Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Folk
Música Folk
Un curso en Vigo facilitará o achegamento á improvisación oral tradicional
Xénero:
| 8 / 10 / 2020O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo, a través do Centro de Interpretación da Oralidade, acaba de convocar a edición 2020-2021 do Curso de Improvisación Oral en Verso. Esta proposta formativa desenvolverase ata mes de maio do vindeiro ano e pretende dar a coñecer a poesía oral improvisada en verso, espertar o interese pola técnica, facultar o alumnado para poder improvisar e mellorar as competencias persoais no fomento das actitudes para a improvisación, da actitude creativa ou do desenvolvemento da memoria, entre outros obxectivos. As aulas estarán a cargo de Josinho da Teixeira e a inscrición é de balde.
Entre Trastes álzase como triunfador nos XIX Premios Opinión da Música de Raíz
Xénero:
| 30 / 9 / 2020O grupo Entre Trastes conseguiu saír como triunfador da gala dos XIX Premios Opinión da Música de Raíz que se celebrou na noite deste 29 de setembro no teatro Rosalía de Castro da Coruña. A desbancar a Germán Díaz e ás Tanxugueiras, que acumulaban o maior número de candidaturas, a formación conseguiu os galardóns nas dúas categorías ás que aspiraba. O seu Umami obtivo así o premio ao mellor álbum e a canción Candolla impúxose como mellor tema orixinal. Germán Díaz só conseguiu un dos catro galardóns aos que tiña opcións, ao recibir o de Mellor Artista, un premio no que recunca logo de o gañar tamén en 2015.
Dequenvessendo debuta co Canto das xacias
Xénero:
| 17 / 9 / 2020Logo de catro anos de actividade, o grupo folk Dequenvessendo presenta o seu debut discográfico.Canto das xacias achega once tema de composición propia no que o grupo explora, mediante a confluencia de "sonoridades celtas, atlánticas e de raíz" a "lenda dos xacios ou xacias, os seres metade humanos e metade peixes que habitan, segundo o imaxinario popular, no fondo dos pozos e dos ríos galegos". O disco, editado por Xingra e producido por Mirmidón, chega logo do éxito dunha campaña de micromecenado.
Milladoiro homenaxeados en pedra e terra para a historia en Nigrán
Xénero:
| 25 / 8 / 2020No Concello de Nigrán, na parroquia de Chandebrito hai xa un sitio de recordo e unha dupla homenaxe para a formación folk máis senlleira do país. Co gallo do terceiro festival Chandefolk e o concerto do grupo Milladoiro o concello levou a cabo primeiro a reforestación con 40 especies autóctonas dun espazo de 7.000 metros cadrados en colaboración coa Comunidade de Montes, que quedou bautizado coma Bosque de Maeloc en recordo do primeiro disco de Milladoiro A Galicia de Maeloc editado fai xustamente 40 anos, o primeiro disco galego en editarse en Francia. Ademais diso no mesmo Outeiro descubriuse un monumento feito polo colectivo 'Arte no Queimado' que ademais do nome do grupo inclúe unha figura fde catro metros de altura feita con 40 cubos de granito da canteira de Chandebrito representando a acumulación de pedras amontoadas por romeiros e peregrinos que definen un milladoiro. O recoñecemento feito por parte do Concello de Nigrán e a Comunidade de Montes ao grupo tivo especial mención nun dos ex-membros fundadores de Milladoiro, Antón Seoane, que é veciño da zona desde fai 20 anos. O propio Seoane xunto aos membros actuais da banda participaron da reforestación e inauguración do monumento.
A 15ª MICE estreará o documental 'Dorothé na vila' de Alejandro Gándara e Olaia Tubío
Xénero:
| 14 / 8 / 2020A pandemia forzou en marzo á suspensión da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico uns días antes de decretarse o estado de alarma. Agora a 15ª edición da MICE do Museo do Pobo Galego en Santiago volve con novas datas de celebración, do 25 ao 29 de agosto, e cunha fórmula mixta que xa é un estándar destes tempos en aras dunha maior seguridade, na que as actividades se realizarán combinando un formato presencial e en liña. Por iso, a organización optou por unha redución da programación presencial. Destes cambios nace Cinema Bonaval, que aproveitará as noites de agosto para gozar de filmes ao aire libre baixo as estrelas do Parque de Bonaval. Esta sección, que estará formada por cinco filmes en tres sesións, reúne as liñas temáticas que ían centrar as seccións non competitivas Trazas e Impropias (adiadas ao 2021): a oralidade e a memoria histórica e das mulleres. Dentro destas proxeccións, destaca a estrea o xoves 27 de agosto ás 22h00 do documental Dorothé na vila, proxecto de Alejandro Gándara e Olaia Tubío, con Lucía Estévez na edición, que recibiu o Premio Luisa Villalta da Deputación da Coruña. A película segue os pasos, corenta anos despois, da musicóloga suíza Dorothé Schubarth na súa viaxe por Galicia a finais dos 70, cando procuraba cantos antigos que desapareceran no centro de Europa. Desta busca saíron as 300 horas de gravacións que forman o Cancioneiro Popular Galego, a maior compilación de músicas tradicionais do país, que hoxe en día están depositadas no APOI do Museo do Pobo Galego.
O programa Danza 3 mantén o seu número de citas na nova edición
Xénero:
| 11 / 8 / 2020Unha actuación da agrupación O Fiadeiro abría este domingo en Mondariz a nova edición do ciclo Danza 3, dedicado ás formas tradicionais da música e das artes do movemento. O programa que promovido pola Consellería de Cultura desenvolverá nesta xeira un total de 12 actuacións, o mesmo que no 2019, ata o mes de novembro. Como é habitual serán as agrupacións Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos, integradas no colectivo XOC as que presenten os seus espectáculos no marco do programa. A vindeira actuación prevista será tamén do Fiadeiro o vindeiro 16 de agosto en Soutomaior.
O TradFest mantén o seu sitio nas festas do Apóstolo e multiplica os seus espazos
Xénero:
| 20 / 7 / 2020O pasado ano nacía o TradFest en Santiago, unha cita co folk en todas as súas expresións que entraba dentro do marco das festas do Apóstolo da capital galega con ánimo de continuidade, e dese xeito está tamén presente este ano cun día enteiro de programación o vindeiro 26 de xullo. Neste 2020 é unha edición adaptada á situación sanitaria sen renunciar a facer a festa incluíndo de novo música, canto, baile, cursos, feira, etc. Un escaparate das tradicións renovadas que nesta ocasión comprenderá dous enclaves da cidade: a Praza da Quintana cos concertos de encerramento e o Parque de Bonaval, onde se estenderá por tres espazos do parque a propia igrexa de San Domingos separando as actividades por formatos en cada un dos lugares. A nivel musical pasarán por Bonaval Barahunda, Zeltia Irevire, é Romance, Laura Lamontagne, Candorka, Porcoteixos e Anxo Lorenzo entre outros. O grupos de bailes serán Bouba, Altalaplana, Os Monifates e Cobos & Prieto darán cursos durante a xornada. Tamén haberá unha mostra de instrumentos e un mercado de libros e discos en Bonaval. As rúas da cidade estará durante o TrdFest animadas por catro ruadas e na Praza da Quintana estará a Banda Municipal de Música cun repertorio de título “De Tradición con Suso Vaamonde” e pecharán alí a xornada de TradFest ás 22:00 horas Tanxugueiras. O TradFest está promovido polo xornal La Voz de Galicia e producido desde Nordesía e aCentral Folque .
O Festival de Pardiñas muda o seu formato e pasa a ser un ciclo cultural
Xénero:
| 14 / 7 / 2020Pendente aínda de anunciar programa, a Asociación Xermolos adiantaba onte nas súas redes sociais o novo formato co que o Festival de Pardiñas se adaptará á crise sanitaria. Segundo explica o colectivo, a XLI xeira deste evento vaise desenvolver "nun novo formato de acordo co seu título de Feira e Festa da Música e das Artes, tendo en conta as medidas de seguridade vixentes, convencidos da necesidade de manter viva a nosa cultura e música mesmo nos tempos máis arrriscados". Deste xeito, a actividade distribuirase ao longo das fins de semana do mes de agosto por diferentes espazos do Concello de Guitiriz, ao xeito dun ciclo cultural que abrangue música, audiovisual ou literatura.
A agrupación Cántigas e Frores é galardoada co XIII Premio Opinión Andaina Senlleira
Xénero:
| 13 / 7 / 2020O XIII Premio Opinión Andaina Senlleira, que se outorga no marco dos Premios Opinión de Música de Raíz, ten xa nome. A organización dos galardóns acordou recoñecer neste ano a histórica agrupación lucense Cántigas e Frores como "un referente musical" do país. Nada en 1948 a integrar as agrupacións Frores e Silveiras e Cantigas e Aturuxos, a entidade mantén unha escola de música e baile tradicional con preto de 300 persoas inscritas en grupos de gaita, percusión, baile, canto tradicional, acordeón, violín, ou zanfona.
A aposta polo virtual marca o XVI Zona da Zanfona
Xénero:
| 29 / 6 / 2020Efrén López, Sobre Rodas, Os monifates e É Romance compoñen o cartel de concertos da XVI Edición do encontro Zona da Zanfona. Rianxo acolle entre o 3 e o 5 de xuño a nova xeira desta iniciativa que se adapta á situación sanitaria mediante recitais e cursos con reserva e aforo limitado e a aposta polas actividades virtuais.
REPORTAXE
Aprender das cantigas
Data.Antón Castro aproveita a nosa música tradicional para ensinar solfexo aos seus alumnos