TVG prescinde de Alalá! para a nova temporada
setembro 3, 2013
O programa de música tradicional Alalá! presentado por Pilar García Rego despedirase este vindeiro domingo dos espectadores da Televisión de Galicia coa súa entrega número 210. Segundo veñen de confirmar a través do seu perfil de Facebook o popular programa deixa de existir cun capítulo dedicado á Asociación de Gaiteiros Galegos. O programa Alalá! foi recoñecido no ano 2008 co premio Gaita de Ouro “Constantino Bellón” outrogado polo Ateneo de Ferrol, ademais de outros importantes premios conseguidos anteriormente como o galardón ao mellor programa de Tradición musical outorgado pola Academia das Ciencias e das Artes de Televisión en 2007 e o Premio Galicia Comunicación da Xunta no mesmo ano. O cambio de horario de emisión do programa en 2010, entre outras cousas, motivou daquela un comunicado da Asociación de Gaiteiros Tradicionais denunciando a diminución de tempos e presenza para a música tradicional nos medios de comunicación públicos, recalamación que fixeron chegar aos grupos parlamentarios.