en distintas vías no apoio aos profesionais como con ferramentas informáticas que axuden a levar a cabo "nas mellores condicións os espectáculo que se realicen", asegura Blanco.

Javi Maneiro comeza percorrido como solista con 'Furtivos'

Xénero: Rock | 4 / 4 / 2017

not_27337.jpg

Desde un rock'n'roll de autor sen concesións Maneiro proxéctase por vez primeira en solitario co lanzamento do seu disco Furtivos. Mantendo a súa vixencia como vocalista titular nos Heredeiros da Crus, banda coa que xa cumpre 25 anos este 2017, Javi Maneiro sempre estivo en activo coas súas inquedanzas propias e coa súa outra banda Jabón Blue editou tres discos entre 2008 e 2012. En total 12 discos de estudo xa no seu currículo coas dúas formacións. Furtivos é o primeiro álbum que Maneiro defenderá como solista e como compositor de todas as pezas. Impulsada a súa gravación e edición a través dunha campaña de crowdfunding coa que o do Barbanza acadou superar a barreira dos 10.000 euros, chega cunha proposta de dez temas contundentes e enérxicos que recupera a esencia do rock nacional con letras que recollen anos de suor e escenario. O seu tema de lanzamento, Eclipsándolo todo xa pode escoitarse en Bandcamp.

<< Inicio / Anterior . 1301 a 1310 de 3538 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR