Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Folk
Música Folk
Tiruleque di Mu!!
Xénero: | 7 / 10 / 2013
Pezas da música popular para bailar, que incorporan metais ou baixo e non rexeitan toques de swing ou de ritmos cubanos. Mu!!,o segundo traballo de Tiruleque afianza a liña de folk festeiro que o grupo apuntaba no seu primeiro disco. En total son once temas gravados nos estudios Bonham da Coruña os que interpretan os sete membros da formación, que sofreu mudanzas desde o seu primeiro traballo. O grupo presentou o álbum o pasado 27 de setembro no Club Do Mar San Amaro da Cidade Herculina.
TVG prescinde de Alalá! para a nova temporada
Xénero: | 3 / 9 / 2013
O programa de música tradicional Alalá! presentado por Pilar García Rego despedirase este vindeiro domingo dos espectadores da Televisión de Galicia coa súa entrega número 210. Segundo veñen de confirmar a través do seu perfil de Facebook o popular programa deixa de existir cun capítulo dedicado á Asociación de Gaiteiros Galegos. O programa Alalá! foi recoñecido no ano 2008 co premio Gaita de Ouro “Constantino Bellón” outrogado polo Ateneo de Ferrol, ademais de outros importantes premios conseguidos anteriormente como o galardón ao mellor programa de Tradición musical outorgado pola Academia das Ciencias e das Artes de Televisión en 2007 e o Premio Galicia Comunicación da Xunta no mesmo ano. O cambio de horario de emisión do programa en 2010, entre outras cousas, motivou daquela un comunicado da Asociación de Gaiteiros Tradicionais denunciando a diminución de tempos e presenza para a música tradicional nos medios de comunicación públicos, recalamación que fixeron chegar aos grupos parlamentarios.
Pablo Devigo recunca no premio Constantino Bellón
Xénero: | 2 / 9 / 2013
Está a amosar ser un dos gaiteiros máis importantes do país. Pablo de Vigo, de Castro Caldelas, impúxose por cuarta ocasión no Premio Constantino Bellón de gaita, dotado con 3.000 euros. Canda a el, Raquel García, desde Valencia, acadou o premio Gaiteiro de Soutelo, dirixido á Galicia Exterior. O lucense Daniel Fernández López e o vasco Daniel Lumbreras obtiveron cadanseu accésit na gala que se celebrou o pasado sábado no Teatro Jofre de Ferrol Canda a estes galardóns, o Ateneo Ferrolán fallou tamén o premio para composicións para a gaita, que foi para a peza Fantasía concertante para gaita e banda de Daniel Romar.
Pablo Carpinteiro recibe a Gaita de Ouro do Constantino Bellón
Xénero: | 28 / 8 / 2013
O Constantino Bellón é o certame máis importante para a defensa e difusión da gaita galega. Alén do concurso de composición, anualmente concede a Gaita de Ouro para recoñecer o traballo neste campo. Este ano, o gañador desta mención honorífica e Pablo Carpinteiro (Lugo, 1969) polo “labor desenvolvido como gaiteiro, investigador e artesán”. O premio de composición fallarase o sábado tras unha gala que se organiza no teatro Jofre, entidade organizadora deste certame.
Bicos, abrasos e apalpasos é o debut de Ludovaina
Xénero: | 9 / 8 / 2013
Logo de dez anos de actuacións e ensaios, o grupo de Cangas Ludovaina acaba de presentar o seu primeiro disco. Bicos, abrasos e apalpasos presenta trece temas de composición propia pero que interpretados polo cuarteto ao xeito máis tradicional. Segundo sinala a banda "queremos chamar a atención de ouvintes doutros estilos musicales e dar un aire novo á música tradicional galega". Os seus animados temas poden escoitarse este verán nos diferentes festivais polos que están a xirar.
Unha nutrida delegación galega participa no Festival de Lorient
Xénero: | 5 / 8 / 2013
Anxo Lorenzo, Edelmiro Fernández, Pablo Seoane Méndez, Taghaitai, Linho do Cuco, Asociación Cultural Traspés e a Banda de Gaitas de Forcarei marcan o desembarco galego do Festival Intercéltico de Lorient. Canda a eles, Tremuiños, Trécolas, Tromentelos ou Os D`abaixo actuarán no posto de 200 metros cadrados que leva a Xunta ao evento a través de Turismo de Galicia. Ismael García e Xesús Rodríguez participarán no Trofeo MacCrimmon pola súa banda, mentre Rodrigo Romaní caeu da delegación galega por mor dun accidente doméstico. O evento, que comezou o pasado venres día 2, desenvólvese na cidade bretoa ata o vindeiro 11 de agosto.
O Festival de Pardiñas homenaxea a Díaz Castro
Xénero: | 1 / 8 / 2013
Os Minhotos, Susana Seivane, Coanhadeira ou Dios ke te Crew son algúns dos grupo que compoñen o cartel da 34 edición do Festival de Pardiñas, que arrinca mañá nesta localidade de Guitiriz. O clásico encontro adquire esta xeira un especial significado pola dedicatoria a Xosé María Díaz Castro co Día das Letras Galegas de 2014. Así, a asociación Xermolos, que organiza a cita, lembrará a figura deste poeta, ademais de artellar unha homenaxe a Xosé Seivane, pregoeiro da primeira mostra de artesanía que se celebrou no seo o Festival. Como novidade, o vindeiro sábado celebrarase por vez primeira en Guitiriz un encontro de Cantos de Taberna, que se suma a propostas habituais como a mostra de instrumentos de música tradicional, a de artesanía ou a carreira popular.
Milladoiro e Treixadura protagonizan o Festival Intercéltico do Morrazo
Xénero: | 9 / 7 / 2013
Os vindeiros 26 e 27 de xullo, a Alameda de Moaña acollerá a XXIX edición do Festival Intercéltico do Morrazo. Outra Vaca no Millo, do Hío e mais os veteráns Milladoiro protagonizarán a primeira xornada do evento, mentres Os Pelouros e Treixadura serán os responsables de fechar o evento. Para alén dos concertos, o Concello programou unha feira de artesanía e presentou unha imaxe renovada para o evento, que conta cun orzamento de 28.000 euros.
Anuncio de treboadas
Xénero: | 3 / 7 / 2013
Con fondos europeos e co apoio do Concello do Tomiño a asociación Gaiteiros da Xistra leva xa uns anos a traballar para coñecer e difundir as treboadas. Esta forma musical, distribuída nas dúas bandas do Miño e orixinaria cando menos da Idade Media, conta agora cun libro-DVD e cunha consideración renovada mercé a esta iniciativa.
Así soará Galicia en Lorient
Xénero: | 25 / 6 / 2013
O Festival Intercéltico de Lorient é o principal causante de que Galicia sexa máis coñecida na Bretaña que no resto de Francia. Este ano, coincidindo coa elección de Asturias como país convidado, producirase o maior desembarco galego. Oito solistas e grupos de música tradicional que achegarán unha visión do folk e música tradicional galega para o mundo. Escoita no interior da noticia como soará Galicia en Lorient.
novidades discográficas
Repichoca
Tiruleque
Alvela
FAIA
Feira
De Ninghures
Tradimensional
Ailá
Vinde todas
Carmela
REPORTAXE
A Biblia en gaita
Data.“O pentafol” recolle en seiscentas páxinas unha escolma única de partituras para gaita


