Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Folk
Música Folk
Dequenvessendo debuta co Canto das xacias
Xénero: | 17 / 9 / 2020
Logo de catro anos de actividade, o grupo folk Dequenvessendo presenta o seu debut discográfico.Canto das xacias achega once tema de composición propia no que o grupo explora, mediante a confluencia de "sonoridades celtas, atlánticas e de raíz" a "lenda dos xacios ou xacias, os seres metade humanos e metade peixes que habitan, segundo o imaxinario popular, no fondo dos pozos e dos ríos galegos". O disco, editado por Xingra e producido por Mirmidón, chega logo do éxito dunha campaña de micromecenado.
Milladoiro homenaxeados en pedra e terra para a historia en Nigrán
Xénero: | 25 / 8 / 2020
No Concello de Nigrán, na parroquia de Chandebrito hai xa un sitio de recordo e unha dupla homenaxe para a formación folk máis senlleira do país. Co gallo do terceiro festival Chandefolk e o concerto do grupo Milladoiro o concello levou a cabo primeiro a reforestación con 40 especies autóctonas dun espazo de 7.000 metros cadrados en colaboración coa Comunidade de Montes, que quedou bautizado coma Bosque de Maeloc en recordo do primeiro disco de Milladoiro A Galicia de Maeloc editado fai xustamente 40 anos, o primeiro disco galego en editarse en Francia. Ademais diso no mesmo Outeiro descubriuse un monumento feito polo colectivo 'Arte no Queimado' que ademais do nome do grupo inclúe unha figura fde catro metros de altura feita con 40 cubos de granito da canteira de Chandebrito representando a acumulación de pedras amontoadas por romeiros e peregrinos que definen un milladoiro. O recoñecemento feito por parte do Concello de Nigrán e a Comunidade de Montes ao grupo tivo especial mención nun dos ex-membros fundadores de Milladoiro, Antón Seoane, que é veciño da zona desde fai 20 anos. O propio Seoane xunto aos membros actuais da banda participaron da reforestación e inauguración do monumento.
A 15ª MICE estreará o documental 'Dorothé na vila' de Alejandro Gándara e Olaia Tubío
Xénero: | 14 / 8 / 2020
A pandemia forzou en marzo á suspensión da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico uns días antes de decretarse o estado de alarma. Agora a 15ª edición da MICE do Museo do Pobo Galego en Santiago volve con novas datas de celebración, do 25 ao 29 de agosto, e cunha fórmula mixta que xa é un estándar destes tempos en aras dunha maior seguridade, na que as actividades se realizarán combinando un formato presencial e en liña. Por iso, a organización optou por unha redución da programación presencial. Destes cambios nace Cinema Bonaval, que aproveitará as noites de agosto para gozar de filmes ao aire libre baixo as estrelas do Parque de Bonaval. Esta sección, que estará formada por cinco filmes en tres sesións, reúne as liñas temáticas que ían centrar as seccións non competitivas Trazas e Impropias (adiadas ao 2021): a oralidade e a memoria histórica e das mulleres. Dentro destas proxeccións, destaca a estrea o xoves 27 de agosto ás 22h00 do documental Dorothé na vila, proxecto de Alejandro Gándara e Olaia Tubío, con Lucía Estévez na edición, que recibiu o Premio Luisa Villalta da Deputación da Coruña. A película segue os pasos, corenta anos despois, da musicóloga suíza Dorothé Schubarth na súa viaxe por Galicia a finais dos 70, cando procuraba cantos antigos que desapareceran no centro de Europa. Desta busca saíron as 300 horas de gravacións que forman o Cancioneiro Popular Galego, a maior compilación de músicas tradicionais do país, que hoxe en día están depositadas no APOI do Museo do Pobo Galego.
O programa Danza 3 mantén o seu número de citas na nova edición
Xénero: | 11 / 8 / 2020
Unha actuación da agrupación O Fiadeiro abría este domingo en Mondariz a nova edición do ciclo Danza 3, dedicado ás formas tradicionais da música e das artes do movemento. O programa que promovido pola Consellería de Cultura desenvolverá nesta xeira un total de 12 actuacións, o mesmo que no 2019, ata o mes de novembro. Como é habitual serán as agrupacións Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos, integradas no colectivo XOC as que presenten os seus espectáculos no marco do programa. A vindeira actuación prevista será tamén do Fiadeiro o vindeiro 16 de agosto en Soutomaior.
O TradFest mantén o seu sitio nas festas do Apóstolo e multiplica os seus espazos
Xénero: | 20 / 7 / 2020
O pasado ano nacía o TradFest en Santiago, unha cita co folk en todas as súas expresións que entraba dentro do marco das festas do Apóstolo da capital galega con ánimo de continuidade, e dese xeito está tamén presente este ano cun día enteiro de programación o vindeiro 26 de xullo. Neste 2020 é unha edición adaptada á situación sanitaria sen renunciar a facer a festa incluíndo de novo música, canto, baile, cursos, feira, etc. Un escaparate das tradicións renovadas que nesta ocasión comprenderá dous enclaves da cidade: a Praza da Quintana cos concertos de encerramento e o Parque de Bonaval, onde se estenderá por tres espazos do parque a propia igrexa de San Domingos separando as actividades por formatos en cada un dos lugares. A nivel musical pasarán por Bonaval Barahunda, Zeltia Irevire, é Romance, Laura Lamontagne, Candorka, Porcoteixos e Anxo Lorenzo entre outros. O grupos de bailes serán Bouba, Altalaplana, Os Monifates e Cobos & Prieto darán cursos durante a xornada. Tamén haberá unha mostra de instrumentos e un mercado de libros e discos en Bonaval. As rúas da cidade estará durante o TrdFest animadas por catro ruadas e na Praza da Quintana estará a Banda Municipal de Música cun repertorio de título “De Tradición con Suso Vaamonde” e pecharán alí a xornada de TradFest ás 22:00 horas Tanxugueiras. O TradFest está promovido polo xornal La Voz de Galicia e producido desde Nordesía e aCentral Folque .
O Festival de Pardiñas muda o seu formato e pasa a ser un ciclo cultural
Xénero: | 14 / 7 / 2020
Pendente aínda de anunciar programa, a Asociación Xermolos adiantaba onte nas súas redes sociais o novo formato co que o Festival de Pardiñas se adaptará á crise sanitaria. Segundo explica o colectivo, a XLI xeira deste evento vaise desenvolver "nun novo formato de acordo co seu título de Feira e Festa da Música e das Artes, tendo en conta as medidas de seguridade vixentes, convencidos da necesidade de manter viva a nosa cultura e música mesmo nos tempos máis arrriscados". Deste xeito, a actividade distribuirase ao longo das fins de semana do mes de agosto por diferentes espazos do Concello de Guitiriz, ao xeito dun ciclo cultural que abrangue música, audiovisual ou literatura.
A agrupación Cántigas e Frores é galardoada co XIII Premio Opinión Andaina Senlleira
Xénero: | 13 / 7 / 2020
O XIII Premio Opinión Andaina Senlleira, que se outorga no marco dos Premios Opinión de Música de Raíz, ten xa nome. A organización dos galardóns acordou recoñecer neste ano a histórica agrupación lucense Cántigas e Frores como "un referente musical" do país. Nada en 1948 a integrar as agrupacións Frores e Silveiras e Cantigas e Aturuxos, a entidade mantén unha escola de música e baile tradicional con preto de 300 persoas inscritas en grupos de gaita, percusión, baile, canto tradicional, acordeón, violín, ou zanfona.
A aposta polo virtual marca o XVI Zona da Zanfona
Xénero: | 29 / 6 / 2020
Efrén López, Sobre Rodas, Os monifates e É Romance compoñen o cartel de concertos da XVI Edición do encontro Zona da Zanfona. Rianxo acolle entre o 3 e o 5 de xuño a nova xeira desta iniciativa que se adapta á situación sanitaria mediante recitais e cursos con reserva e aforo limitado e a aposta polas actividades virtuais.
Luar Na Lubre entra en temática Xacobea co seu novo disco 'Vieiras e vieiros, historias de peregrinos'
Xénero: | 25 / 6 / 2020
Luar Na Lubre publicará este venres, 26 de xuño, o seu 19º traballo discográfico: Vieiras e vieiros, historias de peregrinos. O álbum pon en valor as historias vinculadas ás persoas que percorreron, e hoxe en día seguen a percorrer, o Camiño de Santiago: Os seus peregrinos. O disco, editado por Warner Music e producido por Mirmidón, conta co apoio da Xunta de Galicia a través do programa O teu Xacobeo. Con este novo traballo a formación pon banda sonora ao Camiño de Santiago ao seu paso por Galicia a través de 27 temas nos que o grupo intercala as súas creacións con sonoridades propias dos sendeiros e lugares que percorre o itinerario xacobeo, ademais daquelas músicas tradicionais que perviviron ao longo dos tempos no territorio. O factor humano do Camiño de Santiago fía o relato do traballo artístico, que recolle vivencias persoais, feitos históricos, lendas e sonoridades vinculadas, intimamente, os diferentes carreiros da ruta, o antigo Camiño das Estrelas dos celtas. Bieito Romero, fundador do grupo, sinala que os temas deste novo álbum "visualizan historias de peregrinos chegados a Galicia que, desde Luar Na Lubre, recollimos en diferentes momentos e mediante diferentes vías, tamén por medio do relato de peregrinos modernos". O álbum acompáñase dunha recompilación de músicas relacionadas co Camiño de Santiago ao longo da traxectoria artística de Luar Na Lubre. Este segundo disco, no que aparecen cantigas versionadas polo grupo en anteriores traballos, conta con colaboracións de figuras recoñecidas como Pablo Milanés, Diana Navarro, Ismael Serrano, Miro Casabella, Carlos Jean ou mesmo a Orquestra Sinfónica de Bratislava.
Nace Tradi Na Rede, a primeira escola virtual privada de música e baile tradicional
Xénero: | 29 / 4 / 2020
Antonio Prado, Noa Migal e Miguel Vázquez son os mestres que están detrás de Tradi Na rede, a primeira escola virtual privada para achegarse ao mundo da música e baile tradicional. A nova escola ábrese xustamente neste momento no que a aprendizaxe a través de redes está normalizándose pola vía de ser a única opción, e aspira a manterse no tempo, pudendo obter un alcance global. Usando vídeos semanais con material adicional que completará a aprendizaxe dende a casa, así como contidos xerais para toda a escola estes tres mestres ofrecen na plataforma inicialmente cursos de iniciación a tres especialidades: baile, gaita e pandeireta, así como obradoiros que se publicarán nas vindeiras semanas. Os tres atesouran experiencia docente e profesional nos seus campos. Prado e Migal forman parte do grupo Xosé Lois Romero & Aliboria e Miguel Vázquez dirixiu Grupo da Música da A.C. Xacarandaina entre os anos 2009 e 2017. Os tres son docentes habituais das materias que agora van impartir de xeito virtual a través de Tradi Na Rede pero tamén ofrécense para levar a cabo cursos presenciais.
novidades discográficas
Repichoca
Tiruleque
Alvela
FAIA
Feira
De Ninghures
Tradimensional
Ailá
Vinde todas
Carmela
REPORTAXE
Aprender das cantigas
Data.Antón Castro aproveita a nosa música tradicional para ensinar solfexo aos seus alumnos


