Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Cantigas de mulleres achega unha escolma de voces femininas
Xénero: | 13 / 12 / 2012
Guadi Galego, Marful, Sés, Rosa Cedrón e Cristina Pato, Doa, María Manuela, Mónica de Nut ou Malvela son algunhas das voces femininas que se atopan en Cantigas de mulleres. Uxía Senlle coordinou este proxecto que lanza Fol Música e que compila 17 temas cantados, e nalgúns casos compostos por músicas galegas. Con este disco reivindícase a importancia do papel da muller no noso panorama sonoro. "Somos moitas as mulleres na composición, non só as intérpretes. Non somos só voces transmisoras do que outros escriben....cada vez somos máis as mulleres autoras: creadoras de textos e melodías que nos expresan e reivindican; voces que atronan contra o silenciamento e entoan cántigas tecidas coas nosas emoción", sinala Uxía na presentación do proxecto.
Fernando Barroso e Luís Peixoto lanzan Pop
Xénero: | 12 / 12 / 2012
Non contentos co seu traballo no seo de Assembly Point, e da participación en bandas como Os Cempés, Anxo Lorenzo Band ou Riobó, Fernando Peixoto e Luís Barroso debutan como dúo no campo da música de raíz. Pop, o seu flamante disco, achega 15 temas, na practica totalidade de composición propia, que amosan as mestría coas cordas dos dous músicos. Guitarras, bouzouki, mandola, guitarra portuguesa, viola braguesa, cavaquinho, mandolina ou banjo mestúranse na música deste traballo, que se gravou no estudio A Ponte.
Os da ría presentan o Disco díscolo
Xénero: | 10 / 12 / 2012
Arturito e Fabián, alter egos musicais de Carlos Meixide e Tomás Lijó, teñen xa disco como Os da ría. O apoio acadado na plataforma Verkami permitiulles autoeditar o Disco díscolo, un volume que recolle os temas que levan xa máis de dez anos a interpretar por escenarios de todo o país, como Chinchín polo borrachín do pueblo, Infanta Elena, Alberte Núñez Feixóo, Sin duda leo a Neruda, Miguel Delibes, A Conga de Uxío Novoneyra ou Caramba que guapa estás, Galicia, entre outras. Para a gravación, o dúo contou co apoio de Eneko Toba (Xabier Olite) á guitarra, Roque Permuy (Roi Fernández) ao baixo, Ramón Reynolds (Ramón Rúa) á batería e mais Suso Pián (Suso Alonso), aos teclados.
Ponte... nas ondas! compila o seu traballo nun libro-CD-DVD
Xénero: | 4 / 12 / 2012
Compilar o traballo da iniciativa Ponte... nas ondas! nun volume non é sinxelo. Os coordinadores deste proxecto educativo de comunicación presentaron a pasada fin de semana, no marco do Culturgal, Na ponte, un libro-CD-DVD que amosa unha pequena parte do material producido neste tempo. No apartado sonoro, poden escoitarse vinte e tres cancións que fixeron parte desta iniciativa, da man de artistas como Xosé Manuel Budiño, Lenine, Timbila Muzimba, Xoan Curiel, SocorroLira, Aline Frazao ou Luís Pastor. A nivel audiovisual, está dispoñible o documental Pontes nas ondas ou os videoclips realizados en diferentes edicións, así como unha escolma de narración oral.
Recuperan 720 cantigas recollidas por Casto Sampedro
Xénero: | 4 / 12 / 2012
Un estudo realizado por Xabier Groba, permitiu recuperar dos arquivos do Museo de Pontevedra 720 cantigas populares que recollera Casto Sampedro entre finais do século XIX e comezos do XX. Casto Sampedro e a música do Cancioneiro Galego de Tradición Oral, editado en dous volumes polo Concello de Redondela achega, canda a este material clasificado e editado, información histórica de contexto sobre a recollida. A publicación intégrase nas celebracións que está desenvolver o Concello polo 75 cabodano de Caso Sampedro, autor do Cancioneiro Galego, e que inclúen unha exposición, charlas e concertos.
Cantos na Maré chega á súa décima edición
Xénero: | 3 / 12 / 2012
O vindeiro 12 de xaneiro o Pazo da Cultura de Pontevedra acolle a décima edición do festival Cantos da Maré. O punto de encontro da música galega coa lusofonía contará nesta xeira con Rui Veloso desde Portugal, Chico César como representante do Brasil, Cheny Wa Gune, de Mozambique e a galega Sés. Canda a eles estará, coma sempre, Uxía, directora artística do evento e Paulo Borges como director musical. O festival presentouse esta fin de semana no marco do Culturgal, e abre a venda da súas entradas o vindeiro 5 de decembro.
Rodrigo Romaní presenta As arpas de Breogán
Xénero: | 3 / 12 / 2012
O instrumento musical que máis caracterizou a carreira musical de Rodrigo Romaní reclama todo o protagonismo en As arpas de Breogán, terceiro disco do músico. O proxecto conta con duas arpas, voces, contrabaixo e percusión en formato de cuarteto, acompañados por ocarinas ou elementos de ambientación electrónica. O volume recolle adaptacións de temas tradicionais, como Mi morena canda a composicións propia como a suite As arpas de Breogán, nos que o autor se achega á música clásica.
Silvia Penide regresa con Animal de compañía
Xénero: | 29 / 11 / 2012
O quinto disco de Silvia Penide está xa á venda. Animal de compañía está composto por dez temas nos que a cantautora, acompañada da súa banda Los Animales, amosa un son máis complexo e letras máis fondas. Segundo Penide, o disco evoluíu a partir da pintura de Tapiés e do traballo musical do brasileiro Hermeto Pascoal. Gravado ao vivo nos estudios Abrigueiro, con produción de Arturo Vaquero e a propia Silvia Penide, o disco preséntase ao público o 1 de decembro ás 18:30 no marco do Culturgal, en Pontevedra.
Tonhito de Poi volta con O soro da verdade
Xénero: | 27 / 11 / 2012
O soro da verdade é o título do novo proxecto de Tonhito de Poi. A amosar a súa experiencia vital e mística na Amazonia peruana, o artista de Ribeira publica un disco no que recolle fragmentos das cerimonias nas que participou, cánticos medicinais e sons da selva canda á creación musical do autor, que se achega ao estilo chill out ou á música de meditación. O disco incorpora un libro, Diario da viaxe cósmica á Amazonía, diario que escribiu o músico durante a súa experiencia, ademais poderá accederse a unha pista de vídeo con imaxes gravadas polo músico.
Fol editará o Son brasilego de Sergio Tannus
Xénero: | 26 / 11 / 2012
O primeiro disco de Sergio Tannus, Son brasilego sairá en edición dixital o vindeiro 12 de decembro e chegará ás tendas fisicamente o 18 do mesmo mes. O álbum parte da formación do Sergio Tannus Trio, que integra a Serginho Sales (piano, teclados e acordeón) e Paulo Silva (percusión e voz), pero conta cunha nutrida lista de colaboradores que inclúen a Ceumar, Antonio Zambujo, Ugía Pedreira, Joao Afonso, Najla Shami, Xabier Díaz, Aline Frazão, Narf, Couple Coffee, Carlos Blanco, Emilio Rúa, Xoan Curiel ou o Coro da Rá ata un total de 40 colaboradores.


