Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Folk
Música Folk
Caamaño & Ameixeiras botan 'Aire!'
Xénero:
| 20 / 4 / 2021Aire! é o nome do primeiro disco de Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras, dúo que baixo o nome Caamaño & Ameixeiras veñen mantendo actividade musical desde 2018. O traballo conta con produción do músico burgalés Diego Galaz, e con colaboracións tan destacadas como Sílvia Pérez Cruz, Fetén Fetén, Abraham Cupeiro, Xavi Lozano, Carola Ortiz, Pablo Martín, Apel•les Carod ou El Pana. O disco xa está dispoñible para adquirilo a través da súa web e veñen de lanzar o seu primeiro tema en videoclip, Florencio. O título fai referencia á figura imprescindible de O cego dos Vilares, creador e transmisor de músicas e historias populares que facía nacer do seu violín e da súa gorxa, e que espallaba despois polas aldeas e montañas da Fonsagrada. O vídeo é "unha homenaxe á tradición, ao popular, ás raíces. Ao poder e á verdade do simple e do auténtico".
Xurxo Fernandes une as tradicións orais de Galicia e o Mediterraneo en 'Levaino!'
Xénero:
| 5 / 4 / 2021O Teatro Rosalía de Castro da Coruña acollerá este vindeiro venres, 9 de abril, a presentación do disco Levaino! de Xurxo Fernandes con todos os asentos dispoñibles xa ocupados. O artista coruñés, coñecido coma etnógrafo e investigador da tradición popular musical oral por formar parte de Radio Cos xunto a Quique Peón, reúne neste traballo discográfico música de raíz tanto galega coma mediterránea oriental con base sefardí que xa trataba desde o seu alter-ego Jako el Muzikante. Por vez primeira na súa traxectoria reúne ambas liñas de recollida tradicional e interpretación. O álbum presenta doce temas recollidos polo propio artista en lugares tan dispares coma Coristanco, Samakov, A Mezquita, Pakistán, Tordoia, Larache, Tel Aviv, Marrocos, Bulgaria, Turquía ou Thesalónika. Con eles, Levaino! percorre unha ducia de paisaxes sonoras pouco coñecidas que explicitan e manifiestan os vencellos entre ambas culturas e tradicións orais. Fernández acompáñase na grabación pola dulzaina e ventos de Pedro Lamas, as percusións de Rubén Montes, Rafa Morales no baixo e Roberto Comesaña nos teclados, aos que se engaden as voces e pandeiretas do grupo Pandeireteiras sen Fronteiros (PanSenFron).
As xornadas O que non se escribe reflexionan sobre creación e os arquivos sonoros
Xénero:
| 22 / 3 / 2021O Concello de Santiago acollía na mañá deste 22 de marzo a presentación das xornadas O que non se escribe. O vindeiro día 24 bota a andar este encontro centrado na reflexión sobre a creación musical contemporánea a partir de arquivos sonoros. Organizado por Luneda Producións, o programa inclúe unha escoita comentada dos discos de lousa conservados no Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura ou unha mesa redonda con Tanxugueiras, Mercedes Peón, Faia Díaz e Xosé Miguélez sobre a creación con este tipo de material.
Zumaque preséntase por todo o alto Silván
Xénero:
| 2 / 3 / 2021Ter situado o seu primeiro traballo, Silván, como candidato en todas as categorías dos Premios Opinión de Música Folk amosa o potencial da banda compostelá Zumaque. O trío formado pola arpista bretoa Bleuenn Le Friec, o contrabaixista Alfonso Calvo e o clarinetista Pablo Pascual, explora novas sonoridades para os ritmos tradicionais no seu álbum de debut. Instrumentos pouco convencionais como son a harpa, o clarinete baixo e o contrabaixo, achegan toques de jazz ás catorce pezas do disco, que lanzaron no final de 2020 e que están a presentar por todo o país.
Zumaque e mais Xosé Lois Romero e Aliboria acaparan candidaturas nos XX Premios Opinión
Xénero:
| 1 / 3 / 2021O xornal La Opinión daba a coñecer este 28 de febreiro a listaxe de finalistas á XX edición dos Premios Opinión de Música de Raíz. As bandas Zumaque e mais o proxecto Xosé Lois Romero e Aliboria encabezan as candidaturas, ao estar presentes nas catro candidaturas de que constan os galardóns, as de tema orixinal,mellor adaptación dun tema tradicional, mellor disco e mellor artista, no que compiten respectivamente Pablo Pascual e Xosé Lois Romero. Séguenos Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, que optan a tres galardóns ao non ter no seu último traballo temas orixinais.
Timparrantela preséntase con Se te quixen foi polos grelos
Xénero:
| 11 / 2 / 2021Desde Ourense chega Timparrantela, unha formación que aposta pola fusión desde a música tradicional cunha perspectiva poética e reivindicativa. Lorena Sotelo (voz), María Blanco (violino), Olalla Rodríguez López (clarinete), Olalla López Rodríguez (saxo), Olga Brañas (piano), Raquel Huete (tuba) e Marta Figueiredo (percusión) presentan o seu primeiro traballo logo de tres anos de actividade.
O dúo Acordeireta comeza a súa andaina con Loitar cantando
Xénero:
| 11 / 1 / 2021Co final de decembro de 2020 comezaron as presentacións de Loitar cantando o álbum de debut do dúo Acordeireta. Cos dous instrumentos que lles dan o nome como base, Patricia González Iglesias e Alejandro Balbuena Ojea achegan no seu primeiro traballo quince cortes que parten de formas tradicionais e inclúen unha versión do Deitado frente ao mar, de Celso Emilio Ferreiro, outra do poema Aperta de Carvalho Calero, e un tema dedicado a Rosalía de Castro. Segundo sinala o grupo na súa presentaicón "Decidimos emprender esta viaxe para amosar o noso agradecemento e facer homenaxe a moitas persoas que queremos e admiramos, e que a través da súa amizade, vivencias, ensinanzas, músicas e poemas, chegaron ás nosas vidas". Ritmos de festa e de loita que ven a luz da man de Inquedanzas Sonoras.
Tres Pesos voltan con Cando os animais cantaban
Xénero:
| 14 / 12 / 2020Logo de tres anos de preparación, o trío Tres pesos presenta o seu segundo traballo discográfico. Felisa Segade, José Antonio Ferreira (Pepe de Calo) e Estevo Lamas autoeditan Cando os animais cantaban, unha colección de 11+1 temas orientados ao baile desde a ollada tradicional. Unha potente base rítmica que inclúe pandeiros, pandeiras, bombos, pandeiretas ou culleres acompaña as melodías de acordeón, clarinete e gaita nun proxecto que chama a recuperar o canto popular nas festas.
De botóns achega un novo repertorio para o acordeón diatónico
Xénero:
| 24 / 11 / 2020Un total de cen pezas de repertorio tradicional galego "e das comarcas da contorna" adaptadas e transcritas para ser interpretadas con acordeón diatónico. Esta é a proposta que achega De botóns, un cancioneiro para este instrumento realizado de xeito pioneiro por Carlos Quintá e Pedro Pascual, logo dun exitoso crowdfunding. A obra incorpora a este acordeón tradicional pezas de repertorios que van "desde o vocal ata o de gaita, pasando polo das murgas e orquestinas, o propiamente acordeonístico ou o de outros instrumentos coma violinos e harmónicas", escritas en linguaxe musical convencional con cadansúa proposta harmónica e rítmica.
A Asociación de Gaiteiros Galegos analiza a tradición en feminino
Xénero:
| 19 / 11 / 2020O Concello de Rianxo acolle este 22 de novembro o encontro Tradición en feminino. A Asociación de Gaiteiros Galegos coordina esta iniciativa que pretende "reivindicar o enorme e imprescindible papel que tivo e ten a muller para a preservación e transmisión da nosa riqueza cultural". No programa, que se poderá seguir en liña a través do Facebook do colectivo, Maruxa dos Rosales, percusionista de Rianxo, dará a coñecer a súa experiencia pioneira como parte un grupo de gaiteiros desde os anos 60.
novidades discográficas
Alvela
FAIA
Feira
De Ninghures
Tradimensional
Ailá
Vinde todas
Carmela
BâNZô
Os do Fondo da Barra
REPORTAXE

Aprender das cantigas
Data.Antón Castro aproveita a nosa música tradicional para ensinar solfexo aos seus alumnos