Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Carlos Núñez presenta Discover cunha xira americana
Xénero:
| 5 / 10 / 2012Aínda que xa se pode adquirir desde o pasado mes de marzo en países como Francia ou Suíza, Carlos Núñez viaxa ata Nova York para presentar o seu novo traballo Discovery. Un concerto mañá na sala Drom de Manhattan será o comezo da xira que o levará por Estados Unidos e Canadá para dar a coñecer o disco. Discovery é un duplo álbum que achega un total de 39 temas do autor, unha boa parte dos cales están intepretados con outros músicos como The Chiftains, Dulce Pontes, Montserrat Caballé, Dulce Pontes, Carlinhos Brown ou Ryuichi Sakamoto. Canda a clásicos do repertorio do gaiteiro, o disco achega catro temas inéditos. O disco está editado por Sony Music.
Banda Crebinsky volta con Jet Lag
Xénero:
| 24 / 9 / 2012Naceron para interpretar a banda sonora do filme Crebinsky e continuaron a súa carreira nos escenarios coa xira Universo Crebinsky. Agora, a Banda Crebinsky amosa a súa vontade de seguir co traballo e presenta Jet Lag, un álbum de doce temas no que, baixo unha forte influencia da música tradicional balcánica, se mesturan estilos e linguas, con achegamentos á chanson francesa, ao folk ou á música klezmer. Editado por Boa Music, o disco preséntase co vídeo Un piatto dirixido por Enrique Otero. A banda capitaneada por Pablo Pérez e o bielorruso Vadim Yukhnévich anuncia unha xira de presentación para este outono.
Medomedá debuta con Mellorando pa peor
Xénero:
| 19 / 9 / 2012Logo de catro anos de actividade, Medomedá lanza o seu primeiro disco, co título de Mellorando pa peor. O CD achega doce cancións e mais unha introdución, incluíndo temas como Quero ver como te ris, que se presentara ao certame Apologhit! canda a outros coñecidos dos seus directos como Vas de guai e non chegas a chachi ou Un polbo botábao. O grupo mantén o seu estilo habitual, con fortes influencias do rock de Heredeiros da Crus. Ademais, Medomedá publicou no web Soundcloud extractos dos seus temas para o seu uso como tons de chamada de teléfonos. O disco foi gravado no estudio Pousada Son de Ames, e sae autoeditado baixo licenza Creative Commons.
Festicultores Troupe debuta con Sadomusiquistas
Xénero:
| 7 / 9 / 2012Logo de sete anos a animar cos seus directos festas e romarías, Festicultores Troupe debutan no mercado discográfico con Os sadomusiquistas, unha festa dolorosamente pracenteira. O disco achega dez temas inéditos e catro dos xa habituais nas súas actuacións como A Kabra Makabra, mantendo o ton festeiro e de pachanga propio do grupo. A gravación correu a cargo de Tomás Axeitos nos estudios A Ponte. Ademais do formato físico, o volume está dispoñible na rede en plataformas como Spotify,iTunes ou Grooveshark. Para quen queira coñecer o proxecto ao vivo, as vindeiras citas son o 9 de setembro no San Caralampio de Melide e o 15 de setembro nas festas patronais do Barco de Valdeorras e mais no Festival Paraíso de Monforte.
Fernando Abreu e Pablo Carrera presentan Dous
Xénero:
| 31 / 7 / 2012Con nome de 2us, Fernando Abreu e Pablo Carrera presentan Dous, un traballo no que fusionan a música popular con sons tan afastados como os africanos, os orientais ou o jazz. Partindo da base de guitarra e clarinete, o traballo segue na liña do seu anterior disco Son só sons e inclúe batería, contrabaixo e percusións nalgúns dos seus 11 temas. Editado baixo selo Nakra, o disco foi gravado e mesturado polo propio Carrera nos estudios Tooma, Pinkroom e Ancestral entre xaneiro de 2011 e maio de 2012.
Chega ás tendas o DVD ao vivo de Heredeiros da Crus
Xénero:
| 12 / 7 / 2012Os fans de Heredeiros da Crus xa poden gozar na casa de vinte e cinco temas do concerto que reuniu o grupo na discoteca LP-45 de Ordes o pasado 3 de marzo. O DVD Heredeiros da Crus - 20 aniversario, que recolle boa parte desta actuación, está xa nas tendas da man de Airapro Producións, e inclúe ademais os vídeos promocionais deste evento. O álbum, que supón o noveno lanzamento do grupo, pode adquirirse por 15 euros nas principais librarías, discográficas e centros comerciais de Galicia.
Aid achégase aos clásicos das letras en Rapoemas
Xénero: AUDIO
| 5 / 7 / 2012 +A Feira do Libro de Vigo acollía o pasado mércores a presentación de Rapoemas, o novo traballo da rapeira Aid. O libro-disco, editado por Galaxia contén 10 cortes nos que se adaptan ao hip-hop temas como A xusticia pola man, Castellanos de Castilla..., O maio, O cabozo ou Cantarte hei, Galicia. Curros Enríquez, Rosalía de Castro, Álvaro Cunqueiro e Manuel Antonio son os autores que se adaptan neste proxecto, que conta con arranxos e composición de Camilo Blanco Pampín.
Sae á venda o disco de Peldenoz
Xénero:
| 19 / 6 / 2012Temas da tradición galega pasados polo filtro de estilos coma jazz, swing, blues, soul, contemporánea, tango ou rock. Esta é a proposta que fai o dúo Peldenoz en jazz & trad, o seu primeiro disco autoeditado, que está a chegar estes días ás tendas e que se pode escoitar tamén na rede. Alonso Caxade ao acordeón e Alberto Rodríguez ao contrabaixo abordan un total de nove temas entre os que se poden atopar clásicos como Carolina ou Tóupele, aínda que moi transformados.
O Mar Maior de Luar na Lubre arrinca con fortes vendas
Xénero:
| 18 / 6 / 2012O último traballo de Luar na Lubre, Mar Maior, inicia o seu percurso cunha boas cifras de vendas. Na mesma semana do seu lanzamento, o pasado 5 de xuño, o disco acadaba situarse como o 31 disco máis vendido do Estado. O álbum que supón a estrea de Paula Rey como vocalista do grupo, está editado por Warner Music e inspírase no coñecido Libro das invasións que fala sobre os mitos e a historia antiga de Irlanda. Música medieval mestúrase coa tradición galego portuguesa e composicións propias neste proxecto.
Nani García Trío presenta Renaissance
Xénero:
| 12 / 6 / 2012Nani García volta ao jazz. Logo dunha longa temporada como compositor, presenta Renaissance, como Nani García Trío. Miguel Cabana á batería e Simón García no contrabaixo completan esta formación. Un total de oito temas compostos por García supoñen o debut discográfico do conxunto da man de Xingra, unha obra que "retende ser unha reflexión en clave positiva da importancia de reinventarse día a día". O Teatro Rosalía de Castro acolle o vindeiro 16 de xullo o concerto de presentación do álbum. A xira continuará despois do verán por todo o país.