Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Rock
Música Rock
Ith fan un disco de balance vital en código rock con 'Frear o momento'
Xénero:
| 21 / 12 / 2020Xa está dispoñible nas plataformas dixitais e á venda en formato físico Frear o momento (Rocket Music), o novo traballo longo da banda de rock Ith. Gravado coma o anterior en Abrigueiro Estudios (Friol, Lugo), este é o terceiro disco de estudio dos de Xanceda (Mesía) dous anos despois de O mínimo que o contén todo (2018) e ofrece oito temas novos, algúns con aires pop-rock pero en xeral de rock enérxico, con claras raíces de heavy metal en forma de longos punteos que buscan os límites, riffs ferroviarios e descargas de músculo cunha percusión poderosa e a presenza de voz ben asentada de Lucía da Fonte, que tamén escribe os temas.
Publícase 'Adeus e grazas', o DVD que recolle o concerto de despedida dos NAO fai un ano
Xénero:
| 4 / 12 / 2020A banda estradense de metal rock, NAO, xa non está en activo pero celebra estes días o primeiro aniversario da súa despedida dos escenarios cunha estrea. O grupo, da man da promotora PlayPlan Cultural, publica este 7 de decembro o DVD Adeus e grazas, un traballo que recolle integramente o derradeiro directo do grupo celebrado o 7 de decembro de 2019 no recinto feiral de Amio, en Santiago de Compostela. A banda presentou fai dous anos o que sería o seu último traballo de estudio Ata que o lume se apague co cal anunciaban a súa despedida dos escenarios despois desa xira que rematou en Amio. Os integrantes de NAO decidiron poñer nese momento final a un proxecto musical de cuxo alto nivel esixía unha implicación persoal que non lles resultaba posible manter e así o explicaron nunha rolda de prensa naquel momento. A banda, ademais dunha ampla discografía e multitude de seguidores contaba co Premio Martín Códax da Música Galega na categoría de Metal do ano 2015.
Créase a Asociación Cultural República Musical Mardi Gras arredor da sala coruñesa
Xénero:
| 18 / 11 / 2020Este pasado luns, 16 de novembro, a sala de concertos Mardi Gras da Coruña facía o seu 21 aniversario, nun contexto no que a súa actividade está totalmente impedida polas restricións decretadas pola Xunta de Galicia desde o pasado mes de agosto. Tras ver pechar outras salas importantes da súa área coma o Bâbâ Bar e o Fórum Celticum os responsables da Mardi Gras quixeron comezar a poñer as ferramentas necesarias para a súa permanencia ata a fin da pandemia e argallaron o plan "Salvar a Mardi Gras". Coincidindo co seu aniversario presentaron a Asociación Cultural República Musical Mardi Gras, un proxecto colaborativo que inclúe a protección das salas coruñesas en risco nestes momentos, agrupadas na campaña #ApoyaTuSala (Mardi Gras, Jazz Filloa, Garufa Club, e o propio Bâbâ Bar en concepto de axuda á liquidación) pero que pretende ir moito máis alá converténdose nun axente cultural máis con alcance fóra dos límites da Coruña, ata en toda Galicia, xa que ése é o rango no que foi rexistrada a súa constitución. Nos dous días que levan coa proposta enriba da mesa xa recibiron máis de 300 correos electrónicos interesándose sobre o xeito de asociarse. Entre os remitentes hai concelleiros e músicos da cidade herculina pero tamén todo tipo de xentes que conciben a Sala Mardi Gras coma parte da súa vida presente ou pasada nestes 21 anos de actividade deste templo musical. Segundo os organizadores hai quen incluso pregunta se pode inscribir como socio xa a un bebé con vistas ao futuro.
Piti Sanz presenta S4N7 un novo disco e proxecto musical
Xénero:
| 9 / 11 / 2020Piti Sanz é coñecido por ser un dos máis prolíficos compositores e intérpretes musicais para as artes escénicas e o audiovisual galegos, ademais tomou parte en varios proxectos puramente musicais como a banda de Luis Tosar Di Elas e tamén das máis recentes formacións de Os Resentidos. A pandemia colleuno preparando un novo proxecto propio con álbum incluído, S4N7, do que foi adiando a saída dadas as circunstancias e a dificultade de presentalo en directo. Finalmente foi no mes de outubro cando puido saír a luz este S4N7 que supón a súa volta á gravación do músico tras anos sen asinar ningún traballo e grazas ao que volve a poñerse ao fío da actualidade, neste caso coa compañía no proxecto de Adrián Arias nos teclados e Ro Muñoz na batería. Once temas conforman o disco editado por Sorte Records. Nas pistas deste traballo,m que xa está en plataformas e á venda en formato CD, Sanz demostra a súa capacidade compositiva de música e letras en temas de presencia contundente pero sin complicacións. Rock urbano de estilo impecable, cos aires de garaxe ou blues que Sanz sempre manexou con facilidade. Nalgúns casos ademais inclúe fusións latinas. O disco inclúe a reinterpretación dalgún dos seus temas composto para una banda sonora audiovisual coma a canción Dille que non que formaba parte da película 18 comidas (Alfonso Zarauza, 2010) e outros tres temas previos, os demais son composicións novas. O tema non é o único en galego do disco que tamén inclúe o tema As casiñas do Barrio Alto. Para a gravación e masterización a banda escolleu os estudios Edisco da Estrada. O tema de lanzamento do disco e que xa ten vídeo foi Todo sale mal, unha premonitoria declaración de resistencia ante calquera condición adversa cun ritmo e acabado perfectos.
O concello de Viveiro tumba os concertos ao vivo do Resurrection Fest XS
Xénero:
| 13 / 8 / 2020Menos de 48 horas durou o proxecto do Resurrection Fest XS con concertos ante público na vila de Viveiro. Malia o patrocinio da Xunta á iniciativa de levar a cabo actividade musical en condicións controladas, o Concello de Viveiro denegou os permisos que farían posible o uso das instalacións municipais para o festival que pretendía reunir ata 800 persoas na vila da Mariña para asistir ao concertos programados do ciclo no que se convertera a edición deste ano. Nun comunicado o concello asegurou que esta decisión "complicada e difícil" foi tomada despois dunha análise pormenorizada e tendo en conta numerosas cuestións, coa prioridade da seguridade da veciñanza. "Vimos de ter un gromo na comarca da Mariña e a situación non é sinxela en toda Galicia, como lemos cada día nos medios de comunicación", explica a alcaldesa, María Loureiro. O goberno municipal explica que o problema non sería dentro do recinto, cun aforo limitado a 800 persoas e todos os protocolos activados, pero si no exterior, nas rúas e nos espazos públicos de Viveiro durante os dez días nos que estaba previsto celebrar o festival, nos que non sería posible garantir a seguridade. A celebración da parte virtual e en liña que xa estaba prevista seguirá adiante segundo o anunciado, os días 28 e 29 de agosto.
O Resurrection Fest XS suma concertos presenciais ao seu programa virtual para este ano
Xénero:
| 12 / 8 / 2020Coa Xunta de Galicia como patrocinador principal ven de presentarse o Resurrection Fest Edición XS de 2020, que se celebrará en Viveiro a xeito de ciclo entre o 21 e o 30 de agosto, engadindo ao programa en liña previsto e anunciado unha parte de concertos ao vivo ante público. Estes concertos terán lugar no recinto habitual do festival con espazo creado especialmente para a ocasión, que estará limitado a un máximo de 800 persoas ante un único escenario e controlado en todo momento, cun período de acceso e acomodación por tramos. Os artistas confirmados para a parte presencial que se desenvolverá entre o 21 e o 30 deste mes son True Mountains, Wasted Wiltons, Lendakaris Muertos, Onza, Angelus Apatrida, Strikebach, Crisix, Brothers Till We Die; Karras Martínez & DJ Llonas e Joni Ramos & Sunday Monday Club. O 29 e 30 é tempo para a parte en liña desta edición; retransmitida en streaming, terá un carácter solidario cos afectados da covid-19. As entradas saen á veneda hoxe mesmo.
Fernando Llor e Miguel Porto presentan a BD Subnormal sobre acoso escolar
Xénero:
| 3 / 8 / 2020O web da editora española Panini Cómics ten xa dispoñible en prevenda Subnormal, unha banda deseñada de autoría galega. O guionista Fernando Llor e o debuxante Miguel Porto asinan esta obra que aborda o caso real de acoso escolar que sofreu o xogador de baloncesto Iñaki Zubizarreta. O traballo, de 152 páxinas a cor, contou co asesoramento do propio Zubizarreta para a súa realización. Está previsto que este volume chegue ás librarías a final do mes de agosto.
A edición dixital do Resurrection Fest tamén se apraza
Xénero:
| 1 / 7 / 2020O Resurrection Fest de Viveiro, coma todos os grandes festivais, aprazou a súa celebración ao 2021 pero non quixo deixar o seu oco sen encher de todo e preparou unha edición en liña, un evento especial a celebrar nesta semana coincidindo coas datas iniciais. Agora desde a organización veñen de comunicar que esta edición “dixital” que vai ter un carácter solidario na súa recadación tamén se vai ver suxeita a un adiamento para poder garantir que toda a programación do evento se poida realizar. Polo tanto o Resurrection Fest EG Online terá que agardar ata os vindeiros 28 e 29 de agosto, un retraso que se verá compensado coa habilitación de puntos de encontro físicos onde asistir aos concertos que se transmitan compartindo esa experiencia como un espectáculo máis, ademais dunha ampliación de contidos. Durante este tempo estarán á venda diversos artigos que servirán para recadar fondos que irán destinados á Cruz Roja Española de Lugo e a Federación Española de Bancos de Alimentos-FESBAL. A programación que se ofrecerá en agosto de balde a través das redes do festival consistirá nun documental sobre a historia do festival; a emisión de concertos inéditos como a despedida de Slayer, Gojira, The Offspring, Rancid, Mastodon, etc. e un resumo das mellores actuacións de todas as edicións; video saúdos e entrevistas de artistas; un programa especial realizado por Jon Sistiaga e Joe Pérez-Orive para o Resurrection Fest Estrella Galicia Online; a estrea oficial da canción do Resurrection Fest, by Crisix, e outras moitas actividades.
Zënzar actualizan o futuro ao que apuntaban en 1997 co seu novo disco
Xénero:
| 16 / 6 / 2020Xa está dispoñible o novo disco da veterana banda de rock de Cerceda, Zënzar. Benvidas ó futuro (Inquedanzas Sonoras, 2020) é o décimo traballo deste grupo de punk rock que leva trinta anos facendo soar os decibelios, sempre cunha mensaxe combativa que retrata os seus tempos. Por primeira vez na historia de Zënzar, un disco é composto, gravado e deseñado unicamente por membros da banda. Coa referencia clara e actualizada ao seu primeiro disco Disparado ó futuro, neste novo traballo o grupo inclúe revisións dalgúns temas do seu pasado e novas composicións nas once pistas da súa edición estándar. Tamén está dispoñible unha edición especial en USB que inclúe unha selección de 32 temas de discos (e unha maqueta) anteriores. Como exemplo desa mestura entre o novo e o anterior os dous temas cos que Zënzar fixo avances deste Benvidas ó futuro, son a revisión dun dos seus clásicos, A culpa foi de Leño, e unha das novas composicións, Todo se extingue, asinada por todos o compoñentes actuais da lonxeva formación: Laura Romero, Manolo García, Mario Grela, Paco Cerceira e Xosé Ramón Bocixa. Ademais xa teñen dous vídeos dete novo álbum: o de A culpa foi de Leño, e Standing Rock
O Resurrection Fest resiste nunha edición especial en liña con fins benéficos
Xénero:
| 18 / 5 / 2020Apenas 48 horas despois de facer o anuncio do seu adiamento definitivo a 2021 o Resurrection Fest ven de anunciar unha edición de "resistencia" en liña para non deixar de celebrar este ano o seu 15 aniversario. Así, durante os días 3 e 4 de xullo (coincidindo cos que sería o festival) a organización levará a cabo o evento Resurrection Fest Estrella Galicia Online, un programa virtual con fins benéficos que incluirá programación en aberto de concertos inéditos, actuacións en directo, entrevistas especiais, reportaxes sobre o festival outros contidos que buscan levar á xente a vivir desde as súas casas ou onde estean, a experiencia Resurrection Fest de Viveiro. Durante estes dous días de evento en liña desde o "Resu" poñen toda esta loxística e organización ao servicio de boas causas e pediranse achegas solidarias voluntarias a varias iniciativas contra o coronavirus e a colectivos necesitados nestes momentos. Bandas nacionais e internacionais xa confirmaron a súa participación ao igual que o principal patrocinador Estrella Galicia. A actividade irá definíndose nas videiras semanas en canto a contidos e irá acompañada dun cancelo que reivindica a resistencia deste evento que é moito máis ca un festival, #elresuEGresiste.
novidades discográficas
San Antonio
Los Eternos
Deleiba
III
Grande Amore
Trankimasín
Heredeiros da Crus
Xabral
Ruxe Ruxe
REPORTAXE

Campamento Compostela
Data.Os Concertos do Novo do Milenio atraeron a Compostela milleiros de afeccionados à música