Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Begoña Salgueiro e Brais González recuperan 12 canciones gallegas
Xénero:
| 7 / 2 / 2014Nos anos 50 o crítico musical Antonio Fernández Cid promoveu desde a Deputación de Ourense un curioso proxecto: Encargarlle a compositores contemporáneos que elaborasen pezas a partir de textos de autores galegos. Así naceu a colección 12 canciones gallegas, na que se poden atopar poemas de Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Risco ou Cabanillas acompañados dos sons de Mompou, Montsalvatge, Guridi, Toldrà ou Rodrigo. Este material, inédito ata o momento, ve agora a luz da man do dúo composto pola soprano Begoña Salgueiro e polo pianista Brais Rodríguez, que publican un libro-CD con edicións Andavira.
Nelson Quinteiro debuta con Orquesta Gharbo!
Xénero:
| 20 / 1 / 2014A partir do seu traballo no espectáculo Gharbo! e noutros proxectos musicais, Nelson Quinteiro lanza o seu primeiro disco. Orquesta Gharbo! chega da man de Inquedanzas sonoras con nove temas nos que se atopa unha mestura de "tangos, muñeiras e pasodobles con alalás e con jotas", segundo explica a discográfica, sen esquecer toques pop e mesmo bravú. Reinterpretacións coloridas da tradición que contan con colaboracións a cargo de Pulpiño Viascón, Silvia Penide, Diego Ameixeiras, Alex Lorenzo e o coro de homes "Os estalotes". A presentación oficial deste traballo será no Teatro Colón da Coruña o vindeiro 7 de febreiro. O álbum, que se financiou parcialmente mediante unha campaña de crowdfunding foi gravado nos estudios da Fundación Autor SGAE de Santiago de Compostela.
Dos fíos invisibles chegan as cores para Mónica de Nut
Xénero:
| 15 / 1 / 2014Música clásica, jazz, rock e tradición galega danse a man en Dos fíos invisibles chegan as cores, o segundo disco de Mónica de Nut que acaba de ver a luz da man de Freecode Jazzrecords. Un volume que presenta unha interpretación "máis visceral" e que conta co guitarrista Virxilio da Silva e coas colaboracións de Marcelo Dobode na percusión tradicional e Javi JDjazz na trompeta e fliscorno.
Brath fusiona folk e flamenco en Codex
Xénero:
| 17 / 12 / 2013Eloi Caldeiro, compositor, voz e batería, aposta pola fusión de folk e flamenco para o novo traballo do seu grupo Brath. Codex é o título do último disco desta veterana banda, editado por Sons Galiza. O traballo ten como eixe os camiños ata a fin do mundo e incorpora toques de música africana, árabe e medieval ademais de incorporar o guitarrista Alberto Lucena. Caldeiro conta con José Rubio, Santi Suarez, Tania Capón, Alberto Sánchez e Marcos Campos para xira de presentación en marcha, que ten no Teatro Colón da Coruña (o 20 de decembro) e en Arteixo (o 28) as súas vindeiras citas.
A Orquestra Sondeseu estrea as súas Danzas brancas
Xénero:
| 16 / 12 / 2013O Centro Cultural Novacaixagalicia de Vigo acolle o vindeiro mércores 18 de decembro a estrea de Danzas Brancas. A Orquestra Folk Sondeseu protagoniza co seu cuarto traballo o Concerto de Nadal da Universidade de Vigo, nun concerto que contará coa presenza de Rushad Eggerson, Kepa Junquera e a ACD O Fiadeiro. O disco, que ve agora a luz da man de Fol Música, reinterpreta o patrimonio das danzas gremiais galega da man desta formación de corenta instrumentistas con temas propios de Anxo Pintos, Xaquín Xesteira, Xosé Liz ou Rodrigo Romani.
Galaxia reedita Cartas que veñen e van de Mamá Cabra e Susa Herrera
Xénero:
| 10 / 12 / 2013O libro-CD Cartas que veñen e van, con cancións de Mamá Cabra e textos e letras de Susa Herrera saiu á luz en 2006 en galego e castelán da man da editorial Primerapersona, ilustrado por Lorena Pita. Agora, Galaxia recupera este volume e preséntao en galego nunha nova edición ilustrada desta volta por María Lires. Os temas presentan forma de cartas dirixidas a lobos, osos, gatos ou ao Pai Nadal e que convidan aos máis pequenos a cantar e a xogar. A Casa do Libro de Vigo, o 14 de decembro e o Fórum Metropolitano da Coruña, o 2 de xaneiro, acollerán os concertos de presentación da xira que o grupo vai desenvolver a partir deste lanzamento.
Pablo Díaz chama a porta con Toc Toc
Xénero:
| 9 / 12 / 2013Logo do éxito do seu Tic Tac, hai xa catro anos, Pablo Díaz continúa a súa carreira na música para os máis novos co lanzamento de Toc Toc. A editorial Galaxia presenta este libro-disco, que conta con ilustracións de Nuria Díez e que achega un feixe de temas optimistas e con ritmo. Canda ao que dá título ao volume, tamén hai cancións dedicadas ao Apalpador, á defensa do medio ou ao coidado dos animais, todo elo con ritmos alegres e grandes doses de fantasía. Díaz conta cunha banda de apoio e inclúe no traballo instrumentos como gaita, guitarras, acordeón e percusións.
Un libro-disco repasa a música da fin do franquismo
Xénero:
| 5 / 12 / 2013O esforzo por construír unha música galega nos últimos tempos do franquismo é o eixe de De voces ceibes a Milladoiro. Antón Seoane analiza os anos anteriores ao primeiro disco desta última banda, da que formou parte, nun libro-CD que acaba de saír do prelo da man de Galaxia. No disco recóllense colaboracións de Antón Seoane, Pilocha e Rodrigo Romaní, Bibiano, Miro Casabella, X. Quintas Canella, Pancho Álvarez, Anxo Pintos ou Segundo Grandío, que gravan cancións emblemáticas daquela época, algunhas delas rexistadas por vez primeira para este proxecto.
A terra queima integra a narrativa e a música
Xénero:
| 4 / 12 / 2013Edicións Xerais acaba de presentar A terra queima, un libro con CD no que se integra a música e narrativa nunha soa historia. Cancións de Lalo Martínez complementan e achegan información sobre o misterio ao que se enfronta Antón, protagonista da narración. O volume conta con textos de Xurxo Souto e ilustracións de Sesé Barreiro.
A Aula Folque Infantil amosa o seu traballo en Pedaciños de ceo
Xénero:
| 3 / 12 / 2013Un vinilo no que alumnos da Aula Folque Infantil de Pontevedra traballan en coordinación cos seus profesores a amosar o traballo desta entidade desde 2002. Pedaciños de ceo presentábase no Culturgal a amosar as posibilidade do ensino da nosa tradición aos máis novos e a abordar a creatividade coa que alummnos e profesores abordan o noso patrimonio sonoro. Deste xeito, no proxecto atópanse temas tradicionais e composicións dos profesores canda a cancións creadas de xeito colectivo cos alumnos ou ás que estes achegaron as letras.