Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Rock
Música Rock
Zënzar actualizan o futuro ao que apuntaban en 1997 co seu novo disco
Xénero:
| 16 / 6 / 2020Xa está dispoñible o novo disco da veterana banda de rock de Cerceda, Zënzar. Benvidas ó futuro (Inquedanzas Sonoras, 2020) é o décimo traballo deste grupo de punk rock que leva trinta anos facendo soar os decibelios, sempre cunha mensaxe combativa que retrata os seus tempos. Por primeira vez na historia de Zënzar, un disco é composto, gravado e deseñado unicamente por membros da banda. Coa referencia clara e actualizada ao seu primeiro disco Disparado ó futuro, neste novo traballo o grupo inclúe revisións dalgúns temas do seu pasado e novas composicións nas once pistas da súa edición estándar. Tamén está dispoñible unha edición especial en USB que inclúe unha selección de 32 temas de discos (e unha maqueta) anteriores. Como exemplo desa mestura entre o novo e o anterior os dous temas cos que Zënzar fixo avances deste Benvidas ó futuro, son a revisión dun dos seus clásicos, A culpa foi de Leño, e unha das novas composicións, Todo se extingue, asinada por todos o compoñentes actuais da lonxeva formación: Laura Romero, Manolo García, Mario Grela, Paco Cerceira e Xosé Ramón Bocixa. Ademais xa teñen dous vídeos dete novo álbum: o de A culpa foi de Leño, e Standing Rock
O Resurrection Fest resiste nunha edición especial en liña con fins benéficos
Xénero:
| 18 / 5 / 2020Apenas 48 horas despois de facer o anuncio do seu adiamento definitivo a 2021 o Resurrection Fest ven de anunciar unha edición de "resistencia" en liña para non deixar de celebrar este ano o seu 15 aniversario. Así, durante os días 3 e 4 de xullo (coincidindo cos que sería o festival) a organización levará a cabo o evento Resurrection Fest Estrella Galicia Online, un programa virtual con fins benéficos que incluirá programación en aberto de concertos inéditos, actuacións en directo, entrevistas especiais, reportaxes sobre o festival outros contidos que buscan levar á xente a vivir desde as súas casas ou onde estean, a experiencia Resurrection Fest de Viveiro. Durante estes dous días de evento en liña desde o "Resu" poñen toda esta loxística e organización ao servicio de boas causas e pediranse achegas solidarias voluntarias a varias iniciativas contra o coronavirus e a colectivos necesitados nestes momentos. Bandas nacionais e internacionais xa confirmaron a súa participación ao igual que o principal patrocinador Estrella Galicia. A actividade irá definíndose nas videiras semanas en canto a contidos e irá acompañada dun cancelo que reivindica a resistencia deste evento que é moito máis ca un festival, #elresuEGresiste.
Malraio presentan 'Demo' o primeiro disco longo
Xénero:
| 21 / 4 / 2020A banda compostelá Malraio ven de sacar o que é o seu primeiro disco longo. Máis dun ano despois de meterse a gravar de xeito autoxestionado os Malraio puxeron desde onte no seu Bandcamp o disco Demo cos seu oito temas e presentaron xa un videoclip coa canción Ninja. Ata o de agora a banda tiña un EP, Prótese (2017). O resultado da gravación e mestura reflicte perfectamente a potencia do grupo comprobable nos directos que levan dado nestes anos. Carga garaxeira de guitarras, nalgúns casos psicodélicas noutros ata o shoegaze ou o rock gótico postpunk máis escuro, pero sempre con temas que moven pes e cabezas para non deixar de encher de baile a súa escoita ao estilo máis R&R. Malraio demostran tamén coas súas letras, en galego, densidade intelectual e capacidade para crear retrousos ou frases que quedan no aire para quen as escoita. É o caso do tema de lanzamento, Ninja, moi acaída para o momento por pura casualidade pero co tema universal dos medos amplificados polos medios de comunicación. Pero tamén pasa con grande temas como A dor ou A redonda. A banda agarda que ata que poidan comezar dar concertos, o seu esforzo produtivo poida compensarse coa venda da ´sua música en formato físico, en CD. Demo foi gravado en febreiro de 2019 nos estudios Potemkin de Santiago de Compostela por Jacobo Iglesias e Dani Blanco. Algúns arranxos e overdubs foron regravados e producidos por Fon Botana.
O Canido Rock servirá de homenaxe ao desaparecido cantante Toñito Pedreira
Xénero:
| 11 / 3 / 2020A Asociación Veciñal do barrio de Canido en Ferrol á impulsora do festival Canido Rock que este ano servirá coma homenaxe a un dos seus veciños tristemente desaparecido un ano atrás: Toñito Pedreira, cantante da banda Riff/Raff. O Concello de Ferrol e os integrantes da banda-tributo a AC/DC organizan na Praza da Auga o vindeiro día 2 de maio, no marco da festa dos Maios, a celebración deste evento aberto no que tomarán parte ata cinco grupos de rock do país en memoria do carismático intérprete que faleceu inesperadamente o pasado ano. Herdeiros da Crus encabeza o cartel desta homenaxe, que tamén conta coas actuacións dos grupos Fara Ways Place, La banda del camión, McKuin e os propios Riff/Raff, que para a ocasión contarán con ata cinco vocalistas, tres homes e dous mulleres, que ocuparan circunstancialmente o micro que deixou orfo a repentina e prematura desaparición de Toñito Pedreira o pasado 8 de maio de 2019 e que a banda ademáis busca cubrir para proseguir coa súa actividade musical.
Ruxe Ruxe presentan o seu novo traballo 'O estraño falar dun monstro da aldea'
Xénero:
| 12 / 2 / 2020Ruxe Ruxe presentan un novo traballo de estudio e con este xa van 12 discos nos 23 anos de traxectoria da banda compostelá. Con O estraño falar dun monstro da aldea (Autoeditado), a banda liderada por Vituco Neira ofrece 15 novos temas coherentes coa súa traxectoria de punk rock en galego e combat rock, compostos polo propio Neira. O novo traballo consegue ademais un son moi pulido e eléctrico, potente como corresponde a unha banda que nunca perdeu de vista as súas maneiras loitadoras, pero dando ademais un paso adiante grazas á calidade da gravación efectuada nos estudios Gárate (Euskadi) coa produción de Kaki Arkarazo (Negu Gorriak, Kortatu). Como xa é marca da casa, a contundencia guitarreira e da percusión vese ben acompañada con instrumentos de vento como a gaita, harmónica ou saxo en varios dos temas do novo disco. As letras, sempre apegadas no amor ao país e ás súas mensaxes de punk combativo crítico co poder reflicten tamén nalgún dos temas reflexións de perspectiva vital engadindo variedade e profundidade a un sempre potente discurso. A banda xa presentou en avance tres vídeos con primeiras cancións e este vindeiro venres, 14 de febreiro, na Sala Capitol de Santiago farán a presentación en directo ante a súa numerosa parroquia de fieis cun moi posible cheo. O disco xa está dispoñible en tendas e plataformas dixitais.
Aphonnic coróanse con seu novo disco 'La reina'
Xénero:
| 24 / 1 / 2020Aphonnic son unha das bandas en activo máis veteranas da escena do metal en Galicia, no ano 2017 levaron o Premio Martín Códax da Música como mellor banda de Metal e levan xa dezasete anos gastando amplificadores e seis discos de estudio, todos eles sacados con amplos intervalos de arredor de tres anos entre eles. Os dous anteriores a La Reina (Maldito Records, 2019) foron Indomables (Maldito Records, 2016) e Heroes (Aphonnic, 2013). Con estes marxes de tempo xa é sinal da casa Aphhonnic buscar sempre a excelencia e a mellora nunha carreira na que a experiencia amosa o seu enorme valor sobre o produto final. Once temas conforman este novo traballo co que os vigueses acadan novas cotas de produción que dan a la Reina calidades sonoras propias de calquera grande banda de rock a un nivel internacional que nos permiten gozar da virtuosidade das interpretacións e das traballadas letras de cada canción. La reina é, polo de agora, o traballo que coroa unha longa e moi seria traxectoria.
O grupo de rock Grilo pon música á derradeira carta de Alexandre Bóveda
Xénero:
| 17 / 1 / 2020O grupo compostelán Grilo presentará o vindeiro día 31 de xaneiro na Sala Capitol de Santiago o seu primeiro disco de longa duración (Seisepés Producións Creativas, 2019), un traballo que se pecha coa canción Xandre, que pon música á derradeira carta escrita por Alexandre Bóveda, asesinado polos fascistas que deron o golpe de Estado o 17 de agosto de 1936. O pasado 15 de xaneiro tivo lugar un encontro dos integrantes do grupo de rock con Valentín García Bóveda e Amalia Bóveda -representantes da Fundación Alexandre Bóveda e da familia Bóveda - co obxectivo de facerlles chegar aos organismos que representan a canción editada pola formación compostelá. No encontro, Adrián, Alberte e Miguel, membros do grupo, fixéronlles entrega a Valentín e Amalia, neto e filla de Bóveda, dunha lámina conmemorativa coa letra completa da canción, así coma de convites para o concerto de presentación e discos en formato físico.
Superfuzz estrea disco homónimo hoxe no Garufa Club
Xénero:
| 10 / 1 / 2020A sala coruñesa Garufa Club acolle hoxe unha das primeiras presentacións discográficas do ano, coa banda local Superfuzz como protagonista. A banda saca o seu primeiro disco autoeditado co mesmo nome do grupo e 11 temas propios, cantados en castelán. Rock con influxos dos anos setenta, de guitarra contundente en riffs e efluvios británicos, algo mods no rítmico e beat no uso de coros, moi habituais noutras bandas coruñesas tradicionalmente. Letras ben resoltas sobre melodías traballadas con detalle e remates elegantes que achegan un grao de familiaridade co son. O disco foi gravado e mesturado por Jose Puga e Pachi Baldome nos estudios Nakra da Coruña e a masterización levouse a cabo por Robin Schmidt nos estudios 24-96 Mastering de Karlsruhe. Superfuzz é unha formación clásica de trío de rock conformada por Javier Insua (voz e guitarras), Andrés Saavedra (baixo e coros) e Juan Folla (bateria, percusiónes e coros). Ao concerto desta noite ás 22:30 no Garufa Club seguirán outros, o vindeiro dos cales será o día 24 de xaneiro en Lugo na JagerLounge.
Resurrection Fest anuncia 70 novas bandas e saca á venda as derradeiras entradas
Xénero:
| 26 / 11 / 2019Hoxe foi outro deses días nos que os Resurrection fest de Viveiro consegue poñerse no centro de atención. O festival de rock sacou hoxe á venda os derradeiros abonos que lle quedaban, e as poucas entradas por días das que deron en dispoñer a favor dos abonos. O festival ademais anunciou novas confirmacións, algunhas delas importantes coma a da banda Amon Amarth, un cabeza de cartel do xénero quer estará xa na xornada inaugural do mércores, 1 de xullo. Ademais as confirmacións de nomes para o evento engadiron en total case 70 nomes dunha soa vez e entre eles hai unha representación da escena galega do rock, con once bandas que chegarán das catro provincias galegas, encabezada polos vigueses Aphonnic, unha das formacións máis consolidadas do país na música metal. Ademais deles engádense nesta xeira outros nomes como True Mountains d’A Coruña; Chris Masuak and the Viveiro Wave Riders Association; Bloodhunter; Golpe Radikal, d’A Pobra do Caramiñal; Wasted Wiltons; Acidproyect, de Ourense; Arsian, d’A Coruña; Vieitör, de Monforte; Kaleikia, e Turbo Kraks, de Ferrol. A xulgar pola demanda previa o festival de Viveiro está hoxe moi cerca da venda completa.
Terbutalina estrea Espabila gallego cun concerto en Compostela
Xénero:
| 31 / 10 / 2019Logo de o lanzar en formato dixital a comezos do mes, xa está aquí a edición física do novo álbum de Terbutalina. A banda estrea Espabila gallego este 31 de outubro nun concerto na Sala Capitol no que os de Esteiro contarán con Mutagénicos para abrir boca a partir das 21:30 horas. Punk, pop, rock e música tradicional danse cita nos dez temas deste lanzamento nos que, como é habitual no grupo, predomina a retranca das letras. Pura Makica, Muinheira de Costa ou Marisco Barato son algúns dos títulos que se rexistraron nos estudios A Ponte de Tomás Ageitos e que ven a luz da man de Folc Récords. Polo momento o grupo non ten máis datas reservadas en Galicia para a súa xira de presentación.
REPORTAXE
Campamento Compostela
Data.Os Concertos do Novo do Milenio atraeron a Compostela milleiros de afeccionados à música