Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Folk
Música Folk
Xisco Feijoó pon en valor a cantiga de creación colectiva en 'Peixe'
Xénero:
| 7 / 7 / 2021Logo dun incesante labor de recuperación etnográfico ao longo de máis de trinta anos, e de colaborar en máis de vinte discos e espectáculos de artistas de raíz con proxección internacional (como Mercedes Peón, Xosé Manuel Budiño, Carlos Núñez, Berrogüetto, Kepa Junquera ou Rodrigo Romaní, entre outros), Xisco Feijoó presenta o seu primeiro traballo discográfico, Peixe (Sorte Discos), unha creación que bebe do máis puro e ancestral para achegar a modernidade alén das peixeiras. O álbum é o resultado dun incesante traballo de recuperación polas aldeas galegas, nas que o artista gravou e recolleu historias, músicas e cancións. Con Peixe, Xisco Feijoó pretende achegar, desde a súa óptica particular, unha visión atrevida, moderna e contemporánea sobre a música de creación colectiva galega. O disco, composto por dez temas, pon en valor o papel da cantiga tradicional, da que o artista salienta a súa identidade e significado propio, e sobre as que que fía un relato de historias con tintas autobiográficas e conectadas por un eixo común: a diversidade humana. "Peixe fala de sentimentos, de sensacións, de querencias e de desexos. Fala de todo o que queremos ser e non somos quen. E do que somos e non desexamos. Fala da aceptación, de deixar atrás a resignación, e de entender que, entre nós, non hai gaiolas nin peixeiras que nos pechen. Peixe somos cada un de nós, únicos e irrepetibles", sinala Xisco Feijoó.
Enreguéifate falla os galardóns do certame 2021
Xénero:
| 21 / 6 / 2021O certame Enreguéifate, que premia os mellores traballos de improvisación oral en galego acaba de dar a coñecer os galardóns de 2021. O xurado, composto por María López, concelleira en Teo e profesora; Manolo Maseda, mestre, músico e regueifeiro; Séchu Sende, mestre, escritor e regueifeiro; e A Rabela, rapeira, filóloga e regueifeira, escolleu as propostas gañadoras entre as 42 que participaron no concurso.
Zas suspende por segundo ano a súa Festa da Carballeira
Xénero:
| 16 / 6 / 2021Tampouco en 2021 haberá Festa da Carballeira de Zas. A 38 edición do festival folk, que xa non se puido celebrar en 2020, foi suspendida pola organización do evento. Segundo sinala nun comunicado a Asociación Cultural Castro-Meda "a situación sanitaria actual segue sen permitirnos garantir a seguridade de todas as persoas participantes no festival". A entidade chama ao público a asistir ao evento en 2022, previsto para os días 5 e 6 de agosto. Dáse a circunstancia de que o festival foi declarado Festa de Interese Turístico Galego en febreiro de 2020, sen que desde aquela se puidese celebrar por mor da situación sanitaria.
As Efémeras debutan desde Redondela con música de proximidade
Xénero:
| 9 / 6 / 2021"Música para escoitar, danzar e reflexionar. Música comunitaria. Inspiración poética e política de quilómetro cero: desde Redondela para o mundo". Así se presentan As Efémeras, un grupo que debutou ao vivo no verán de 2020 e que acaba de lanzar o seu primeiro traballo, co mesmo nome da formación. O CD autoeditado achega trece temas con "letras de intelixencia racional e emocional. Composicións novas e frescas con inspiración nas músicas populares. De Galiza e Portugal. Musicas lixeiras e contundentes. Bailables, mais que dan que pensar".
A Banda de Música de Santiago achega os instrumentos tradicionais ao ensino
Xénero:
| 28 / 5 / 2021Achegar aos centros de ensino os instrumentos musicais da tradición galega e explorar as súas posibilidades. Este é o obxectivo do proxecto Os nosos instrumentos hoxe, que presenta a Banda de Música de Santiago de Compostela da man do Concello. A iniciativa consiste nun concerto no que a formación, a empregar dezasete aparellos como o acordeón, o asubío, a castañeta, o charrasco, a gaita, a ocarina, a pandeira ou a zanfona, interpreta once pezas entre cantigas populares e composicións clásicas de autores coma Wagner, Bizet ou Rossini.
Os Premios Opinión da Música de Raíz recoñecen o Festival de Ortigueira
Xénero:
| 24 / 5 / 2021A vixésima edición dos Premios Opinión de Música de Raíz celebrou na noite do venres 21 de maio a súa gala. Na mesma, o Festival do Mundo Celta de Ortigueira recibiu o premio Andaina Senlleira en recoñecemento ao seu labor a prol deste tipo de música ao longo das súas trinta e cinco edición. No fallo, destácase que o encontro é "un referente no mundo festivaleiro" que "co paso dos anos o grande espírito lúdico e a calidade presente no escenario fixeron de Ortigueira un lugar moi especial e unha cita ineludible para moitas persoas". Os responsables do evento afirmaron a súa intención de recuperar a cita para o verán de 2022 logo da pausa motivada pola pandemia.
Trilitrate presentan 'Esta de grelo', o seu terceiro disco
Xénero:
| 20 / 5 / 2021O trío formado por Rubén Abad, Marcos Padrón e Elena Vázquez veñen de presentar o seu terceiro álbum Está de grelo, case cinco anos despois daquel Frutal Death, no que consolidaban os seu sentido experimentador folclorista de perspectivas universais. Neste novo traballo xurdido baixo o apoio do selo norteamericano Ropeadope e o selo barcelonés Gandula os Trilitrate ofrecen trece novos temas, maiormente instrumentais agás tres deles, nos que se manteñen nese espazo propio dando voltas arredor do folk, da música clásica e da contemporánea, no que experimentan sen limitacións de xéneros musicais. O disco ademais inclúe no formato físico un libro de receitas cos grelos, da man de Montse Piñeiro, responsable do deseño gráfico e das artes visuais. Está de grelo, xa está nas principais plataformas dixitais. Foi gravado e mesturado por Javier Ortiz en Estudio Brazil (Madrid) e por Ibán Pérez en Estudio Terraforma (Galicia).
Ailá debuta a investigar a tradición musical
Xénero:
| 26 / 4 / 2021"Unha visión moderna e lúdica da creación colectiva" a partir da tradición oral. Esta é a proposta que fai Ailá, o cuarteto formado por Ángela Carou, Abel Gañete, Manuele Pardo e Xan Pampín que acaba e lanzar o seu primeiro álbum, co mesmo nome que o grupo. Logo de representar a Galicia no Celtic Connection 2020 e de seren premiados no Festival Interritmos dese mesmo ano, Ailá preséntase este 26 de abril como un neoloxismo feito a partir dunha "redución semántica dos retrousos que evocan os Ailalelo ailalá".
Dous libros recuperan os patrimonios musicais de Mondariz e de Ortigueira
Xénero:
| 23 / 4 / 2021Un estudo sobre as bandas de música de Ortigueira, con particular atención á Banda Garrote e á saga que lle dá nome. Esta é a proposta de A banda Garrote: música e músicos en Ortigueira, volume que está a chegar ás librarías da man da editora Dos Acordes. Xabier Garrote Cobelo recolle nesta obra un importante traballo de clasificación e estudo historiográfico dos materiais documentais conservados no Arquivo Musical da formación, a atender ao peso dos seus familiares José María, Manuel e Andrés Garrote na configuración da mesma e do panorama musical galego. O ensaio inclúe tamén referencias a outros músicos responsables de trazar a historia das bandas de música en Ortigueira, a incluír achegas de Xosé Carlos Breixo e de Alejo Amoedo sobre a cuestión.
Caamaño & Ameixeiras botan 'Aire!'
Xénero:
| 20 / 4 / 2021Aire! é o nome do primeiro disco de Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras, dúo que baixo o nome Caamaño & Ameixeiras veñen mantendo actividade musical desde 2018. O traballo conta con produción do músico burgalés Diego Galaz, e con colaboracións tan destacadas como Sílvia Pérez Cruz, Fetén Fetén, Abraham Cupeiro, Xavi Lozano, Carola Ortiz, Pablo Martín, Apel•les Carod ou El Pana. O disco xa está dispoñible para adquirilo a través da súa web e veñen de lanzar o seu primeiro tema en videoclip, Florencio. O título fai referencia á figura imprescindible de O cego dos Vilares, creador e transmisor de músicas e historias populares que facía nacer do seu violín e da súa gorxa, e que espallaba despois polas aldeas e montañas da Fonsagrada. O vídeo é "unha homenaxe á tradición, ao popular, ás raíces. Ao poder e á verdade do simple e do auténtico".
novidades discográficas
Alvela
FAIA
Feira
De Ninghures
Tradimensional
Ailá
Vinde todas
Carmela
BâNZô
Os do Fondo da Barra
REPORTAXE

Aprender das cantigas
Data.Antón Castro aproveita a nosa música tradicional para ensinar solfexo aos seus alumnos