Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Misterioso Viaje Holanda volta con MVH

Xénero: Pop | 14 / 3 / 2014

mvh_misterioso_viaje.jpg

Recén saído do prelo chega á rúa o segundo traballo de Misterioso viaje Holanda. MVH é o título do flamante disco do conxunto coruñés, que achega dez temas de pop atmosférico con toques psicodélicos. Gravado nos estudios Bruar e Santa Cruz Recording da Cidade Herculina, o álbum está dispoñible en Bandcamp. A xira de presentación do volume comeza este sábado 15 na Sala Son de Cangas e continuará pola Fábrica de Chocolate de Vigo (22 de marzo), o Pub Dantón de Laracha o 10 de abril, A Reserva de Carballo o 19 de abril e o Liceo Mutante de Pontevedra o 3 de maio.

O acordeón protagoniza Crossing de Andrés Penabad

Xénero: Folk | 13 / 3 / 2014

crossing_andres_penabad.jpg

Da man de Mandeo Records chega o debut en solitario de Andrés Penabad. Logo de participar en bandas como Muxarega ou de colaborar con bandas como Avelaíña e artistas como Kepa Junkera ou Xabier Díaz, o acordeonista presenta Crossing. O álbum, gravado nos estudios Cuarto Baleiro da Coruña, conta con colaboracións como as de Kepa Junkera, Bieito Romero, Fernando Barroso, Edelmiro Fernández, Davide Salvado ou Pedro Fariñas. A presentación aos medios farase o vindeiro 15 de marzo no Cine Alovi das Pontes.

Pablo Seoane Trío chega desde a Inópia

Xénero: Jazz/Blues | 10 / 3 / 2014

inopia_pablo_seoane_trio.jpg

O Teatro Principal de Santiago acollía, no remate do mes de febreiro a posta de longo do terceiro disco de Pablo Seoane Trío. A veterá formación de jazz presenta en Inópia unha selección de temas nas que afonda na experimentación e xoga coas mesturas. Pablo Seoane ao Piano, L.A.R. Legido na batería e José Manuel Díaz ao contrabaixo amosan o seu bo facer nunha aposta que ten altas doses de improvisación.

Trilitrate lanza Faláchesme na man

Xénero: Miscelánea | 7 / 3 / 2014

falachesme_na_man_C_trilitrate.jpg

Logo do éxito da súa campaña de crowdfunding, os vigueses Trilitrate presentan este sábado 8 no Liceo Mutante de Pontevedra Faláchesme na man. A formación de guitarra clásica, violín e acordeón mestura música acústica con grandes doses de improvisación con videocreación en tempo real. Un proxecto ecléctivo que oscila desde o tango ou a música contemporáne ata o noise ou o hardcore en quince temas gravados no estudios Pastora, de Vigo. A xira de presentación continúa este mes con recitais en Cangas o día 23 e Vigo o 31.

Xoán Eiriz presenta un repertorio internacional no seu novo disco

Xénero: Cantautor | 20 / 2 / 2014

xoan_eiriz_cordas_corazon.jpg

My Way, o Adagio de Albinoni, Hallelujah de Leonard Cohen ou Lágrima de Amália Rodrigues. O cantautor Xoán Eiriz aposta por un repertorio internacional, que ademais foi seleccionado polos seus propios seguidores, para o seu décimo terceiro disco. Dende as cordas do meu corazón, interpretado integramente en galego, inclúe tamén versións de poetas como Rosalía e Cunqueiro, xa habituais nos traballos do cantautor.

Terbutalina vai A muerte no seu sexto disco

Xénero: Rock | 10 / 2 / 2014

imaxe non dispoñible

A muerte é o título do novo disco de Terbutalina, o que supón o sexto título da súa carreira. O grupo lanzará o vindeiro 13 de febreiro o novo traballo, dez temas que, aseguran, "supoñen unha evolución na liña creativa da Terbutalina e dan forma á rabia, ao entusiasmo e á decepción". Máis peso para a composición e as melodías sen abandonar o espírito punk propio do grupo son as principais características do traballo. Gravado nos estudios A Ponte de Tomás Ageitos, a presentación oficial do traballo realizarase o vindeiro 7 de marzo cun concerto na compostelá sala Capitol.

Begoña Salgueiro e Brais González recuperan 12 canciones gallegas

Xénero: Clásica/Lírica | 7 / 2 / 2014

12canciones_gallegas_salgueiro_gonzalez.jpg

Nos anos 50 o crítico musical Antonio Fernández Cid promoveu desde a Deputación de Ourense un curioso proxecto: Encargarlle a compositores contemporáneos que elaborasen pezas a partir de textos de autores galegos. Así naceu a colección 12 canciones gallegas, na que se poden atopar poemas de Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Risco ou Cabanillas acompañados dos sons de Mompou, Montsalvatge, Guridi, Toldrà ou Rodrigo. Este material, inédito ata o momento, ve agora a luz da man do dúo composto pola soprano Begoña Salgueiro e polo pianista Brais Rodríguez, que publican un libro-CD con edicións Andavira.

Nelson Quinteiro debuta con Orquesta Gharbo!

Xénero: Folk | 20 / 1 / 2014

nelson_quinteiro_orquesta_gharbo.jpg

A partir do seu traballo no espectáculo Gharbo! e noutros proxectos musicais, Nelson Quinteiro lanza o seu primeiro disco. Orquesta Gharbo! chega da man de Inquedanzas sonoras con nove temas nos que se atopa unha mestura de "tangos, muñeiras e pasodobles con alalás e con jotas", segundo explica a discográfica, sen esquecer toques pop e mesmo bravú. Reinterpretacións coloridas da tradición que contan con colaboracións a cargo de Pulpiño Viascón, Silvia Penide, Diego Ameixeiras, Alex Lorenzo e o coro de homes "Os estalotes". A presentación oficial deste traballo será no Teatro Colón da Coruña o vindeiro 7 de febreiro. O álbum, que se financiou parcialmente mediante unha campaña de crowdfunding foi gravado nos estudios da Fundación Autor SGAE de Santiago de Compostela.

Dos fíos invisibles chegan as cores para Mónica de Nut

Xénero: Fusión | 15 / 1 / 2014

monica_de_nut_dos_fios_invisibles_chegan_as_cores.jpg

Música clásica, jazz, rock e tradición galega danse a man en Dos fíos invisibles chegan as cores, o segundo disco de Mónica de Nut que acaba de ver a luz da man de Freecode Jazzrecords. Un volume que presenta unha interpretación "máis visceral" e que conta co guitarrista Virxilio da Silva e coas colaboracións de Marcelo Dobode na percusión tradicional e Javi JDjazz na trompeta e fliscorno.

Brath fusiona folk e flamenco en Codex

Xénero: Fusión | 17 / 12 / 2013

brath_codex.jpg

Eloi Caldeiro, compositor, voz e batería, aposta pola fusión de folk e flamenco para o novo traballo do seu grupo Brath. Codex é o título do último disco desta veterana banda, editado por Sons Galiza. O traballo ten como eixe os camiños ata a fin do mundo e incorpora toques de música africana, árabe e medieval ademais de incorporar o guitarrista Alberto Lucena. Caldeiro conta con José Rubio, Santi Suarez, Tania Capón, Alberto Sánchez e Marcos Campos para xira de presentación en marcha, que ten no Teatro Colón da Coruña (o 20 de decembro) e en Arteixo (o 28) as súas vindeiras citas.

<< Inicio / Anterior . 701 a 710 de 1395 . Seguinte \ Fin >>