Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Rock
Música Rock
Piti Sanz presenta S4N7 un novo disco e proxecto musical
Xénero: | 9 / 11 / 2020
Piti Sanz é coñecido por ser un dos máis prolíficos compositores e intérpretes musicais para as artes escénicas e o audiovisual galegos, ademais tomou parte en varios proxectos puramente musicais como a banda de Luis Tosar Di Elas e tamén das máis recentes formacións de Os Resentidos. A pandemia colleuno preparando un novo proxecto propio con álbum incluído, S4N7, do que foi adiando a saída dadas as circunstancias e a dificultade de presentalo en directo. Finalmente foi no mes de outubro cando puido saír a luz este S4N7 que supón a súa volta á gravación do músico tras anos sen asinar ningún traballo e grazas ao que volve a poñerse ao fío da actualidade, neste caso coa compañía no proxecto de Adrián Arias nos teclados e Ro Muñoz na batería. Once temas conforman o disco editado por Sorte Records. Nas pistas deste traballo,m que xa está en plataformas e á venda en formato CD, Sanz demostra a súa capacidade compositiva de música e letras en temas de presencia contundente pero sin complicacións. Rock urbano de estilo impecable, cos aires de garaxe ou blues que Sanz sempre manexou con facilidade. Nalgúns casos ademais inclúe fusións latinas. O disco inclúe a reinterpretación dalgún dos seus temas composto para una banda sonora audiovisual coma a canción Dille que non que formaba parte da película 18 comidas (Alfonso Zarauza, 2010) e outros tres temas previos, os demais son composicións novas. O tema non é o único en galego do disco que tamén inclúe o tema As casiñas do Barrio Alto. Para a gravación e masterización a banda escolleu os estudios Edisco da Estrada. O tema de lanzamento do disco e que xa ten vídeo foi Todo sale mal, unha premonitoria declaración de resistencia ante calquera condición adversa cun ritmo e acabado perfectos.
O concello de Viveiro tumba os concertos ao vivo do Resurrection Fest XS
Xénero: | 13 / 8 / 2020
Menos de 48 horas durou o proxecto do Resurrection Fest XS con concertos ante público na vila de Viveiro. Malia o patrocinio da Xunta á iniciativa de levar a cabo actividade musical en condicións controladas, o Concello de Viveiro denegou os permisos que farían posible o uso das instalacións municipais para o festival que pretendía reunir ata 800 persoas na vila da Mariña para asistir ao concertos programados do ciclo no que se convertera a edición deste ano. Nun comunicado o concello asegurou que esta decisión "complicada e difícil" foi tomada despois dunha análise pormenorizada e tendo en conta numerosas cuestións, coa prioridade da seguridade da veciñanza. "Vimos de ter un gromo na comarca da Mariña e a situación non é sinxela en toda Galicia, como lemos cada día nos medios de comunicación", explica a alcaldesa, María Loureiro. O goberno municipal explica que o problema non sería dentro do recinto, cun aforo limitado a 800 persoas e todos os protocolos activados, pero si no exterior, nas rúas e nos espazos públicos de Viveiro durante os dez días nos que estaba previsto celebrar o festival, nos que non sería posible garantir a seguridade. A celebración da parte virtual e en liña que xa estaba prevista seguirá adiante segundo o anunciado, os días 28 e 29 de agosto.
O Resurrection Fest XS suma concertos presenciais ao seu programa virtual para este ano
Xénero: | 12 / 8 / 2020
Coa Xunta de Galicia como patrocinador principal ven de presentarse o Resurrection Fest Edición XS de 2020, que se celebrará en Viveiro a xeito de ciclo entre o 21 e o 30 de agosto, engadindo ao programa en liña previsto e anunciado unha parte de concertos ao vivo ante público. Estes concertos terán lugar no recinto habitual do festival con espazo creado especialmente para a ocasión, que estará limitado a un máximo de 800 persoas ante un único escenario e controlado en todo momento, cun período de acceso e acomodación por tramos. Os artistas confirmados para a parte presencial que se desenvolverá entre o 21 e o 30 deste mes son True Mountains, Wasted Wiltons, Lendakaris Muertos, Onza, Angelus Apatrida, Strikebach, Crisix, Brothers Till We Die; Karras Martínez & DJ Llonas e Joni Ramos & Sunday Monday Club. O 29 e 30 é tempo para a parte en liña desta edición; retransmitida en streaming, terá un carácter solidario cos afectados da covid-19. As entradas saen á veneda hoxe mesmo.
Fernando Llor e Miguel Porto presentan a BD Subnormal sobre acoso escolar
Xénero: | 3 / 8 / 2020
O web da editora española Panini Cómics ten xa dispoñible en prevenda Subnormal, unha banda deseñada de autoría galega. O guionista Fernando Llor e o debuxante Miguel Porto asinan esta obra que aborda o caso real de acoso escolar que sofreu o xogador de baloncesto Iñaki Zubizarreta. O traballo, de 152 páxinas a cor, contou co asesoramento do propio Zubizarreta para a súa realización. Está previsto que este volume chegue ás librarías a final do mes de agosto.
A edición dixital do Resurrection Fest tamén se apraza
Xénero: | 1 / 7 / 2020
O Resurrection Fest de Viveiro, coma todos os grandes festivais, aprazou a súa celebración ao 2021 pero non quixo deixar o seu oco sen encher de todo e preparou unha edición en liña, un evento especial a celebrar nesta semana coincidindo coas datas iniciais. Agora desde a organización veñen de comunicar que esta edición “dixital” que vai ter un carácter solidario na súa recadación tamén se vai ver suxeita a un adiamento para poder garantir que toda a programación do evento se poida realizar. Polo tanto o Resurrection Fest EG Online terá que agardar ata os vindeiros 28 e 29 de agosto, un retraso que se verá compensado coa habilitación de puntos de encontro físicos onde asistir aos concertos que se transmitan compartindo esa experiencia como un espectáculo máis, ademais dunha ampliación de contidos. Durante este tempo estarán á venda diversos artigos que servirán para recadar fondos que irán destinados á Cruz Roja Española de Lugo e a Federación Española de Bancos de Alimentos-FESBAL. A programación que se ofrecerá en agosto de balde a través das redes do festival consistirá nun documental sobre a historia do festival; a emisión de concertos inéditos como a despedida de Slayer, Gojira, The Offspring, Rancid, Mastodon, etc. e un resumo das mellores actuacións de todas as edicións; video saúdos e entrevistas de artistas; un programa especial realizado por Jon Sistiaga e Joe Pérez-Orive para o Resurrection Fest Estrella Galicia Online; a estrea oficial da canción do Resurrection Fest, by Crisix, e outras moitas actividades.
Zënzar actualizan o futuro ao que apuntaban en 1997 co seu novo disco
Xénero: | 16 / 6 / 2020
Xa está dispoñible o novo disco da veterana banda de rock de Cerceda, Zënzar. Benvidas ó futuro (Inquedanzas Sonoras, 2020) é o décimo traballo deste grupo de punk rock que leva trinta anos facendo soar os decibelios, sempre cunha mensaxe combativa que retrata os seus tempos. Por primeira vez na historia de Zënzar, un disco é composto, gravado e deseñado unicamente por membros da banda. Coa referencia clara e actualizada ao seu primeiro disco Disparado ó futuro, neste novo traballo o grupo inclúe revisións dalgúns temas do seu pasado e novas composicións nas once pistas da súa edición estándar. Tamén está dispoñible unha edición especial en USB que inclúe unha selección de 32 temas de discos (e unha maqueta) anteriores. Como exemplo desa mestura entre o novo e o anterior os dous temas cos que Zënzar fixo avances deste Benvidas ó futuro, son a revisión dun dos seus clásicos, A culpa foi de Leño, e unha das novas composicións, Todo se extingue, asinada por todos o compoñentes actuais da lonxeva formación: Laura Romero, Manolo García, Mario Grela, Paco Cerceira e Xosé Ramón Bocixa. Ademais xa teñen dous vídeos dete novo álbum: o de A culpa foi de Leño, e Standing Rock
O Resurrection Fest resiste nunha edición especial en liña con fins benéficos
Xénero: | 18 / 5 / 2020
Apenas 48 horas despois de facer o anuncio do seu adiamento definitivo a 2021 o Resurrection Fest ven de anunciar unha edición de "resistencia" en liña para non deixar de celebrar este ano o seu 15 aniversario. Así, durante os días 3 e 4 de xullo (coincidindo cos que sería o festival) a organización levará a cabo o evento Resurrection Fest Estrella Galicia Online, un programa virtual con fins benéficos que incluirá programación en aberto de concertos inéditos, actuacións en directo, entrevistas especiais, reportaxes sobre o festival outros contidos que buscan levar á xente a vivir desde as súas casas ou onde estean, a experiencia Resurrection Fest de Viveiro. Durante estes dous días de evento en liña desde o "Resu" poñen toda esta loxística e organización ao servicio de boas causas e pediranse achegas solidarias voluntarias a varias iniciativas contra o coronavirus e a colectivos necesitados nestes momentos. Bandas nacionais e internacionais xa confirmaron a súa participación ao igual que o principal patrocinador Estrella Galicia. A actividade irá definíndose nas videiras semanas en canto a contidos e irá acompañada dun cancelo que reivindica a resistencia deste evento que é moito máis ca un festival, #elresuEGresiste.
Malraio presentan 'Demo' o primeiro disco longo
Xénero: | 21 / 4 / 2020
A banda compostelá Malraio ven de sacar o que é o seu primeiro disco longo. Máis dun ano despois de meterse a gravar de xeito autoxestionado os Malraio puxeron desde onte no seu Bandcamp o disco Demo cos seu oito temas e presentaron xa un videoclip coa canción Ninja. Ata o de agora a banda tiña un EP, Prótese (2017). O resultado da gravación e mestura reflicte perfectamente a potencia do grupo comprobable nos directos que levan dado nestes anos. Carga garaxeira de guitarras, nalgúns casos psicodélicas noutros ata o shoegaze ou o rock gótico postpunk máis escuro, pero sempre con temas que moven pes e cabezas para non deixar de encher de baile a súa escoita ao estilo máis R&R. Malraio demostran tamén coas súas letras, en galego, densidade intelectual e capacidade para crear retrousos ou frases que quedan no aire para quen as escoita. É o caso do tema de lanzamento, Ninja, moi acaída para o momento por pura casualidade pero co tema universal dos medos amplificados polos medios de comunicación. Pero tamén pasa con grande temas como A dor ou A redonda. A banda agarda que ata que poidan comezar dar concertos, o seu esforzo produtivo poida compensarse coa venda da ´sua música en formato físico, en CD. Demo foi gravado en febreiro de 2019 nos estudios Potemkin de Santiago de Compostela por Jacobo Iglesias e Dani Blanco. Algúns arranxos e overdubs foron regravados e producidos por Fon Botana.
O Canido Rock servirá de homenaxe ao desaparecido cantante Toñito Pedreira
Xénero: | 11 / 3 / 2020
A Asociación Veciñal do barrio de Canido en Ferrol á impulsora do festival Canido Rock que este ano servirá coma homenaxe a un dos seus veciños tristemente desaparecido un ano atrás: Toñito Pedreira, cantante da banda Riff/Raff. O Concello de Ferrol e os integrantes da banda-tributo a AC/DC organizan na Praza da Auga o vindeiro día 2 de maio, no marco da festa dos Maios, a celebración deste evento aberto no que tomarán parte ata cinco grupos de rock do país en memoria do carismático intérprete que faleceu inesperadamente o pasado ano. Herdeiros da Crus encabeza o cartel desta homenaxe, que tamén conta coas actuacións dos grupos Fara Ways Place, La banda del camión, McKuin e os propios Riff/Raff, que para a ocasión contarán con ata cinco vocalistas, tres homes e dous mulleres, que ocuparan circunstancialmente o micro que deixou orfo a repentina e prematura desaparición de Toñito Pedreira o pasado 8 de maio de 2019 e que a banda ademáis busca cubrir para proseguir coa súa actividade musical.
Ruxe Ruxe presentan o seu novo traballo 'O estraño falar dun monstro da aldea'
Xénero: | 12 / 2 / 2020
Ruxe Ruxe presentan un novo traballo de estudio e con este xa van 12 discos nos 23 anos de traxectoria da banda compostelá. Con O estraño falar dun monstro da aldea (Autoeditado), a banda liderada por Vituco Neira ofrece 15 novos temas coherentes coa súa traxectoria de punk rock en galego e combat rock, compostos polo propio Neira. O novo traballo consegue ademais un son moi pulido e eléctrico, potente como corresponde a unha banda que nunca perdeu de vista as súas maneiras loitadoras, pero dando ademais un paso adiante grazas á calidade da gravación efectuada nos estudios Gárate (Euskadi) coa produción de Kaki Arkarazo (Negu Gorriak, Kortatu). Como xa é marca da casa, a contundencia guitarreira e da percusión vese ben acompañada con instrumentos de vento como a gaita, harmónica ou saxo en varios dos temas do novo disco. As letras, sempre apegadas no amor ao país e ás súas mensaxes de punk combativo crítico co poder reflicten tamén nalgún dos temas reflexións de perspectiva vital engadindo variedade e profundidade a un sempre potente discurso. A banda xa presentou en avance tres vídeos con primeiras cancións e este vindeiro venres, 14 de febreiro, na Sala Capitol de Santiago farán a presentación en directo ante a súa numerosa parroquia de fieis cun moi posible cheo. O disco xa está dispoñible en tendas e plataformas dixitais.
REPORTAXE
Campamento Compostela
Data.Os Concertos do Novo do Milenio atraeron a Compostela milleiros de afeccionados à música


