Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Folk
Música Folk
Á sombra da oliveira é o novo de Tanxedoras
Xénero: | 17 / 6 / 2013
Cinco anos despois do seu primeiro lanzamento, as viguesas Tanxedoras presentan o seu segundo disco. Á sombra da oliveira inclúe nada menos que 17 temas tradicionais nos que as voces e diferentes formas de percusión, como gaitas, pandeiros ou sachos, son protagonistas, aínda que non faltan tampouco outros instrumentos como as gaitas e os acordeóns. As cinco compoñentes do grupo sinala que no seu traballo buscan a fidelidade ao xeito tradicional de interpretación.
Un novo volume facilita a aprendizaxe da gaita
Xénero: | 17 / 6 / 2013
Juan Luna é o autor de O gaiteiro técnico, un volume que pretende facilitar a iniciación ao instrumento por excelencia da nosa música tradicional. Orientada a principiantes, a obra presenta 248 exercicios, 6 estudos e 16 preludios e foi editada pola asociación A Píntega Marela, que anuncia a súa intención de continuar unha serie de obras para a formación sobre este instrumento. De xeito paralelo, preséntase o vindeiro 17 de xuño en Compostela un volume editado hai case un ano, Manüele de pandeireta e canto tradicional. Da man de Xandre Otero a obra, que vai pola súa segunda edición, recolle cantares de Fornelos de Montes, Mondariz, Pazos de Borbén, Ponte Caldelas e O Covelo, e pretende ser a primeira dunha colección con esta temática.
Preséntase o 29 Festival de Ortigueira
Xénero: | 14 / 6 / 2013
Entre o 11 e o 14 de xullo a vila de Ortigueira acollerá o seu mundialmente coñecido festival, que celebra este ano a súa 29 edición. A organización daba a coñecer onte o programa desta xeira, que terá os bretóns Gwendal como principais estrelas. Canda a eles, Os Cempés, Guidewires e Dán son algúns dos grupos dun cartel que inclúe tamén a Bagad Glazik Kemper, Banda Crebinsky, Riobó ou Kan. No marco do Proxecto Runas para grupos que están a comezar a súa carreira, poderán verse a Guezos (Galicia), ]olk on Crest (Castela León), Boc (Illas Baleares) e Ruaille Buaille (País Vasco).
A Requinta da Laxeira lanza Maise
Xénero: | 12 / 6 / 2013
Coa reivindicación do tipo de frauta que lles dá nome por bandeira, o grupo A Requinta da Laxeira acaba de publicar Maise, o seu segundo disco. Como no primeiro lanzamento, a música para requinta é a base dun son no que incorporan tamén voces, percusións, gaitas e acordeóns e que ten na festa e na alegría a súa razón de ser. O grupo, que está integrado na Asociación Cultural San Campio, presentou o novo disco o pasado día 8 na compostelá Sala Capitol, e ten previstas actuacións en eventos como o Festival de Narahío (6 de xullo) ou a Romaría de San Roque en Moraime (17 de xullo).
Kérkennai volta con Un soño cotián de bolboretas
Xénero: | 4 / 6 / 2013
Desde a Baixa Limia o grupo Kérkennai lanza o seu terceiro traballo. Un soño cotián de bolboretas é o primeiro disco da banda desde 2007, no que continúa a aposta polo folk cun son no que se atopan o violonchelo a frauta, as guitarras ou o bouzouki, alternando sons tradicionais con incursións en xéneros coma o jazz. Os nove temas graváronse nos estudios Phonos da Estrada e o disco está autoeditado. O traballo contou coas colaboracións de Uxía, Pablo Díaz e Pedro Pascual entre outros.
Rodrigo Romaní foi o gran vencedor dos XII Premios Opinión de música folk
Xénero: | 27 / 5 / 2013
O sábado celebrouse no Teatro Rosalía da Coruña a gala de entrega dos XII Premios Opinión de Música Folk. Un certame no que Rodrigo Romaní fixo dobrete cos premios a mellor canción (por Terra de Melide) e mellor artista do ano. Luar Na Lubre recibiu o premio a mellor disco galego de folk polo seu traballo Mar Maior. Pablo Barreiro Rivas, director do arquivo sonoro da Radio Galega e compositor, recibiu tamén o Premio Opinión Andaina Senlleira. As cantareiras Taravela, un grupo da Escola Municipal de Folclore de Betanzos e a reaparición de Dhais, que homenaxeou aos finados César Morais e Luís Areán, completaron as actuacións musicais desta gala.
Banda Baile Asalto convida á festa
Xénero: | 20 / 5 / 2013
Temas de festa e de baile, tirados da tradición mais mesturados con metais, guitarras, batería e toques de jazz. Cos seus seis membros repartidos entre Pontevedra e Vigo, Banda Baile Asalto presenta o seu primeiro disco, homónimo do grupo. Gravado nos estudos composteláns A Ponte, en grande medida ao vivo, o CD achega dez temas mais un bonus e conta con colaboracións como as de Eliseo Parra, Uxía Senlle ou Rodrigo Romaní entre outros. O grupo está a desenvolver unha xira de presentación que pasou xa por Compostela, Boiro ou Vigo.
O cancioneiro en dixital
Xénero: | 7 / 5 / 2013
Considérase a pedra basilar da recuperación da nosa música tradicional galega. O Cancioneiro popular galego que compilou Dorothé Schubarth coa colaboración de Antón Santamarina supón unha achega inigualable cuxa importancia medra cos anos. Agora, a Fundación Barrié, que a editara orixinalmente, pon na rede unha versión dixital da obra que, de certo, ha supor un grande pulo á súa popularización. Repasamos con músicos do país a importancia deste traballo e o seu impacto na música de raíz.
Guezos é o único grupo galego na final do Proxecto Runas
Xénero: | 6 / 5 / 2013
A organización do Festival de Ortigueira daba a coñecer esta fin de semana os catro grupos finalistas do Proxecto Runas, que se poderán ver ao vivo na edición do evento deste ano. Guezos é a única banda galega que accedeu a esta fase, e actuará o xoves 11 de xullo competindo cos vascos Ruaille Buaille, os baleares Boc e Folk on Crest, de Castela e León. O grupo que presente un mellor directo levará un premio de 2.500 euros e incorporarase ao cartel da vindeira edición.
Falece Henrique Otero, O Gaiteiro do Fragoso
Xénero: | 19 / 4 / 2013
Henrique Otero Covelo, coñecido como O Gaiteiro do Fragoso, acaba de falecer, segundo publica hoxe a Asociación de Gaiteiros Galegos no seu web. Otero, nado en 1930 en Lavadores, Vigo, creou o primeiro método moderno de Galicia para gaita e supuxo unha figura de transición entre os gaiteiros tradicionais e os actuais. Ademais, foi autor de máis de dúascentas pezas musicais que se incorporaron ao repertorio de diferentes grupos do país e o seu traballo foi clave para que se oficializasen os estudos de gaita polo Ministerio de Educación. A súa obra foi recoñecida coa medalla Constantino Bellón. A capela ardente instalarase Tanatorio Vigo Memorial a partir de hoxe venres, ás 13 horas
novidades discográficas
Repichoca
Tiruleque
Alvela
FAIA
Feira
De Ninghures
Tradimensional
Ailá
Vinde todas
Carmela
REPORTAXE
Aprender das cantigas
Data.Antón Castro aproveita a nosa música tradicional para ensinar solfexo aos seus alumnos


