Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Roi Casal achégase ao pop no seu novo álbum
Xénero:
| 24 / 3 / 2014Cun xiro pop Roi Casal presenta Donos do noso destino, o seu terceiro álbum. O harpista achega sete novos temas de composición propia entre os que musica textos de Rosalía de Castro, Xosé María Días Castro ou William Ernest Henley. Instrumentos tradicionais como a harpa e zanfona comparten sons con guitarras eléctricas, baixos e baterías, nunha mestura na que o artista recoñece unha maior influencia pop. Logo de o presentar en Zurich a pasada fin de semana, Casal iniciará a xira de presentación do álbum cun concerto no Teatro Principal de Santiago o vindeiro 2 de abril.
A Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra grava Hansel e Gretel
Xénero:
| 21 / 3 / 2014Unha interpretación da primeira versión do conto dos irmáns Grimm. Tina Maroto, no texto e Iratxe López de Munáin a cargo das ilustracións gañaron o certame Cociña de Contos coa súa versión de Hansel e Gretel. Agora, OQO editora presenta o volume premiado, nunha edición que inclúe un CD no que a Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra interpreta seis fragmentos da ópera orixinal que Engelbert Humperdinck compuxera a partir do texto dos Grimm. O volume, que se gravou o pasado mes de novembro do Pazo da Cultura, presentouse o pasado 14 de marzo cun concerto ao vivo no Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.
Superoito chega con Todo me dá voltas
Xénero:
| 19 / 3 / 2014Logo dun ano desde o seu nacemento, o trío de Ordes Superoito presentan o seu primeiro traballo. todo me dá voltas achega trece temas de rock rápido con toques punk e ecos de grupos na liña de Herdeiros da Crus. O volume, autoeditado e dispoñible íntegro en Bandcamp, presentouse oficialmente o pasado 16 de marzo en Ordes. Agora o grupo continúa unha xira que os levará á compostelá Sala Moon o vindeiro día 21, à Taberna de Cerceda o 22 e ao coruñés Joana's Place o 28, como primeiras paraxes.
Ruxe Ruxe explora un mundo apocalíptico en Némesis
Xénero:
| 18 / 3 / 2014Un traballo conceptual que repasa a historia dalguén que esperta no medio dunha terceira guerra mundial que se manifesta na forma de crise económica. Tres actos nos que se repasan o crime, a corrupción, a rebelión e a falta de saídas. Ruxe Ruxe centra o seu novo traballo, Némesis, na problemática social a través da ficción. A sala Capitol de Compostela acolle o vindeiro 12 de abril a presentación do traballo, nun concerto no que os Ruxe estarán acompañados de Biribirlocke e que presentará Josito Porto.
Misterioso Viaje Holanda volta con MVH
Xénero:
| 14 / 3 / 2014Recén saído do prelo chega á rúa o segundo traballo de Misterioso viaje Holanda. MVH é o título do flamante disco do conxunto coruñés, que achega dez temas de pop atmosférico con toques psicodélicos. Gravado nos estudios Bruar e Santa Cruz Recording da Cidade Herculina, o álbum está dispoñible en Bandcamp. A xira de presentación do volume comeza este sábado 15 na Sala Son de Cangas e continuará pola Fábrica de Chocolate de Vigo (22 de marzo), o Pub Dantón de Laracha o 10 de abril, A Reserva de Carballo o 19 de abril e o Liceo Mutante de Pontevedra o 3 de maio.
O acordeón protagoniza Crossing de Andrés Penabad
Xénero:
| 13 / 3 / 2014Da man de Mandeo Records chega o debut en solitario de Andrés Penabad. Logo de participar en bandas como Muxarega ou de colaborar con bandas como Avelaíña e artistas como Kepa Junkera ou Xabier Díaz, o acordeonista presenta Crossing. O álbum, gravado nos estudios Cuarto Baleiro da Coruña, conta con colaboracións como as de Kepa Junkera, Bieito Romero, Fernando Barroso, Edelmiro Fernández, Davide Salvado ou Pedro Fariñas. A presentación aos medios farase o vindeiro 15 de marzo no Cine Alovi das Pontes.
Pablo Seoane Trío chega desde a Inópia
Xénero:
| 10 / 3 / 2014O Teatro Principal de Santiago acollía, no remate do mes de febreiro a posta de longo do terceiro disco de Pablo Seoane Trío. A veterá formación de jazz presenta en Inópia unha selección de temas nas que afonda na experimentación e xoga coas mesturas. Pablo Seoane ao Piano, L.A.R. Legido na batería e José Manuel Díaz ao contrabaixo amosan o seu bo facer nunha aposta que ten altas doses de improvisación.
Trilitrate lanza Faláchesme na man
Xénero:
| 7 / 3 / 2014Logo do éxito da súa campaña de crowdfunding, os vigueses Trilitrate presentan este sábado 8 no Liceo Mutante de Pontevedra Faláchesme na man. A formación de guitarra clásica, violín e acordeón mestura música acústica con grandes doses de improvisación con videocreación en tempo real. Un proxecto ecléctivo que oscila desde o tango ou a música contemporáne ata o noise ou o hardcore en quince temas gravados no estudios Pastora, de Vigo. A xira de presentación continúa este mes con recitais en Cangas o día 23 e Vigo o 31.
Xoán Eiriz presenta un repertorio internacional no seu novo disco
Xénero:
| 20 / 2 / 2014My Way, o Adagio de Albinoni, Hallelujah de Leonard Cohen ou Lágrima de Amália Rodrigues. O cantautor Xoán Eiriz aposta por un repertorio internacional, que ademais foi seleccionado polos seus propios seguidores, para o seu décimo terceiro disco. Dende as cordas do meu corazón, interpretado integramente en galego, inclúe tamén versións de poetas como Rosalía e Cunqueiro, xa habituais nos traballos do cantautor.
Terbutalina vai A muerte no seu sexto disco
Xénero:
| 10 / 2 / 2014A muerte é o título do novo disco de Terbutalina, o que supón o sexto título da súa carreira. O grupo lanzará o vindeiro 13 de febreiro o novo traballo, dez temas que, aseguran, "supoñen unha evolución na liña creativa da Terbutalina e dan forma á rabia, ao entusiasmo e á decepción". Máis peso para a composición e as melodías sen abandonar o espírito punk propio do grupo son as principais características do traballo. Gravado nos estudios A Ponte de Tomás Ageitos, a presentación oficial do traballo realizarase o vindeiro 7 de marzo cun concerto na compostelá sala Capitol.