Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Folk
Música Folk
Entre Trastes presenta o seu álbum Umami, gravado ao vivo
Xénero: | 14 / 4 / 2020
Logo dunha exitosa campaña de crowdfunding o cuarteto Entre Trastes lanzou Umami, un álbum ao vivo que recolle a actuación da banda na gala dos Premios Opinión de Música de 2019. A seguir a liña da banda, o disco recolle nove temas de folk acústico interpretado polas cortas de Álvaro Iglesias (Contrabaixo), Xosé Liz (Bouzuki, Mandolina), Daniel Vilar (Guitarra acústica e española) e Hugo Franco (Guitarra acústica). Temas propios que beben da tradición musical galega, acompañada de achegas de bluegrass, música bretoa, irlandesa ou escocesa, entre outras influencias.
Luar na Lubre avanzan dous temas do seu seguinte disco sobre o Camiño de Santiago
Xénero: | 27 / 3 / 2020
Luar Na Lubre estrea hoxe dous temas novos de adianto do seu seguinte traballo discográfico Vieiras e vieiros. Historias de peregrinos. As pezas Benvido e Mártiros e o vákner son os primeiros cortes que se avanzan do 19º disco da banda, un álbum no que Luar Na Lubre explora os escritos, as lendas, as sonoridades e as pegadas que os peregrinos deixaron a través dos múltiples sendeiros que conforman o Camiño de Santiago ao seu paso polo territorio galego. A saída do disco estaba prevista para o vindeiro 17 de abril e foi posposta, aínda sen nova data, ao igual que os primeiros concertos de presentación directo. O primeiro dos temas, Benvido, é un canto de benvida e de presentación aos peregrinos que chegan a Galicia a través do Camiño e conta coa colaboración da voz de Miguel Ríos que rexistra por vez primeira un tema en galego; mentres que o segundo, Mártiros e o vákner, pon o foco sobre a lenda da ruta xacobea que aborda a peregrinación do armenio Mártiros e o seu encontro nos montes de Dumbría cunha besta maligna á que nomeou vákner. O disco conta co apoio da Xunta de Galicia a través do programa O teu Xacobeo. Os temas xa están dispoñibles en plataformas dixitais (iTunes, Deezer, Tidal, Spotify e Amazon).
A Xunta ampliará a proposta de declaración como BIC do baile tradicional
Xénero: | 16 / 3 / 2020
O Diario Oficial de Galicia deste 16 de marzo publica a resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural que deixa sen efecto a incoación para declarar ben de interese cultural o baile tradicional. Cando se fan dous anos do comezo do proceso, esta orde fecha aquela iniciativa, ao tempo que anuncia a posta en marcha dun novo procedemento ampliado co que se pretende declarar como BIC o conxunto do baile e da música tradicional do país. A nova declaración iniciará agora unha fase de análise previa á posta en marcha a súa incoación.
Xabier Díaz e Adufeiras do Salitre cantan á Galicia rural en desaparición
Xénero: | 13 / 3 / 2020
Desde hoxe xa está dispoñible As Catedrais Silenciadas (Música de Salitre) o novo e terceiro disco xurdido da xuntanza de Xabier Díaz coas cantareiras Adufeiras de Salitre. Dez temas tradicionais arranxados por Díaz e entre os que hai unha panoplia da riqueza e diversidade da música de raíz: alalás, pasodobres, muiñeiras, ribeiranas e agarrados. O título do disco fai referencia á perda do mundo rural como desaparición cultural da identidade galega, un berro de alerta ante o seu progresivo despoboamento e a perda que isto implica. As Catedrais Silenciadas, din, son os vellos soutos milenarios, o idioma, os alalás, os nomes dos cons, as vacas ou as vellas ribeiranas. Os temas volven amosar a excelencia musical dos intérpretes e a súa sensibilidade contemporánea cara o tradicional. Os concertos previstos de presentación en directo deste traballo quedan pendentes de confirmación ante a alerta sanitaria actual pero xa se pode escoitar o traballo nas principais plataformas dixitais.
Xosé Lois Romero e Aliboria continúan a explorar a percusión en Latexo
Xénero: | 12 / 3 / 2020
"Trasladar o bruar da terra, algo que chega dende o corazón, pero que pasa polas vísceras, e se convirte nunha sorte de zunido tribal, de folclore racial, de estalido musical" é o obxectivo co que Xosé Lois Romero e Aliboria presentan Latexo, o seu segundo álbum de estudio. Da man da discográfica Raso chega ás tendas este proxecto con dez novos temas catro anos despois da presentación do grupo co seu disco homónimo.
Germán Díaz e Tanxugueiras aparecen como favoritos nos Premios Opinión de Música de Raíz
Xénero: | 6 / 3 / 2020
O xornal La Opinión publicaba na mañá deste 6 de marzo a listaxe de finalistas para XIX edición dos Premios Opinión de Música de Raíz. Na listaxe destaca a presenza de Germán Díaz, que está presente nas catro categorías dos galardóns. O zanfonista, para alén de optar ao premio ao mellor intérprete, aspira ao de mellor disco polo Trece cancións bonitas que gravou con Benxa Otero, e onde se atopan tanto Es un sombrero, aspirante a mellor tema orixinal, como Alalá de Muxía, candidata á mellor adaptación dunha peza tradicional.
aCentral Folque lanza Antonio Fraguas e a memoria musical de Cotobade
Xénero: | 12 / 12 / 2019
Xavier Groba asina o último lanzamento de aCentral Folque na súa colección Chave Mestra. Antonio Fraguas e a memoria musical de Cotobade é un libro-CD que recolle un cancioneiro musical inédito do homenaxeado no Día das Letras deste 2019, unha colección de partituras de Cotobade compilada por Saturnino Cuiñas e gravacións dos traballos de campo realizados na zona por investigadores como Alan Lomax, Gustav Henningsen ou María Vidal entre outros.
Tanxugueiras sacan o seu 'Contrapunto' para explorar os límites no trad
Xénero: | 25 / 11 / 2019
Tras da consecución este ano do premio Martín Códax da Música e no 2018 do premio a Mellor álbum galego dos Premios MIN da Música Independente co seu primeiro disco, había moitas miradas postas con expectación o seguinte paso a dar por esta formación de tres novas mulleres que chegaban para poñer o seu selo persoal na música tradicional. Agora con Contrapunto (Calaverita Records e PlayPlan) Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro avanzan nun son propio, o do Trad contemporáneo que vai sumando adeptos desprexuizados e co que exploran os límites da música tradicional e déixanse influír por outros ritmos e tamén polas novas formas da cultura urbana. Coa presentación anticipada dos dous primeiros temas do disco en vídeo o trío deixa xa clara esta intención de participar das correntes urbanas, pero sen perder de vista a raíz tradicional a partires da que fan crecer o seu proxecto. Na intención declarada de Tanxugueiras está amosar que a música tradicional galega pode avanzar, renovarse a cada paso e acadar novos escenarios a través de dez temas confeccionados a partir de letras tradicionais e renovados con arranxos actuais. As tres asumiron nesta ocasión a definición tanto artística como musical de Contrapunto, no que tamén contaron coa coprodución do músico Isaac Palacín. Contrapunto é, polo tanto, un disco sen corsés, feito dende a tradición pero sen amarres no pasado, feito sen prexuízos e que se engrandece dunha escoita sen eles tamén. O disco xa está en todas as plataformas dixitais.
Xulio Lorenzo asina un segundo traballo cheo de ilusión en 'Volver soñar'
Xénero: | 1 / 10 / 2019
Dous anos despois do seu primeiro traballo discográfico Cantos da ialma (Autoeditado, 2017) Xulio Lorenzo volveu pasar polo estudio cunha ducia de temas e moita ilusión representada neste novo disco Volver soñar. De novo a composición propia domina o repertorio, o gaiteiro asina dez dos temas do álbum, contando ademais cun tema tradicional e outro de Diego Bea Besada, que ademais participa nos arranxos do resto das cancións e actúa neste caso como produtor musical deixando sitio tamén para achegas eléctricas na composición sonora. Segundo Lorenzo neste novo traballo "viaxaremos aos soños da infancia, soños de ilusións" e nel atoparemos temas alegres e cheos de vida "cada un deles coa súa especial historia". No disco podemos atopar temas dedicados á súa Terra de Mos natal como Terra d´Mos, Mar d´Arousa, Filla da Roseira ou Pasacorredoiras da Torroeira e outros cque nos levan a viaxes xeográficos e temporais como Senhora do Almortâo, no que Lorenzo pon música sobre un dos temas máis emblemáticos da cultura popular da Beira Baixa de Portugal coa colaboración das voces dos pandereteiros Diego Calviño, Iván Blanco e Diego Cabaleiro; a Xota de Caroi, unha peza tradicional con connotacións sefardís. Volver Soñar gravouse nos Estudios Metrópolis de Vigo contando con Fran Álvarez como técnico e para a mestura. Na súa gravación ademais colaboraron de xeito especial nalgún dos temas as Pandereteiras Arume de Guizán ou Belém Tajes. A primeira presentación sobre escenario tivo ligar o pasado 28 de setembro, co gallo do XXV aniversario d´A Cividade de Louredo.
A gaiteira María López gaña o prestixioso certame Mac Crimmon
Xénero: | 7 / 8 / 2019
No marco desta edición do Festival Interceltique de Lorient dedicada á cultura galega a gaiteira coruñesa María López Carballo ven de deixar a súa marca ao gañar o prestixioso certame Mac Crimmon de gaita que enfronta a intérpretes galegos con asturianos desde 1986. Esta é primeira vez que unha muller galega gaña este trofeo (unha asturiana o gañou en 2010) e a duodécima que o premio cae en mans galegas neste certame que leva xa 34 edicións. Segundo informa InfoAstruries a final quedou nun empate entre María López e o asturiano Fernando Vázquez Cárcaba que se resolveou xa que as normas ditan que nestes casos a persoa máis nova leva o trofeo e a galega conta só 14 candeas polo de agora. A coruñesa presentou un amplo repertorio con temas tradicionais galegos, asturianos e bretóns. María López enpezou os seus estudos musicais con seis anos na Escola de Música Bellón Maceirase ten tocado xunto a Carlos Núñez e Susana Seivane.
novidades discográficas
Repichoca
Tiruleque
Alvela
FAIA
Feira
De Ninghures
Tradimensional
Ailá
Vinde todas
Carmela
REPORTAXE
Aprender das cantigas
Data.Antón Castro aproveita a nosa música tradicional para ensinar solfexo aos seus alumnos


